Protestas de maio de 2011 en España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As protestas de maio de 2011 en España, chamadas por algúns medios estatais Movemento 15-M e Indignados son unha serie de protestas cidadás espontáneas xeradas nas redes sociais e ideadas pola plataforma civil e dixital ¡Democracia Real YA!, que obtivo inicialmente o apoio de máis de 200 pequenas asociacións.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Comezaron o 15 de maio de 2011 cunha convocatoria en 58 cidades españolas, mais tamén se estendeu a outros países europeos. Trátase de protestas pacíficas que reivindican un cambio real na política e sociedade do Estado español, pois os manifestantes consideran que os partidos políticos nin os representan nin toman medidas que os beneficien. ¡Democracia Real Ya! escribiu un manifesto en castelán, galego, catalán, asturiano, vasco e inglés,[1]

Xurdiron próximas ás eleccións municipais, fixadas o 22 de maio. Foron relacionadas pola prensa coa crise económica, o libro Indignádevos![2] de Stéphane Hessel, a problemática da xente nova canto da precariedade e o desemprego e o exemplo das revolucións e protestas do mundo árabe, en Grecia e en Islandia. Aínda que os manifestantes forman un grupo ambiguo e heteroxéneo, teñen en común o estaren fartos e amolados contra a clase política, polo que esixen poñer o fin ao bipartidismo político entre os dous principais partidos, PP e PSOE, o fin da corrupción, que roza niveis alarmantes, e o respecto polos dereitos básicos e recollidos na constitución e nos estatutos autonómicos: vivenda, traballo, cultura, saúde, educación, participación política, libre desenvolvemento persoal e dereito a bens de primeira necesidade.

As protestas aparecen nun momento en que a mocidade está academicamente máis preparada que nunca, a xulgar polos baremos educativos europeos, e en que, segundo a axencia Metroscopia, o 89% dos españois cren que os partidos políticos pensan só neles mesmos. A intención inicial dos manifestantes foi acampar nas principais prazas das cidades até as eleccións do día 22 de maio, entre elas a do Obradoiro en Compostela, mais continúa tras esa data.

O groso dos manifestantes son novos, pero tamén participan parados, maiores e mesmo familias. Todos eles repetiron a natureza pacífica das protestas, feito que tamén é reflectido pola prensa estranxeira. Os indignados en xeral e ¡Democracia Real YA! en particular, desvinculáronse publicamente dos diversos incidentes sucedidos durante as manifestacións.

Propostas[editar | editar a fonte]

Protestas en Madrid.
Manifestantes na praza da Bastilla en París o 20 de maio. Os subtítulos da pancarta, como #spanishrevolution ou #15M, fan referencia ao papel decisivo de Twitter e outras redes sociais

O 18 de maio, os manifestantes de Madrid redactaron unha serie de propostas concretadas en tres puntos:[3]

  1. Reforma da Lei Electoral: Que todos os votos emitidos en España conten por igual na repartición de escanos, isto é, nunha circunscrición única.
  2. Separación de poderes e reforma do Senado: Independencia real e total entre os poderes executivo e xudicial, e reforma do Senado porque non deixa de ser máis que un simple trámite.
  3. Rexeneración política: Listas electorais abertas, supresión do financiamento público dos partidos políticos, inhabilitación permanente das persoas condenadas por corrupción, supresión de privilexios e publicación de patrimonios dos cargos políticos.

Venres 27 de maio - Desaloxo da praza Catalunya[editar | editar a fonte]

A mañá do día 27 produciuse un grave incidente cando a Generalitat e o concello de Barcelona decidiron enviar os Mossos d'Esquadra e a Garda Urbana para desaloxar pola forza a praza de Catalunya co pretexto de limpala. Os manifestantes rexeitaron abandonar a praza e produciuse un desaloxo forzado da praza usando a violencia as forzas da orde mencionadas, de maneira que a violenta liorta acabou con 121 feridos leves.[4] Esta actuación policial provocou novas convocatorias en todas as prazas tomadas do estado. A maioría dos feridos sufriron golpes provocados pola forza das porras dos axentes. Pouco despois do mediodía os desaloxados xa tiñan ocupada a praza outra vez.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Democracia Real Ya (ed.). "Manifesto". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2011. Consultado o 19 de maio de 2011. 
  2. "Texto Íntegro de Indignádevos de Hessel - Denuncia social" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2015. Consultado o 27 de maio de 2011. 
  3. Propostas escritas en Madrid o 18 de maio de 2011 (consultado o 20 de maio de 2011). (en castelán)
  4. "Son xa 120 os feridos no desaloxo dos 'indignados' de Barcelona,". Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2012. Consultado o 27 de maio de 2011. 
  5. El País; Os 'indignados' recuperan a praza de Catalunya tras a retirada da policía, 27 de maio de 2011 (consultado o mesmo día).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]