Pazos de Borbén

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°17′36″N 8°31′56″O / 42.29333, -8.53222

Pazos de Borbén
Bandeira de Pazos de Borbén
Escudo de Pazos de Borbén
Casa do Concello.
Situación
Xentilicio[1]pacense
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca de Vigo
Poboación2.993 hab. (2023)[2][3]
Área50,0 km²[3]
Densidade59,86 hab./km²
Entidades de poboación8 parroquias[4]
Capital do concelloPazos
Política (2023 [5])
AlcaldeXosé Luciano Otero Fariña (AV[6])
ConcelleirosBNG: 1
PPdeG: 5
PSdeG-PSOE: 1
Outros: AV: 4
Eleccións municipais en Pazos de Borbén
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes65,56%
Na rede
https://pazosdeborben.gal/
editar datos en Wikidata ]

Pazos de Borbén é un concello da provincia de Pontevedra pertencente á comarca de Vigo. Segundo o IGE en 2022 tiña 2.998 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «pacense».

Demografía[editar | editar a fonte]

Censo total (habitantes) 2.975 (2021)
Menores de 15 anos 333 (11,19 %)
Entre 15 e 64 anos 1.863 (62.62 %)
Maiores de 64 anos 779 (26.18 %)

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello, de 50 km², abrangue oito parroquias e limita cos concellos de Redondela, Fornelos de Montes, Soutomaior, Mondariz, Ponteareas e Mos.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

As augas do concello dan a tres concas: cara ao norte os ríos Barragán e Pequeno van dar ao Oitavén. Cara ao sur os ríos Borbén e Louro desembocan no río Miño. Cara ao oeste, o río Alvedosa desemboca en Redondela.

Orografía[editar | editar a fonte]

O monte Galleiro (670 m) é o cumio máis elevado. Outros picos son o monte da Serra (616 m), A Pedra Quitiña (532 m) e o Outeiro do Mar (475 m).

Comunicacións[editar | editar a fonte]

Dista 23 e 25 km de Vigo e Pontevedra, respectivamente. A estación de ferrocarril máis próxima é a de Redondela, a 8 km, e o aeroporto de Peinador atópase a 15 km. En Pazos, capital municipal, conflúen dúas estradas provinciais. A PO-253 conecta con Mondariz e mais coa N-120 en Ponteareas. A PO-250, a vía de comunicación principal, conecta a vila con Redondela e Fornelos de Montes e coa N-550.

Clima[editar | editar a fonte]

O municipio pertence ao dominio climático oceánico-húmido con tendencia a aridez estival. Presenta temperaturas moderadas e abundancia de precipitacións. O inverno, fresco, presenta unha temperatura media en xaneiro de 9,5 °C e o verán, temperado, unha media de 21 °C. A media anual é de 14 °C e non hai unha oscilación térmica moi pronunciada (11,5 °C). Non supera os doce días de xeadas, máis frecuentes no sector suroriental. As precipitacións superan os 1.500 mm anuais, que se concentran nos meses de outono e de inverno.

Escudo e bandeira[editar | editar a fonte]

Tanto o escudo como a bandeira entraron en vigor oficialmente o 21 de abril do ano 1994, segundo o Decreto 85/1994[8] do 8 de abril, polo que se aproba o escudo heráldico maila bandeira municipal do Concello de Pazos de Borbén (Pontevedra).

Escudo[editar | editar a fonte]

De azur (azul), un cruceiro de prata (branco), terrasado de sinople (verde). Ó timbre, coroa real pechada. O cruceiro branco sobre a terrasa, ou base verde, que figura nestas armas municipais xustificouse polo uso, aínda que non exclusivo certamente, que de tal figura fixo nos seus selos o concello de Pazos de Borbén, e probablemente desde a súa creación en 1836. Así efectivamente figura, cando menos, en diversas reproducións do selo municipal utilizado entre 1847 e 1857, aínda que se ignora a razón de pór nel este motivo tan pouco axeitado para o gusto heráldico.

Bandeira[editar | editar a fonte]

De cor amarela a metade superior e azul ultramar medio a inferior.

Historia[editar | editar a fonte]

Idade Antiga[editar | editar a fonte]

Os primeiros xacementos arqueolóxicos atopados dan unha cronoloxía que vai dende o 3000 ó 1800 a.C., mais o marco cronolóxico máis documentado é a Idade de Bronce (1800-600 a.C.). Nos séculos III e IV crese que Pazos de Borbén podería ser a antiga poboación romana de “Burbida”,[9] mais outras investigacións[10][11] afirman que Burbida fai referencia ó barrio vigués do Berbés.[12]

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Durante o Antigo Réxime o territorio estaba dividido entre as xurisdicións de Redondela Nova, entón baixo o feudo do arcebispo de Santiago de Compostela, e Soutomaior, dominio do duque homónimo, que formaban parte da antiga provincia de Tui.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

O concello creouse tras a Constitución de Cádiz de 1812 e a consecuente substitución do Antigo Réxime pola administración municipal. Mantívose durante o reinado de Fernando VII de España, que supuxo a restauración do réxime señorial, e tras a recuperación definitiva do municipalismo en 1835 o concello integrouse na provincia de Pontevedra. A mediados do século XIX a súa capitalidade pasou de Borbén a Pazos, e a finais desa centuria sumouse a freguesía da Ermida, que se segregou da de Pazos. Na actualidade forma parte do partido xudicial de Redondela.[13]

Durante o século XX houbo unha forte emigración cara a Suramérica, especialmente ao Brasil. Destaca tamén a emigración a Portugal, sobre todo a Lisboa, que se desenvolveu dende mediados do século XVIII.[14]

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Igrexas[editar | editar a fonte]

  • Igrexa de San Salvador de Xunqueiras, datada na Idade Moderna[15], feita de perpiaño granítico labrado e escuadrado, de planta basilical con ábsida cuadrangular. O teitume é a dúas e catro augas con pináculos nos extremos. Na fachada principal, con pilastras nos laterais, hai unha porta de acceso enmarcada. Por riba dela aparece a imaxe do patrón no interior dunha fornela. Tamén aparece unha fiestra cadrada con derramo interno. O conxunto remata nunha espadana de recente factura de dous corpos con arcos de medio punto e remate en cruz latina.
  • Igrexa de San Martiño de Nespereira, rematada en 1782[16] sobre outra anterior a base de perpiaño granítico labrado e escuadrado. Ten unha planta rectangular dunha soa nave e cuberta a dúas augas con tella curva do país. Presenta pináculos e contrafortes nos muros laterais. Na fachada principal hai unha porta de acceso alintelada con molduras. Enriba dela unha pequena fornela acolle a imaxe pétrea do patrón. Unha xanela cadrada con derramo interno dá paso a unha espadana de dous ocos con arcos de medio punto. O conxunto remata cunha cruz fe pedra e dous pináculos laterais. Entre a espadana e a xanela destaca o emblema da Orde de Malta. Da igrexa anterior consérvase unha seteira tapiada e unha inscrición que di E MCCCVI. No interior da edificación destaca unha lauda sepulcral. Fronte a fachada principal sitúase un cruceiro.
  • Igrexa de Santiago de Cuartos de Borbén,[17] rematada en 1771, de estilo barroco[18] e consagrada a Santiago o Maior, debido a que pola zona pasa un ramal do camiño de Santiago. Ademais, este lugar era parte do itinerario de peregrinación dende Soutomaior e Redondela cara á Virxe da Franqueira. Tamén unha importante vía romana pasou por aquí nos primeiros séculos do primeiro milenio. A portada está formada por un arco rebaixado rodeado por dúas columnas encostadas. Por enriba, nun fornelo, a figura de Santiago. Un torreón dun só corpo e con campanario levántase enriba, no centro do conxunto.
  • Igrexa parroquial de San Sadurniño de Amoedo,[19] de orixe románica situada no núcleo de Amoedo. A planta do templo é de cruz latina e conserva algunhas características da súa orixe románica, xa que sufriu transformacións ao longo da historia. O conxunto parroquial está formado por igrexa e cemiterio. Nun lateral do acceso ao cemiterio foi rehabilitada a antiga pía bautismal de granito do s. XII-XIII.
  • Igrexa de San Pedro de Cepeda,[20] do século XVIII, feita de perpiaño e cachotería granítica. Posúe planta dunha soa nave con cuberta a dúas augas. A sancristía aparece acaroada a un dos muros laterais. A fachada principal presenta porta alintelada, unha fiestra e unha espadana de dous ocos con remate en cruz pétrea e pináculos nos laterais.

Adros e cemiterios[editar | editar a fonte]

Ata principios do século XX os enterramentos realizábanse no chan destes recintos, co que as lápidas formaban o enlousado do adro da Igrexa. Este tipo de cemiterios foron desaparecendo en tódalas parroquias do concello. Só se conserva o de San Martiño de Nespereira.

Durante o século XX fóronse engadindo panteóns dentro do adro da igrexa. Un dos cemiterios máis coñecidos neste estilo é o de Xunqueiras, que destaca pola espectacularidade dos traballos en pedra dos seus grandes panteóns.

Petos de ánimas[editar | editar a fonte]

En canto ós petos de ánimas, destaca o da parroquia de Pazos, de grande interese etnográfico. A súa construción fíxase no século XVIII. Está situado nunha encrucillada da parte central da parroquia. A devoción ás ánimas segue viva entre as xentes, quen adoitan levarlles como ofrenda patacas e millo con formas raras.[10]

Este peto de ánimas intégranno unha base sobre a que se instalou un edículo con urna de remate semicircular, cun antepeito na parte inferior, onde se aloxa o esmoleiro, e acabada por unha cornixa moldurada. Varios pináculos de distintas facturas coroan o monumento. En total mide 3 m de altura por 1,3 m de ancho. Dende un punto de vista arquitectónico, este peto de ánimas é moi semellante ó de Cortellas (Padróns, Ponteareas), aínda que de menor desenvolvemento artístico.[21]

Canastros[editar | editar a fonte]

Agora xa en desuso, aínda que a maioría ben conservados, dan fe do recente pasado agrícola na zona. Utilizábanse para gardar o gran e as colleitas, especialmente o millo. En xeral son de feitura coidadosa e elaborada e expresan a importancia que tivo para a subsistencia da poboación labrega o que neles se gardaba.

Foxo de lobos[editar | editar a fonte]

Na parroquia de Moscoso atópanse os restos dun foxo que se utilizaba antano para a caza dos lobos. Esta construción estaba composta por dous muros de grandes dimensións que formaban unha uve. Converxían nun burato moi fondo no chan. Estes muros permitían conducir o lobo ata dito burato e deixalos sen posibilidades de fuxir.[10] A antigüidade da construción non está determinada, mais sábese que deixou de utilizarse aproximadamente a finais do século XIX. A maioría das grandes pedras que formaban os seus muros foron desaparecendo cos anos, mais aínda se poden observar pequenos restos desta construción.[22]

Restos arqueolóxicos[editar | editar a fonte]

O asentamento de culturas prehistóricas é evidente, dada a multitude de gravados rupestres e castros da área. Atópanse no concello multitude de gravados rupestres, sinais de tempos antigos e testemuñas dunha historia moi remota.

Na parroquia de Amoedo hai numerosos lugares con petróglifos de motivos xeométricos, como a Laxe das cruces dos Carballiños, os petróglifos de Masusán ou os de Alvedosa.

En Borbén existen gravados rupestres no Castro do Coto do Corno e tamén a Pedra das Teixiñas, nas proximidades do parque-miradoiro do Santo Aparecido, con varios grupos de gravados. O máis significativo é quizais o que amosa unha escena de apareamento entre dous cérvidos de gran cornamenta.

En Cepeda existen petróglifos de motivos xeométricos en Cavada de Santiago e en Valongos.

En Moscoso, na Casa da Rapadoira, pódense observar combinacións circulares e máis un posible pé humano. Na Laxe Escorregadoira da Lameira e no Outeiro do Mar existen formas cruciformes e cazoletas.

Natureza[editar | editar a fonte]

Neste concello está a ruta de sendeirismo "Senda da fraga do río Barragán" (PR-G164). Pódese acceder a ela pola estrada PO-252 (Mondariz-Moscoso), na parroquia de San Salvador de Xunqueiras, no desvío que indica cara ao Torreiro. A uns 100 m atópase unha praza na que está sinalado o inicio do sendeiro. Deseñado arredor de conca do río Barragán, o seu trazado discorre a diferentes alturas, co río como eixo central.

Outro lugar de interese, en Cuartos de Borbén, son as "levadas", canles artificiais para levar auga dos ríos desde longas distancias cara ás zonas de regadíos, e mesmo para o uso de máquinas hidráulicas como os muíños.[23]. En Cuartos de Borbén, a senda que discorre xunto a unha antiga levada foi remodelada para crear un paseo. Esta parte desde o km 9 da PO-253, onde o río do Pozo Negro cruza a estrada.

Economía[editar | editar a fonte]

Até a década de 1970 a economía do concello era esencialmente de subsistencia, baseada na agricultura e a gandería. Actualmente moita xente desprázase a Vigo, Redondela e Pontevedra, onde están as áreas industriais, ou traballan no sector servizos.

O Polígono Industrial A Chan de Amoedo acolle empresas de alimentación, artes gráficas, fabricación de colchóns e construción. A zona industrial do concello, inaugurada en 2006, conta cunha superficie de 139.863 metros cadrados.[10]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Pazos de Borbén

Amoedo (San Sadurniño) | Borbén (Santiago) | Cepeda (San Pedro) | A Ermida (Nosa Señora da Anunciación) | Moscoso (San Paio) | Nespereira (San Martiño) | Pazos (Santa María) | Xunqueiras (San Salvador)

Lugares de Pazos de Borbén[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Pazos de Borbén vexa: Lugares de Pazos de Borbén.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Pazos de Borbén".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2023. 
  6. "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2023. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. "D.O.G.A - Decreto 85/1994". Xunta de Galicia. 21/04/1994. p. 2130. Consultado o 23/08/2020. 
  9. Lamas, Jorge (02/05/2015). "Una tesis «cum laude» echa por tierra que Burbida fuese el nombre romano de Vigo". La Voz de Galicia. Consultado o 23/08/2020. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 "As voces das pedras". Concello de Pazos de Borbén. Consultado o 23/08/2020. 
  11. Saéz Taboada, Benito (2002). "APORTACIONES AL TRAZADO DE LA VÍA 19 DEL ITINERARIO DE ANTONINO A SU PASO POR GALICIA". Dialnet: 389–408. 
  12. González Crespán, César (29/08/2014). "La ciudad romana de Burbida". Astrovigo. Consultado o 23/08/2020. 
  13. Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Tomo XXXV. Ed. El Progreso. 2005. p. 110. ISBN 84-87804-26-8. 
  14. Leira, Xan (2007). Historias dunha emigración difusa (PDF). Acuarela Comunicación. 
  15. Franco, Óscar (14/02/2017). "Igrexa de San Salvador de Xunqueiras". Patrimonio Galego. Consultado o 23/08/2020. 
  16. "Igrexa de San Martiño de Nespereira". Xoán Arco da Vella. 26/11/2017. Consultado o 23/08/2020. 
  17. "Iglesia de Santiago de Cuartos de Borbén". Galicia Máxica. 03/03/2016. Consultado o 23/08/2020. 
  18. "Igrexa de Santiago de Borbén". Patrimonio Galego. 31/12/2016. Consultado o 23/08/2020. 
  19. "Iglesia parroquial de San Sadurniño de Amoedo". Turismo Rías Baixas. Consultado o 23/08/2020. 
  20. Franco, Óscar (21/12/2016). "Igrexa de San Pedro de Cepeda". Patrimonio Galego. Consultado o 23/08/2020. 
  21. Fernández Pintos, Julio. "El peto de ánimas de Santa María de Pazos". Archivos del Patrimonio Histórico Gallego. Consultado o 23/08/2020. 
  22. "Foxo dos lobos en Pazos de Borbén". Turismo de Galicia. 10/02/2014. Consultado o 23/08/2020. 
  23. "Levada de Casqueiros". Galicia Máxica. Consultado o 23/08/2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.