La Voz de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°19′16″N 8°30′14″O / 43.32108, -8.503879

La Voz de Galicia

Portada do 30 de xuño de 1901.
Tipoinformación xeral
Corcor e branco e negro
Fundación4 de xaneiro de 1882 (142 anos)
Empresa editoraLa Voz de Galicia, S.A.
PropietarioSantiago Rey Fernández-Latorre
DirectorXosé Luis Vilela
FundadorJuan Fernández Latorre
Tendenciaconservadorismo, rexionalismo galego
Linguacastelán [1]
Ámbitonacional (Galiza)
ImpresiónSabón, Arteixo
Periodicidadediaria
Prezo1,20 durante a semana e 2,20 os domingos (2012)
Tiraxeaprox. 100 000 exemplares
SecciónsEspaña, Mundo, Comarcal, Opinión, Deportes, Cultura, Tecnoloxía, Xente, Galicia
ISSN1888-5160
Na rede
http://www.lavozdegalicia.es/
editar datos en Wikidata ]

La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre.[2] La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal converténdose nun dos dez medios impresos con maior tiraxe de todo o estado.[3] A empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, sempre estivo nas mans da mesma familia e na actualidade o accionista maioritario e único é Santiago Rey Fernández-Latorre.

Historia e evolución[editar | editar a fonte]

Segundo datos da Oficina de Xustificación da Difusión (OJD), La Voz de Galicia tivo unha tirada media diaria, no período comprendido entre xaneiro e decembro de 2017 de 74.602 exemplares, cunha difusión de 65.390,[4] o que representou un descenso sobre os datos do ano 2005, no que tivera unha difusión de 119.615 e 103.399 exemplares, respectivamente. No ano 2006, a edición dominical do diario tivo unha tirada de 160.400 exemplares, de media, e unha difusión de 138.970. La Voz de Galicia é un xornal coñecido en Galicia pola súa difusión sendo moi superior ás súas vendas xa que está presente en moitos lugares públicos: institucións, bancos, centros de hostalería, locais sociais etc.

A cabeceira do Grupo Voz ten a súa sede e redacción na Coruña e a rotativa en Sabón (Arteixo), inaugurada en 1992. O grupo ademais do citado xornal é propietario de nove emisoras de radio (RadioVoz) que dan cobertura a toda Galicia, unha produtora de televisión que traballa creando series para outras emisoras, unha empresa de estudos de sondaxe de opinión (Sondaxe), unha licenza de televisión dixital terrestre de ámbito autonómico, e tamén foi a editora do xornal Diario de León, vendido a un empresario da capital leonesa no mes de xuño de 2007. La Voz de Galicia tamén tivo proxectos para expandirse fóra de Galiza, así creou edición nacional en Madrid e as súas emisoras de radio estiveron a emitir programación con grupos como Antena 3.

Rotativa en Sabón, Oseiro, Arteixo.

Edicións locais[editar | editar a fonte]

O modelo de edicións que caracteriza a La Voz comezou a xestarse na década de 1960 coa idea non só de achegar información local, achegando tamén a cada comarca as súas novas. Nesa época estaban a xurdir xornais nas cidades centrados en informar no ámbito local e ían pechando outros ao tempo. As preto de 60 páxinas do corpo central, con portada en cor e un número variable no interior de páxinas en cor, conteñen unha escolma de novas de ámbito xeral, mentres que un caderno pequeno de doce a dezaseis páxinas intercala en cada edición, ofrecendo aos lectores a información máis próxima, á súa cidade, comarca ou provincia. Cada comarca recibe así un pequeno xornal co título de La Voz de, e o nome da comarca. A información complétase con colaboradores locais.

As seccións reciben os nomes das principais comarcas de Galiza:

A delegación de La Voz de Galicia en Vigo está no edificio Vista Alegre, na rúa García Barbón.

O uso do galego no xornal está limitado a novas concretas sobre temas galegos e ao uso que del fan colaboradores habituais ou artigos de opinión de xornalistas, políticos ou xente da cultura.

Edición dixital[editar | editar a fonte]

La Voz de Galicia iniciou a súa edición dixital o 17 de maio de 2000.[5] Dende os seus inicios a páxina foi unha das máis seguidas en Galiza entre os xornais informativos. Foi ampliando contidos, nos inicios limitábase a ofrecer un resumo das novas máis destacadas do xornal e algunha información local. Existe unha versión de pago con acceso a todo o contido do xornal. La Voz de Galicia ten rexistrados en Internet lavozdegalicia.es, lavozdegalicia.com, lavoz.com e avoz.com. Na páxina web, ademais de en castelán, pódense consultar os contidos en galego por obra dun tradutor automático.

En decembro de 2015, a edición dixital superaba os 8,5 millóns de usuarios mensuais.[2]

Ingresos[editar | editar a fonte]

Ademais dos ingresos pola venda de xornais e por publicidade (tanto na edición en papel como na dixital), La Voz de Galicia recibe unha subvención anual da Xunta de Galicia, que no ano 2014 ascendeu a 662.175,81 €.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Conta con versión en galego procedente dun tradutor automático [1] e algunhas novas e artigos aparecen orixinalmente nesta lingua.
  2. 2,0 2,1 Rey Fernández-Latorre, Santiago (2016). Yo protesto. Col. Biblioteca Gallega. A Coruña: La Voz de Galicia. pp. 7–8. 
  3. "Buscador de Publicaciones". OJD interactiva. Por título: "La Voz de Galicia". Consultado o 17 de agosto de 2013. 
  4. "OJD" (en castelán). Consultado o 2024-01-29. 
  5. EFE/Redacción (18 de maio de 2000). ""La Voz de Galicia" ofrece en Internet su edición digital". www.elmundo.es. Consultado o 29 de xaneiro de 2024. 
  6. "DOG 224 do 21/11/2014 - RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2014, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión.". www.xunta.gal. Consultado o 2024-01-29. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre xornalismo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.