Guerra de Inverno

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Guerra de Inverno
Parte de Segunda guerra mundial

Patrulla de esquiadores fineses o 12 de xaneiro de 1940.
Data 30 de novembro de 1939 – 13 de marzo de 1940
Lugar Leste de Finlandia
Resultado Tratado de paz de Moscova
(paz interina)
Casus belli Incidente de Mainila
Cambios territoriais Cesión das illas do golfo de Finlandia, o istmo de Carelia, Carelia do Lagoda, Salla, e a península de Rybachy, e o arrendamento de Hanko á Unión Soviética.
Belixerantes
Finlandia Finlandia Unión Soviética Unión Soviética
Líderes
Finlandia Kyösti Kallio
Finlandia Risto Ryti
Finlandia Carl Gustaf Emil Mannerheim
Unión Soviética Iosif Stalin
Unión Soviética Kirill Meretskov
Unión Soviética Kliment Voroshilov
Unión Soviética Semyon Timoshenko[a]
Forzas en combate
300 000 - 340 000 soldados[b]

32 tanques[c]
114 avións[d]

425 000 - 760 000 soldados[e]

2 514 - 6 541 tanques[f]
3 880 avións[14]

Baixas
25 904 mortos ou desaparecidos[15]

43 557 feridos[16]
800-1 100 capturados[17]
957 civís en ataques aéreos[18]
20 - 30 tanques
62 avións[19]
70 000 total de baixas

126 875 - 167 976 mortos ou desaparecidos[20][21][22]

188 671 - 207 538 feridos[20][21] (incluídos canto menos 61 506 enfermos ou conxelados[23])
5 572 capturados[24]
1 200 - 3 543 tanques[25][26][27]
261 - 515 avións[27][25]
323 000 - 381 000 total de baixas

A guerra de Inverno[g] foi un conflito militar entre a Unión Soviética e Finlandia. Comezou cunha ofensiva soviética o día 30 de novembro de 1939 (dous meses despois do inicio da Segunda guerra mundial e da invasión soviética de Polonia), e rematou o 13 de marzo de 1940 co Tratado de paz de Moscova. A Sociedade de Nacións considerou o ataque ilegal e expulsou a Unión Soviética da Sociedade o 14 de decembro de 1939.

Os soviéticos tiñan tres veces máis soldados que os fineses, trinta veces máis avións, e cen veces máis tanques. O Exército Vermello, porén, fora paralizado pola Gran Purga de Iosif Stalin de 1937, reducindo a moral e a eficacia do exército pouco tempo antes do inicio da guerra. Con máis de 30.000 dos seus oficiais executados ou presos, incluídos moitos altos mandos, o Exército Vermello en 1939 tiña moitos oficiais de nivel medio e alto inexpertos. Debido a estes factores, e a alta moral das forzas finesas, Finlandia foi capaz de resistir a invasión soviética moito máis tempo do que os soviéticos agardaban.[31]

As hostilidades remataron o 13 de marzo de 1940 coa sinatura do Tratado de paz de Moscova. Finlandia cedeu o 11% dos seus territorios previos á guerra e o 30% dos seus activos económicos á Unión Soviética. As perdas no Exército Vermello foron moi altas, e a reputación internacional do país sufriu. As forzas soviéticas non cumpriron o seu obxectivo de conquistar completamente Finlandia, pero gañaron terreo substancial ao longo do lago Ladoga e territorio no norte do país.[32] Os fineses, porén, conservaron a súa soberanía e melloraron a súa reputación internacional.

O tratado de paz frustrou o plan franco-británico de enviar tropas a Finlandia polo norte de Escandinavia. Un dos obxectivos principais desa operación era o de tomar o control das minas de ferro do norte de Suecia e cortar a súa subministración a Alemaña.

Contexto[editar | editar a fonte]

Relacións e políticas soviético-finesas[editar | editar a fonte]

Status xeopolítico de Europa do Norte en novembro de 1939.[33]      Países neutrais.     Países anexionados por Alemaña.     Países anexionados pola Unión Soviética.     Países neutrais con bases militares soviéticas.

Ata os inicios do século XIX, Finlandia constituía a parte leste do Reino de Suecia. En 1809, para protexer a súa capital imperial, San Petersburgo, os rusos conquistaron Finlandia e convertérona nun estado tapón autónomo dentro do Imperio Ruso.[34] O Gran Ducado de Finlandia resultante gozou dunha ampla autonomía dentro do Imperio ata o final do século, cando Rusia comezou a intentar asimilar Finlandia como parte dunha política xeral para fortalecer o goberno central e unificar o Imperio a través da rusificación. Aínda que infrutuosos, debido ás loitas internas en Rusia, eses intentos arruinaron as relacións cos fineses e incrementaron o apoio dos movementos pola autodeterminación en Finlandia.[35]

O estoupido da Primeira guerra mundial propiciou o colapso do Imperio Ruso durante a revolución rusa de 1917 e a guerra civil rusa de 1917–1920, déronlle a Finlandia unha oportunidade; o 6 de decembro de 1917 o Senado de Finlandia declarou a independencia do país. O novo goberno bolxevique ruso era débil, e a guerra civil estalara en Rusia en novembro de 1917; os bolxeviques consideraron que non podían aferrarse a partes periféricas do antigo imperio. Deste xeito, a Rusia Soviética (logo URSS) recoñeceu o novo goberno finés só tres semanas despois da declaración de independencia.[35] A soberanía foi totalmente conseguida en maio de 1918 tras unha guerra civil de catro meses, coa vitoria das forzas conservadoras Brancas sobre as Vermellas socialistas, e a expulsión das tropas bolxeviques.[36]

Finlandia uniuse á Sociedade de Nacións en 1920, da que buscaba garantías de seguridade, pero o seu obxectivo principal era a cooperación cos países escandinavos. Os militares fineses e suecos cooperaron amplamente, pero centráronse máis no intercambio de información e os plans de defensa das illas Åland que en exercicios militares ou no almacenamento e despregamento de material. Porén, o goberno de Suecia evitou coidadosamente comprometerse coa política exterior de Finlandia.[37] A política militar finesa incluíu a cooperación militar secreta entre Finlandia e Estonia.[38]

O período posterior á guerra civil ata principios da década de 1930 foi unha época politicamente inestable en Finlandia debido á continua rivalidade entre os partidos conservador e socialista. O Partido Comunista de Finlandia foi declarado ilegal en 1931, e o nacionalista Lapuan liike (Movemento de Lapua) organizou actos violentos anticomunistas, que culminaron no fracasado golpe de estado de 1932. A partir de entón o herdeiro de Lapuan liike, o ultranacionalista Isänmaallinen kansanliike (Movemento Patriótico Popular) tivo unha presenza minoritaria na política nacional (a súa máxima representación foi de 14 escanos dos 200 que conformaban o Parlamento).[39] No final da década de 1930 a economía finesa, orientada cara á exportación, estaba en crecemento e os movementos políticos extremos do país diminuíran.[40]


Despois da intervención soviética na guerra civil finlandesa en 1918, non se asinou ningún tratado de paz formal. En 1918 e 1919 forzas voluntarias finesas levaron a cabo dúas incursións militares sen éxito a través da fronteira rusa: as expedicións Viena e Aunus, para anexionar áreas de Carelia segundo a ideoloxía da Gran Finlandia de unir todos os pobos fínicos nun só estado. En 1920 comunistas fineses asentados na Rusia Soviética intentaron asasinar o antigo comandante en xefe da finesa Suojeluskunta (Garda Branca), o mariscal Carl Gustaf Emil Mannerheim. O 14 de outubro de 1920, Finlandia e a Rusia Soviética asinaron o Tratado de Tartu, confirmando a nova fronteira entre os dous países igual que a vella entre o Gran Ducado de Finlandia e o Imperio Ruso. Ademais, Finlandia recibiu Petsamo, co seu porto libre de xeo no océano Ártico.[41][42] A pesar da sinatura do tratado, as relacións entre os dous países mantivéronse tensas. O goberno finés permitiu a voluntarios cruzar a fronteira para apoiar o levantamento de Carelia Oriental en 1921, e os comunistas fineses na Unión Soviética continuaron preparando un desquite cruzando a fronteira e realizaron un ataque dentro de Finlandia, coñecido como "Läskikapina" (motín da carne de porco), en 1922.[43] En 1932 a Unión Soviética asinou un pacto de non-agresión con Finlandia, que foi reafirmado por un período de 10 anos en 1934.[43] Porén, as relacións entre os dous países mantivéronse en gran medida de mínimos. Mentres que o comercio exterior de Finlandia estaba en auxe, menos do 1% do mesmo producíase coa Unión Soviética.[44] En 1934, a Unión Soviética uniuse á Sociedade de Nacións.[43]

Sinatura do pacto de non-agresión en 1932

Iosif Stalin considerou decepcionante que a Unión Soviética non puidera deter a revolución finlandesa.[45] Pensou que o movemento pro-finlandés en Carelia representaba unha ameaza directa para Leningrado e que a área e as defensas de Finlandia podían empregarse para invadir a Unión Soviética ou restrinxir os movementos da frota.[46] Durante a época de Stalin a propaganda soviética pintou os líderes fineses como unha "camarilla fascista, cruel e reaccionaria". O mariscal Carl Gustaf Mannerheim e Väinö Tanner, o líder do Suomen Sosialidemokraattinen Puolue (Partido Socialdemócrata Finés), foron obxecto de desprezo en particular.[47] Cando Stalin gañou o poder absoluto tras a Gran Purga de 1938, a Unión Soviética cambiou a súa política exterior cara a Finlandia no final da década de 1930. A Unión Soviética comezou a perseguir a reconquista das provincias que o tsarato ruso perdera durante o caos da Revolución de Outubro e da guerra civil rusa case dúas décadas antes. O líder soviético cría que o vello imperio tiña unha seguridade e unhas posesións territoriais ideais, e quería que a acabada de bautizar cidade de Leningrado a tan só 32 km da fronteira finlandesa, gozase dun nivel de seguridade semellante contra o poder crecente da Alemaña nazi.[48][49] Esencialmente, a fronteira entre o Gran Ducado de Finlandia e a Rusia propiamente dita nunca debera converterse en internacional.[50][51]

Negociacións[editar | editar a fonte]

A península de Rybachii en 2008. A Unión Soviética demandou que a península, o punto máis ao norte de Finlandia na época, fose cedida xunto con outras áreas para protexer os activos soviéticos.

En abril de 1938, o axente do NKVD Boris Yartsev contactou co ministro de asuntos exteriores finés Rudolf Holsti e co primeiro ministro Aimo Cajander, afirmando que a Unión Soviética non confiaba en Alemaña e que unha guerra entre os dous países era considerada posible. O Exército Vermello non agardaría pasivamente tras as fronteiras e "avanzaría para atoparse co inimigo". Os representantes fineses aseguráronlle a Yartsev que Finlandia se comprometía a unha política de neutralidade e que o país se oporía a calquera incursión armada. Yartsev suxeriulle a Finlandia que cedese ou arrendase algunhas das illas do golfo de Finlandia ao longo dos accesos marítimos a Leningrado, pero Finlandia negouse.[52][53]

As negociacións continuaron ao longo de 1938 sen resultados. A recepción finesa ás peticións soviéticas foi decididamente fría, xa que a violenta colectivización e as purgas de Stalin deron unha mala imaxe do país. Ademais, gran parte da elite comunista finesa na Unión Soviética fora executada durante a Gran Purga, empanando aínda máis a súa imaxe en Finlandia. Ao mesmo tempo, Finlandia estaba intentando negociar un plan de cooperación militar con Suecia, coa esperanza de conseguir unha defensa conxunta das illas Åland.[54]

A Unión Soviética e a Alemaña nazi asinaron o Pacto Ribbentrop-Molotov en agosto de 1939. O pacto era nominalmente un tratado de non-agresión, pero incluía un protocolo secreto polo cal os países do leste de Europa eran divididos en esferas de interese, e Finlandia caeu na esfera soviética. O 1 de setembro de 1939, Alemaña comezou a súa invasión de Polonia, e dous días despois Reino Unido e Francia declaráronlle a guerra. Pouco despois os soviéticos invadiron o leste de Polonia. Os estados bálticos foron axiña forzados a aceptar tratados permitindo á Unión Soviética establecer bases militares e estacionar tropas no seu territorio.[55] O goberno de Estonia aceptou o ultimato, asinando o correspondente acordo en setembro. Letonia e Lituania faríano no mes de outubro. Ao contrario dos países bálticos, Finlandia iniciou unha mobilización progresiva baixo o aspecto dunhas "manobras adicionais de actualización".[56] Os soviéticos xa tiñan comezado unha intensa mobilización preto da fronteira finesa entre 1938 e 1939. Porén, as tropas de asalto precisas para a invasión non comezaron a despregarse ata outubro de 1939. Os plans de operación feitos en setembro agardaban comezar a invasión no mes de novembro.[57][58]

Soldados finlandeses recollendo o seu almorzo nunha cociña de campo durante as "monobras adicionais de actualización" no istmo de Carelia o 10 de outubro de 1939.

O 5 de outubro de 1939 a Unión Soviética convidou unha delegación finesa a negociar en Moscova. Juho Kusti Paasikivi, o embaixador en Suecia, foi enviado a Moscova para representar o goberno finés.[56] Os soviéticos esixiron que a fronteira entre os dous países no istmo de Carelia se movese cara ao oeste ata un punto só a 30 km ao leste de Viipuri, e que os fineses destruísen todas as fortificacións existentes no istmo. Tamén demandaron a cesión de illas no golfo de Finlandia ademais da península de Kalastajansaarento. Por outra banda, os fineses deberían abandonar a península de Hanko durante 30 anos e permitir aos soviéticos establecer unha base militar alí. A cambio, a Unión Soviética cedería Repola e Porajärvi de Carelia Oriental, dous concellos con dúas veces o territorio demandado a Finlandia.[56][59] Aceptar as peticións soviéticas forzaría aos fineses a desmantelar as súas defensas na Carelia finesa.[60]

A oferta soviética dividiu o goberno finés, pero finalmente foi rexeitada con respecto á opinión pública e do Parlamento. O 31 de outubro, na asemblea do Soviet Supremo, o Ministro de Exteriores soviético Vyacheslav Molotov anunciou as demandas soviéticas en público. Os fineses realizaron dúas contra-ofertas polas que Finlandia cedía a zona de Terijoki á Unión Soviética, o cal duplicaría a distancia entre Leningrado e a fronteira finlandesa, moito menos do que os soviéticos esixían,[61] así como as illas no Golfo de Finlandia.[62] Dende o punto de vista soviético as negociacións chegaran xa ao seu fin.

O incidente de Mainila e intencións soviéticas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Incidente de Mainila.

O 26 de novembro informouse dun incidente na fronteira preto da vila soviética de Mainila. Un posto fronteirizo soviético foi bombardeado por descoñecidos co resultado, segundo informes soviéticos, de catro gardas mortos e nove feridos. As investigacións realizadas por varios historiadores fineses e rusos chegaron á conclusión de que o ataque foi unha operación de bandeira falsa realizada dende o lado soviético da fronteira por unha unidade do NKVD, co propósito de proporcionar á Unión Soviética un casus belli e un pretexto para rematar o pacto de non-agresión.[63][h]

O 29 de novembro de 1939, prensa estranxeira en Mainila, onde un incidente fronteirizo entre Finlandia e a Unión Soviética desencadeou a Guerra de Inverno.

O ministro de exteriores soviético, Vyacheslav Molotov, afirmou que foi un ataque da artillaría finesa e esixiu que Finlandia se desculpase polo incidente e movese as súas tropas a 20–25 km da fronteira.[66] Finlandia negou a súa responsabilidade polo ataque, rexeitou as demandas e solicitou unha comisión soviético-finesa para investigar os feitos. A Unión Soviética dixo entón que a resposta finesa fora hostil e renunciou ao pacto de non-agresión o 28 de novembro. Nos anos seguintes, a historiografía soviética describiu o incidente como unha provocación finesa. As dúbidas sobre a versión oficial soviética só apareceron no final da década de 1980, nos tempos da glasnost. Porén, o feito continuou dividindo a historiografía rusa mesmo despois do colapso da Unión Soviética en 1991.[67][68]

En 2013, o presidente ruso Vladimir Putin declarou nunha reunión con historiadores militares que a Unión Soviética iniciara a Guerra de Inverno para "corrixir os erros" realizados na determinación da fronteira con Finlandia logo de 1917.[69] A opinión sobre a escala da invasión soviética inicial está dividida: algunhas fontes conclúen que a Unión Soviética tiña a intención de conquistar completamente Finlandia, e citan o establecemento dun goberno comunista monicreque no país e os protocolos secretos do Pacto Ribbentrop-Molotov como proba das súas conclusións.[i] O historiador húngaro István Ravasz escribiu que o Comité Central establecera que en 1939 as antigas fronteiras do imperio tsarista serían restauradas, incluída Finlandia.[72] O científico político americano Dan Reiter declarou que a Unión Soviética "buscaba impoñer un cambio de réxime" e polo tanto "obter unha vitoria absoluta". Cita a Molotov, quen comentou en novembro de 1939 sobre o plan de cambio de réxime a un embaixador que o novo goberno "non será soviético, senón un dunha república democrática. Ninguén vai establecer soviets aló, mais esperamos será un goberno co que poidamos chegar a acordos para garantir a seguridade de Leningrado".[75]

Outros argumentan en contra da idea dunha conquista completa soviética. O historiador estadounidense William R. Trotter afirma que o obxectivo de Stalin era asegurar o flanco de Leningrado dunha posible invasión alemá a través de Finlandia. Afirmou que "o argumento máis forte" contra a intención soviética de conquista total é que esta non se produciu nin en 1939 nin durante a Guerra de Continuación en 1944—a pesar de que Stalin "podería telo feito con relativa facilidade".[76] Bradley Lightbody escribiu que "todo obxectivo soviético fora facer que a fronteira soviética fora máis segura".[77] Segundo o historiador ruso A. Chubaryan en 2002, non se atoparon documentos que apoien un plan soviético para anexar Finlandia. Máis ben, o obxectivo era gañar territorio finlandés e reforzar a influencia soviética na rexión.[78]

Forzas en combate[editar | editar a fonte]

Plan militar soviético[editar | editar a fonte]

Antes da guerra, o liderado soviético agardaba unha vitoria total sobre Finlandia nunhas poucas semanas. O Exército Vermello acababa de rematar a invasión do leste de Polonia con menos de 4 000 baixas logo de que Alemaña atacara Polonia dende o oeste. As expectativas de Stalin dun rápido triunfo soviético foron amparadas polo político Andrei Zhdanov e o estratego militar Kliment Voroshilov, pero outros xenerais tiñan as súas dúbidas. O xefe do Estado Maior do Exército Vermello, Boris Shaposhnikov, avogou por unha seria preparación, extenso apoio de fogo e organización loxística, e unha orde racional de batalla, despregando as mellores unidades do exército. O mando militar de Zhdanov, Kirill Meretskov, informou: "O terreo das futuras operacións está dividido por lagos, ríos, pantanos, e case totalmente cuberto por bosques [...] O uso axeitado das nosas forzas será difícil". Porén, esas dúbidas non se viron reflectidas no seu despregamento das tropas. Meretskov anunciou publicamente que a campaña finesa levaría como moito dúas semanas. Os soldados soviéticos tamén foran advertidos de que non cruzasen a fronteira con Suecia por erro.[79]

As purgas de Stalin da década de 1930 devastaran o corpo de oficiais do Exército Vermello; entre os purgados estaban tres dos seus cinco mariscais, 220 dos seus 264 mandos de división e rangos máis altos, e 36 761 oficiais de todas as graduacións. Menos da metade dos oficiais continuaban en servizo.[80][81] Estes foron comunmente substituídos por soldados menos competentes pero máis leais cós seus superiores. Por outra banda, os mandos das unidades estaban supervisados por un comisario político, cuxa aprobación era necesaria para ratificar decisións militares e que avaliaron estas decisións en base aos seus méritos políticos. O sistema dual complicou aínda máis a cadea de mando soviética[82][83] e acabou coa independencia dos oficiais de mando.[84]

Despois do éxito soviético nas batallas de Khalkhin Gol sobre o Xapón na fronteira oriental da Unión Soviética, o alto mando soviético estaba dividido en dúas faccións. Unha delas estaba representada polo xeneral de veteranos da guerra civil española P V. Rychagov da Forza Aérea Soviética, o xeneral experto en tanques Dimitry Pavlov, e o xeneral favorito de Stalin, o mariscal Grigory Kulik, xefe de artillaría.[85] O outro bando estaba liderado polo xeneral de veteranos de Khalkhin Gol Gueorgui Zhukov, do Exército Vermello, e o xeneral G. P. Kravchenko, da Forza Aérea.[86] Baixo esta estrutura de mando dividida, as leccións da "primeira guerra real en grande escala usando tanques, artillaría e aviación" da Unión Soviética en Nomonhan non foron escoitadas.[87] Como resultado, durante a guerra de Inverno, os tanques BT rusos tiveron menos éxito e á Unión Soviética levoulle tres meses e un millón de homes máis conseguir o que fixo Zhukov en Khalkhin Gol en dez días.[87][88]

Orde de batalla soviética[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Exército Vermello.
Bosques densos de Ladoga Carelia en Kollaa. Un tanque soviético no camiño do fondo segundo o fotógrafo.

Os xenerais soviéticos estaban impresionados polo éxito da táctica Blitzkrieg (guerra lóstrego) alemá. Porén, a blitzkrieg fora adaptada para as condicións do centro de Europa, cunha densa e ben cartografada rede de estradas pavimentadas. Os exércitos que loitaban no centro do continente tiñan situados os centros de comunicacións e subministración, que podían ser doadamente atacados polos rexementos de vehículos blindados. Os centros do exército finés, pola contra, estaban no interior do país. Non había estradas pavimentadas, e incluso as vías de terra ou grava eran escasas ; a meirande parte do terreo consistía en bosques e pantanos sen camiños. O correspondente de guerra John Langdon-Davies observou a paisaxe do seguinte xeito: "Cada acre da súa superficie foi creado para ser a desesperanza dunha forza militar atacante".[89] Librar unha guerra lóstrego en Finlandia era unha proposta moi difícil, e o Exército Vermello non foi capaz de conseguir do nivel de coordinación táctico e a iniciativa necesarios para realizar as tácticas da Blitzkrieg no escenario finés.[90]

As forzas soviéticas foron organizadas do seguinte xeito:[91]

  • O Sétimo Exército, formado por nove divisións, un corpo de tanques e tres brigadas de tanques, foi situado no istmo de Carelia. O seu obxectivo era a cidade de Viipuri. A forza foi posteriormente dividida no Sétimo e o Décimo terceiro Exército.[92]
  • O Oitavo Exército, formado por seis divisións e unha brigada de tanques, foi situado no lago Ladoga. A súa misión era executar unha manobra de flanqueo ao redor da ribeira norte do lago para atacar a retagarda da liña Mannerheim.[92]
  • O Noveno Exército, colocado para atacar o centro de Finlandia a través da rexión de Kainuu. Estaba composto por tres divisións, cunha adicional en camiño. O seu obxectivo era atacar polo centro cara ao oeste e dividir o país pola metade.[92]
  • O Décimo cuarto Exército, formado por tres divisións, tiña a base en Múrmansk. O seu obxectivo era capturar o porto ártico de Petsamo e despois avanzar cara á cidade de Rovaniemi.[92]

Orde de batalla finesa[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Exército finés.
Principais ataques soviéticos entre o 30 de novembro e o 22 de decembro de 1939.[93][94]

A estratexia finesa foi ditada pola xeografía. A fronteira coa Unión Soviética tiña máis de 1 340 quilómetros de longo, pero a meirande parte do terreo era intransitable, coa excepción dun feixe de estradas sen pavimentar. Nos cálculos previos á guerra, o Estado Maior finés, que establecera o seu cuartel xeral nos tempos de guerra en Mikkeli,[90] estimou que habería sete divisións soviéticas no istmo, e non máis de cinco ao longo de toda a fronteira ao norte do lago Ladoga. Na estimación, a proporción de efectivos favorecía os atacantes, que tiñan 3 veces máis forzas. A proporción real era moito maior; por exemplo, 12 divisións soviéticas foron despregadas no norte do lago Ladoga.[95]

Un problema aínda maior que a falta de soldados era a falta de material; os envíos do exterior de armas antitanque e avións chegaran en pequenas cantidades. A falta de munición era alarmante, xa que só había balas e combustible para non máis de 60 días. Esta falta de munición impedía aos fineses contraatacar coa artillaría ou facer fogo de saturación. As unidades de tanques finesas eran operacionalmente inexistentes.[95] A situación da munición aliviouse un pouco, xa que os finlandeses estaban armados en gran parte con rifles Mosin–Nagant que databan da guerra civil finlandesa, que empregaban os mesmos cartuchos 7.62×54mmR empregados polas forzas soviéticas. Algúns soldados finlandeses mantiveron a súa subministración de municións saqueando os corpos dos soldados soviéticos mortos.[96]

As forzas finlandesas foron organizadas do seguinte xeito:[97]

  • O Exército do Istmo estaba formado por seis divisións baixo o mando de Hugo Österman. O II. Corpo do Exército estaba situado no flanco dereito e o III. no flanco esquerdo.
  • O IV. Corpo do Exército estaba localizado ao norte do lago Ladoga. Estaba formado por dúas divisións baixo o mando de Juho Heiskanen, que ao pouco tempo foi substituído por Woldemar Hägglund.
  • O Grupo Norte de Finlandia estaba constituído por un conxunto de gardas brancos, gardas de fronteira, e unidades de reservistas dirixidas por Wiljo Tuompo.

Invasión soviética[editar | editar a fonte]

Inicio da invasión e operacións políticas[editar | editar a fonte]

Lume na esquina das rúas Lönnrot e Abraham logo do bombardeo aéreo de Helsinqui realizado polos soviéticos o 30 de novembro de 1939.

O 30 de novembro de 1939 as forzas soviéticas invadiron Finlandia con 21 divisións, que sumaban ao redor de 450 000 homes, e bombardearon Helsinqui,[92][98] causando danos e baixas substanciais. En resposta das críticas internacionais, o ministro de exteriores soviético Viacheslav Molotov declarou que a Forza Aérea Soviética non estaba a bombardear as cidades finlandesas, senón máis ben lanzando axuda humanitaria á poboación finlandesa famenta, alcumada ironicamente polos finlandeses como cestas de pan Molotov.[99][100] Posteriormente o estadista finés J. K. Paasikivi comentou que o ataque soviético sen unha declaración de guerra violaba tres pactos distintos de non-agresión: o Tratado de Tartu asinado en 1920, o pacto de non-agresión entre Finlandia e a Unión Soviética asinado en 1932 e renovado en 1934, e tamén a Convención da Sociedade de Nacións, que a Unión Soviética asinara en 1934.[65] O Mariscal de Campo C.G.E. Mannerheim foi nomeado comandante en xefe das Forzas de Defensa Finlandesas despois do ataque soviético. Noutra reordenación, o gabinete de Aimo Cajander foi substituído por Risto Ryti e o seu gabinete, con Väinö Tanner como ministro de exteriores, debido á oposición ás políticas de pre-guerra de Cajander.[101] Finlandia levou o asunto da invasión soviética ante a Sociedade de Nacións. A Sociedade expulsou a Unión Soviética o 14 de decembro de 1939 e pediu aos seus membros que axudasen a Finlandia.[102]

O 1 de decembro de 1939, a Unión Soviética creou un goberno tírete chamado República Democrática de Finlandia, e encabezado por Otto Wille Kuusinen, nas partes da Carelia Finlandesa ocupadas polos soviéticos. Este goberno tamén foi chamado "O goberno Terijoki", bautizado así pola vila de Terijoki, o primeiro lugar capturado polos soviéticos.[103] Despois da guerra, o goberno monicreque disolveuse. Dende o comezo da guerra a clase obreira permaneceu leal ao goberno lexítimo de Helsinqui.[104] A unidade nacional finesa contra a invasión soviética sería posteriormente bautizada como o "espírito da guerra de inverno".[105]

Primeiras batallas e avance soviético cara á liña Mannerheim[editar | editar a fonte]

Diagrama da batalla no istmo de Corelia que ilustra as posicións das tropas soviéticas e finesas. The Red Army penetrated dozens of kilometers into Finnish territory, but stopped at the Mannerheim Line.
A situación da guerra en decembro. As unidades soviéticas chegaran á principal liña finesa de defensa, a liña Mannerheim, no istmo de Carelia.      Liña Mannerheim     División finesa (XX) ou Corpo (XXX)     División soviética (XX), Corpo (XXX) ou Exército (XXXX) -XX- Límite de división finesa
-XXX- Límite de corpo finés

A liña Mannerheim, unha serie de estruturas defensivas finesas, estaba localizada no istmo de Carelia aproximadamente a uns 30 a 75 km da fronteira soviética. O número de soldados do Exército Vermello no istmo era duns 250 000 contra 130 000 finlandeses.[106] O mando finlandés despregou unha forza de cobertura duns 21 000 homes na zona en fronte da liña co obxectivo de atrasar e danar o Exército Vermello antes que alcanzase as defensas.[107] En combate, a principal causa de confusión entre os soldados finlandeses foron os tanques soviéticos. Os finlandeses tiñan poucas armas antitanque e un adestramento insuficiente en tácticas de loita moderna contra este tipo de vehículos. De acordo con Trotter, a principal táctica utilizada polos tanques era unha sinxela carga frontal, e a debilidade desa táctica podía ser doadamente aproveitada. Os finlandeses aprenderon que a unha distancia próxima os tanques podían ser atacados de moitas formas; por exemplo, troncos e barras de ferro situados entre as rodas podían inmobilizar un tanque. Ao pouco tempo os finlandeses idearon unha mellor arma para ese propósito, o cóctel Molotov. Tratábase dunha botella de cristal enchida con líquido inflamable, cunha sinxela mecha. Os cócteis Molotov serían finalmente producidos en masa pola compañía finlandesa de bebidas alcólicas Alko, con mistos incluídos para poder prendelos. Oitenta tanques soviéticos foron destruídos na zona de combate da fronteira.[108]

Todas as forzas de cobertura finlandesas retiráronse cara á liña Mannerheim contra o 6 de decembro. O Exército Vermello comezara o seu primeiro grande ataque cara á liña en Taipale (a zona entre a ribeira do lago Ladoga, o río Taipale e a canle de Suvanto). Ao longo do sector de Suvanto, os finlandeses tiñan unha lixeira vantaxe pola altura e a terra seca que permitía cavar nela. A artillaría finlandesa explorara a zona e tiña feitos xa plans para disparar, anticipándose ao asalto soviético. A batalla de Taipale comezou con 40 horas de ataque da artillaría soviética. Despois do bombardeo, a infantaría soviética atacou a través do terreo aberto, pero foi rexeitada con graves perdas. Do 6 ao 12 de decembro, o Exército Vermello continuou intentando atacar cunha soa división. Despois diso reforzou a súa artillaría e levou tanques e a 150ª división de fusileiros ata a fronte de Taipale. O 14 de decembro as reforzadas forzas soviéticas lanzaron un novo ataque pero foron rexeitadas novamente. Unha terceira división entrou na loita pero con resultados moi pobres, e entrou en pánico baixo o fogo da artillaría finlandesa. Os asaltos continuaron sen éxito, e o Exército Vermello sufriu grandes perdas. Un ataque típico dos soviéticos durante a batalla adoitaba rematar en só unha hora con 1.000 mortos e 27 tanques abandonados no xeo.[109] Ao norte do lago Ladoga, na fronte de Ladoga Carelia, as unidades defensoras finlandesas confiaron no terreo. Ladoga Carelia era un gran bosque virxe e non tiña unha rede de estradas para o moderno Exército Vermello.[110] O Oitavo Exército soviético estendera unha nova liña de ferrocarril ata a fronteira, a cal podía duplicar a capacidade de subministración cara á fronte. O 12 de decembro o avance da 139ª división de fusileiros soviética, apoiada pola 56ª división de fusileiros, foi derrotada na batalla de Tolvajärvi por unha forza moito menor baixo o mando de Paavo Talvela, converténdose na primeira vitoria finesa da guerra.[111]

No centro e no norte de Finlandia, as estradas eran escasas e o terreo hostil. Os finlandeses non agardaban ataques en grande escala, pero os soviéticos enviaron oito divisións, fortemente apoiadas por blindados e artillaría. A 155ª división de fusileiros atacou en Lieksa, e máis ao norte a 44ª división atacou Kuhmo. A 163ª división de fusileiros foi despregada en Suomussalmi coa misión de partir Finlandia en dous marchando sobre a estrada de Raate. Na Laponia finesa as divisións 88 e 122 de fusileiros soviéticos atacaron Salla. O porto ártico de Petsamo foi atacado pola 104ª división de fusileiros de montaña por mar e por terra, apoiada por artillaría naval.[112]

Operacións de decembro a xaneiro[editar | editar a fonte]

Condicións meteorolóxicas[editar | editar a fonte]

O inverno de 1939-1940 foi excepcionalmente frío co istmo de Carelia experimentando unha temperatura récord de −43 °C o día 16 de xaneiro de 1940.[113] No comezo da guerra só aqueles soldados finlandeses que estaban en servizo activo tiñan uniformes e armas. O resto tivo que loitar coa súa propia roupa, que para moitos soldados eran pezas normais de roupa de inverno co único engadido dunha insignia. Os soldados fineses nese clima tiñan a vantaxe de ser expertos no esquí de fondo.[114] O frío, a neve, o bosque e as longas horas de escuridade eran factores que podían favorecer aos finlandeses. Levaban capas de roupa, e as tropas esquiadoras vestían unha camuflaxe branco nevado. Esta camuflaxe facíaos case invisibles, e adicáronse a realizar ataques de guerrilla contra as columnas soviéticas. Ao comezo da guerra os tanques soviéticos estaban pintados na cor estándar verde oliva, e os homes vestían os uniformes caqui regulares. Non foi ata xaneiro de 1940 cando os soviéticos pintaron o seu equipo de branco e lle proporcionaron traxes de inverno á súa infantaría.[115]

A meirande parte dos soldados soviéticos tiñan roupas de inverno axeitadas, pero algunhas unidades non estaban ben equipadas. Na batalla de Suomussalmi moitos soldados morreron por conxelación. As tropas soviéticas non tiñan habilidades de esquí, polo que os seus movementos restrinxíanse ás estradas e víronse forzados a marchar en longas columnas. Ademais, o Exército Vermello carecía de tendas para o inverno e os homes tiñan que durmir en improvisados refuxios.[116] Algunhas unidades soviéticas tiveron ata un 10% de baixas por conxelación antes de cruzar a fronteira finlandesa.[115] A pesar disto, o clima frío proporcionoulles unha vantaxe: os tanques soviéticos podían moverse con máis facilidade sobre o terreo e os corpos de auga conxelados, en lugar de quedar inmobilizados nos pantanos e na lama.[116] De acordo con Krivosheev, canto menos 61 506 tropas soviéticas estaban enfermas ou conxeladas durante a guerra.[23] Antes da guerra de Inverno ningún exército loitara nesas condicións de conxelación. Nos hospitais de campaña operábase e se realizaban amputacións a −20 °C, mentres tras as lonas dos mesmos chegábanse a temperaturas de -30 °C. Os soldados fineses feridos podían contar cunha sala de operacións climatizada, e isto mellorou as súas habilidades de loita mentres empeoraba as dos soviéticos.

Tácticas finesas[editar | editar a fonte]

Pegadas soviéticas no lago Kianta (Suomussalmi) durante unha persecución finlandesa en decembro de 1939. Na imaxe móstrase ao esquiador de combinada nórdica Timo Murama.

Nas batallas dende Ladoga Carelia ata o porto de Petsamo os finlandeses usaron tácticas de guerrilla. O Exército Vermello era superior en número e material, pero os finlandeses usaron as vantaxes da velocidade, as tácticas e a economía das forzas. Particularmenta na fronte de Ladoga Carelia e durante a batalla da estrada de Raate, os finlandeses illaron pequenas porcións das forzas soviéticas superiores en número. Coas forzas soviéticas divididas en pequenos grupos, os finlandeses podían loitar con eles individualmente e atacar dende todos os lados.[117]

Para moitas das tropas soviéticas cercadas en bolsas (chamadas motti en finés, co significado orixinal de 1 m3 de leña), manterse con vida era un calvario semellante ao combate. Os homes morrían de fame e conxelación e soportaban moi malas condicións sanitarias. O historiador William R. Trotter describe esas condicións así: "O soldado soviético non tiña elección. Se se negaba a loitar, podía ser fusilado. Se intentaba meterse no bosque, morrería de conxelación. E a rendición non era unha opción para el; a propaganda soviética dicíalle que os finlandeses torturaban os prisioneiros ata a morte".[118]

Defensa da liña Mannerheim[editar | editar a fonte]

Trincheiras na liña Mannerheim

O terreo no istmo de carelia non permitía a utilización de tácticas de guerrilla, polo que os finlandeses víronse forzados a recorrer á máis convencional liña Mannerheim, cos seus flancos protexidos por grandes corpos de auga. A propaganda soviética afirmaba que era tan forte ou máis que a liña Maginot francesa. Os historiadores finlandeses, pola súa banda, menosprezaron a forza da liña, insistindo en que na súa maior parte estaba formada por trincheiras e refuxios cubertos por troncos convencionais.[119] Os finlandeses construíran 221 puntos fortes ao longo do istmo de Carelia, a meirande parte deles a comezos da década de 1920. Moitos foron ampliados no final da década de 1930. A pesar desas estruturas defensivas, incluso as partes máis preparadas da liña Mannerheim só tiñan un búnker de formigón armado por quilómetro. En xeral, a liña era máis débil ca outras liñas defensivas semellantes de Europa.[120] Segundo os fineses, a fortaleza real da liña eran os "túzaros defensores con moito sisu" (unha expresión que podería traducirse como valor ou espírito de loita).[119]

No lado leste do istmo o Exército Vermello intentou abrirse paso a través da liña Mannerheim na batalla de Taipale. No lado oeste as unidades soviéticas encararon a liña finlandesa en Summa, preto da cidade de Viipuri, o día 16 de decembro. Os finlandeses construíran 41 bunquers de cemento reforzados na zona de Summa, facendo a liña defensiva máis forte nesa área ca calquera outra do istmo de Carelia. Porén, debido a un erro de planificación, o pantano próximo de Munasuo tiña un oco de 1 quilómetro de ancho na liña.[121] Durante a primeira batalla de Summa un feixe de tanques atravesaron a fina liña o 19 de decembro, aínda que os soviéticos non aproveitaron a situación debido á escasa colaboración entre as distintas unidades do exército. Os finlandeses permaneceron nas súas trincheiras, permitindo aos tanques soviéticos moverse con liberdade por detrás da liña finlandesa, xa que os defensores non tiñan armas antitanque axeitadas. Os finlandeses tiveron éxito rexeitando o principal ataque inimigo. Os tanques, atrapados tras as liñas inimigas, atacaron os puntos fortes de forma aleatoria ata que finalmente foron destruídos (20 en total). Por volta do 22 de decembro a batalla rematou cunha vitoria finlandesa.[122]

O avance soviético detívose na liña Mannerheim. As tropas do Exército Vermello tiñan a moral baixa e escaseza de subministracións, polo que finalmente rexeitaron participar en máis ataques frontais suicidas. Os finlandeses, liderados polo xeneral Harald Öhquist, decidiron lanzar un contraataque e rodear tres divisións soviéticas nun motti preto de Viipuri o 23 de decembro. O plan de Öhquist era audaz, e fracasou. Os finlandeses perderon 1 300 homes, e os soviéticos estimaron posteriormente que perderan un número semellante.[123]

Batallas en Ladoga Carelia[editar | editar a fonte]

Un tanque soviético T-26 Modelo 1937 "avanzando agresivamente", como o describiu o fotógrafo, na beira leste do río Kollaa durante a batalla de Kollaa.
Batallas en Lagoga Carelia, ao norte do lago Ladoga: o ataque do 8º exército soviético detívose na liña defensiva finlandesa o 12 de decembro de 1939.[124]     Brigada finlandesa (X) ou división (XX)     División soviética (XX)

A forza do Exército Vermello ao norte do lago Ladoga (en Ladoga Carelia) sorprendeu o Estado Maior finlandés. Dúas divisións finlandesas foron despregadas alí: a 12ª división liderada por Lauri Tiainen e a 13ª división dirixida por Hannu Hannuksela. Tamén tiñan o apoio dun grupo de tres brigadas, sendo a súa forza total duns 30 000 homes. Os soviéticos despregaron unha división en case todas as estradas que conducían cara ao oeste dende a fronteira. O Oitavo Exército estaba liderado por Ivan Khabarov, que foi substituído por Grigori Shtern o 13 de setembro.[125] A misión dos soviéticos era destruír as tropas finlandesas da zona de Ladoga Carelia e avanzar cara á área entre Sortavala e Joensuu nun prazo de dez días. Os soviéticos tiñan unha vantaxe de 3:1 en homes e de 5:1 en artillaría, ademais de ter a supremacía aérea.[126]

As forzas finesas asustáronse e retiráronse ante a impresionante fronte soviética. O comandante do IV Corpo do Exército finlandés foi substituído por Woldemar Hägglund o 4 de decembro.[127] O 7 de decembro, na metade da fronte de Ladoga Carelia, as unidades finlandesas retrocederon ata preto do río Kollaa. Este non ofrecía protección de seu, pero ao longo do seu curso había cristas de ata 10 metros de alto. A subseguinte batalla de Kollaa durou ata o final da guerra. Unha famosa frase, "Kollaa resistirá" (finés: Kollaa kestää) converteuse nun lema lendario entre os finlandeses.[128] Ademais, á lenda de Kollaa contribuíu o francotirador Simo Häyhä, alcumado "a morte branca" polos soviéticos, que serviu na fronte de Kollaa e matou a 250 soldados inimigos confirmados. Cara ao norte os finlandeses retiráronse dende Ägläjärvi cara a Tolvajärvi o 5 de decembro e rexeitaron unha ofensiva soviética na batalla de Tolvajärvi o 11 de decembro.[129]

No sur, dúas divisións soviéticas uníronse no lado norte da estrada costeira do lago Ladoga. Tal como anteriormente, esas divisións foron atrapadas polas unidades finlandesas con máis mobilidade que foron capaces de contraatacar dende o norte cara ao flanco das columnas soviéticas. O 19 de decembro os finlandeses cesaron temporalmente os seus asaltos, xa que os soldados estaban exhaustos.[130] Non foi ata o período entre o 6 e o 16 de xaneiro de 1940 cando os finlandeses retomaron a súa ofensiva, dividindo as divisións soviética en mottis máis pequenos.[131] Contrariamente ás expectativas finlandesas, as divisións soviéticas cercadas non intentaron abrirse paso cara ao leste e atrincheiráronse, agardando reforzos e subministracións por aire. Como os finlandeses non tiñan a suficiente artillaría pesada e estaban escasos de homes non adoitaban facer ataques directos aos mottis que se formaban; no canto centrábanse en eliminar as ameazas máis perigosas. A miúdo a táctica motti non formaba parte dunha doutrina planificada senón máis ben eran unha adaptación dos finlandeses ao comportamento das tropas soviéticas baixo o seu fogo.[132] A pesar do frío e da fame os soldados soviéticos non se rendían doadamente e loitaban con valentía, a miúdo atrincheiráronse nos seus tanques para ser usados como fortíns e construíndo refuxios de madeira. Algúns soldados finlandeses especializados foron chamados para atacar os mottis; o máis famoso foi o comandante Matti Aarnio, ou "Motti-Matti", como foi coñecido.[133]

No norte de Carelia, as forzas soviéticas foron superadas en Ilomantsi e Lieksa. Os finlandeses usaron efectivas tácticas de guerrilla, collendo unha especial vantaxe polas súas superiores habilidades esquiando e pola súa camuflaxe, executando moitos ataques e emboscadas sorpresa. Cara ao final de decembro os soviéticos decidiron retroceder e transferir recursos a outras frontes máis críticas.[134]

Operación Suomussalmi-Raate[editar | editar a fonte]

O compromiso Suomussalmi-Raate foi unha operación dobre[135] que posteriormente sería usado por académicos militares como un exemplo clásico do que tropas ben dirixidas e tácticas innovadoras poden facer contra un inimigo moito maior. Suomussalmi era unha pequena vila de 4 000 habitantes. A zona tiña grandes lagos, moitos bosques virxes e poucas estradas. O mando finlandés cría que os soviéticos non poderían atacar alí, pero o Exército Vermello enviou dúas divisións á zona con ordes de cruzar os bosques, capturar a cidade de Oulu e finalmente cortar Finlandia en dous. Había dúas estradas que conducían a Suomussalmi dende a fronteira: a estrada de Juntusranta no norte e a de Raate no sur.[136]

A batalla da estrada de Raate, ocorrida durante o mes que durou a batalla de Suomussalmi, deu lugar a unha das maiores perdas soviéticas da guerra de Inverno. A 44ª división e partes da 163ª división soviética de fusileiros, en total uns 14 000 soldados,[137] foron case completamente esnaquizadas por unha emboscada finlandesa mentres marchaban ao longo dunha estrada a través do bosque. Unha pequena unidade bloqueou o avance soviético mentres que o coronel finlandés Hjalmar Siilasvuo e a súa 9ª división cortaron o camiño de retirada, dividindo as forzas inimigas en pequenos mottis, e posteriormente procedendo a destruír os grupos separados a medida que estes se retiraban. Os soviéticos sufriron 7 000 - 9 000 baixas,[138] mentres que os fineses perderon unicamente uns 400 soldados.[139] Ademais, as tropas finlandesas capturaron ducias de tanques, pezas de artillaría, canóns antitanque, centos de camións, case 2 000 cabalos, milleiros de rifles e munición, e subministracións médicas.[140]

Laponia finesa[editar | editar a fonte]

Prisioneiros de guerra soviético vestido con roupas novas preto do círculo polar ártico en Rovaniemi en xaneiro de 1940.

Na Laponia finesa, os bosques fanse menos densos cara ao norte, onde non hai árbores. Polo tanto, a zona era ideal para o despregamento de tanques, aínda que estaba despoboada e sufría abundantes nevaradas. Os finlandeses só agardaban ataques parciais e patrullas de recoñecemento, pero os soviéticos enviaron divisións completas.[141] O 11 de decembro os finlandeses reorganizaron a defensa de Laponia e separaron o Grupo Laponia do Grupo Norte de Finlandia. O grupo foi posto baixo o mando de Kurt Wallenius.[142]

No sur de Laponia, preto da pequena aldea de Salla, as forzas soviéticas avanzaron con dúas divisións, a 88ª e a 122ª, cun total de 35 000 homes. Na batalla de Salla os soviéticos avanzaron doadamente para a aldea, onde o camiño se bifurcaba. As tropas do lado norte movéronse cara a Pelkosenniemi, mentres que o resto dirixiuse cara a Kemijärvi. O 17 de decembro o grupo norte soviético, formado por un rexemento de infantaría, un batallón e unha compañía de tanques, foi superado por un batallón finlandés. A 122ª división retrocedeu, deixando gran parte do seu equipo pesado e dos seus vehículos atrás. Despois dese éxito os finlandeses transportaron reforzos cara á liña defensiva en fronte de Kemijärvi. Os soviéticos atacaron as defensas sen éxito. Os fineses contraatacaron e os soviéticos tiveron que retroceder ata unha nova liña defensiva na que permaneceron o resto da guerra.[143][144]

No norte estaba o único porto de Finlandia libre de xeo no Ártico, Petsamo. Os fineses non tiñan homes suficientes para defender a zona por completo, xa que a fronte principal estaba lonxe no istmo de Carelia. Na batalla de Petsamo a 104ª división soviética atacou a 104ª compañía de cobertura independente finlandesa. Estes entregaron doadamente Petsamo e concentráronse en accións para atrasar os soviéticos. A zona non tiña árbores, ía moito vento e era relativamente baixa, polo que non ofrecía moitas opcións de defensa. Porén, durante o inverno, os finlandeses de Laponia tiñan a vantaxe da case constante escuridade e das temperaturas extremas, polo que realizaron ataques de guerrilla contra as liñas de subministración e patrullas soviéticas. Como resultado, os movementos soviéticos foron detidos.[141]

Guerra aérea[editar | editar a fonte]

Forza Aérea Soviética[editar | editar a fonte]

A Unión Soviética gozou de superioridade aérea durante toda a guerra. A Forza Aérea Soviética, que apoiou a invasión do Exército Vermello con arredor de 2 500 avións (sendo o tipo máis común o Tupolev SB), non foi tan efectiva como os soviéticos podían esperar. Os danos materiais causados polos bombardeos foi escaso, xa que Finlandia ofrecía poucos obxectivos valiosos para os bombardeos estratéxicos. Frecuentemente os obxectivos eran almacéns en vilas con pouco valor. O país tiña poucas estradas modernas no interior, polo que as vías férreas foron os principais obxectivos dos bombardeos. As vías férreas foron curtadas centos de veces, mais os finlandeses reparábanas axiña e os servizos reiniciábanse en poucas horas.[14] A Forza Aérea Soviética aprendeu dos seus erros iniciais, e no final de febreiro instituíu tácticas máis efectivas.[145]

O maior bombardeo contra a capital de Finlandia, Helsinqui, tivo lugar o primeiro día da guerra. A capital foi bombardeada só unhas poucas veces dende aquela. En total, os bombardeos soviéticos custáronlle a Finlandia o 5% da súa produción total persoa/hora. Con todo, os ataques aéreos soviéticos afectaron a milleiros de civís, matando 957 persoas.[15] Os soviéticos rexistraron 2 075 bombardeos en 516 localidades. A cidade de Viipuri, un dos principais obxectivos soviéticos nas proximidades da fronte do istmo de Carelia, quedou case arrasada por case 12 000 bombas.[146] Non se mencionaron ataques contra obxectivos civís na radio soviética nin nos informes dos xornais. En xaneiro de 1940, o xornal soviético Pravda continuou a insistir en que non se alcanzaran obxectivos civís, nin sequera accidentalmente.[147] Estímase que a aviación soviética perdeu arredor de 400 avións a causa das inclemencias meteorolóxicas, falta de combustible e ferramentas, e durante o transporte á fronte. A Forza Aérea Soviética realizou aproximadamente 44 000 incursións durante a guerra.[145]

Forza Aérea Finlandesa[editar | editar a fonte]

Un bombardeiro Bristol Blenheim Mk. IV finlandés do Escuadrón núm. 44 recargando combustible na súa base aérea nun lago conxelado en Tikkakoski, en marzo de 1940.

Ao principio da guerra, Finlandia contaba cunha pequena forza aérea, con tan só 114 avións de combate aptos para o servizo. As misións eran limitadas, e os avións de combate eran usados principalmente para repeler os bombardeos soviéticos. Os bombardeos estratéxicos desdobráronse, aproveitándoos asemade como operacións de recoñecemento militar. Anticuados e en escaso número, os avións ofrecían pouco apoio ás tropas terrestres finlandesas. A pesar das perdas, o número de avións da Forza Aérea Finlandesa aumentou en máis dun 50% ao final da guerra.[148] Finlandia recibiu envíos de avións británicos, franceses, italianos, suecos e americanos.[149]

Os pilotos de cazas finlandeses voaban con frecuencias entre as formacións soviéticas que os superaban en número 10, ou mesmo 20 veces, en diversos tipos de avións. Os cazas finlandeses derrubaron 200 avións soviéticos confirmados, mentres que tan só perderon 62 propios.[19] As armas antiaéreas finlandesas derrubaron máis de 300 avións inimigos.[19] Frecuentemente, unha base aérea avanzada consistía nun lago conxelado, unha manga de vento, un teléfono e algunhas carpas. As mulleres finlandesas organizadas pola Lotta Svärd emitían as alertas de ataque aéreo.[150]

Guerra naval[editar | editar a fonte]

Actividade naval[editar | editar a fonte]

Houbo pouca actividade naval durante a Guerra de Inverno. O mar Báltico comezou a conxelarse no final de decembro, impedindo o movemento de buques de guerra; a mediados do inverno, só os crebaxeos e submarinos se podían aínda mover. O outro motivo da escasa actividade naval foi a natureza das forzas da Armada Soviética na zona. A Frota do Báltico era unha forza defensiva costeira que non tiña o adestramento, a infraestrutura loxística, ou lanchas de desembarco para emprender operacións en grande escala. A Frota do Báltico posuía dous acoirazados, un cruceiro pesado, case 20 destrutores, 50 torpedeiros de motor, 52 submarinos, e diversos buques máis. Os soviéticos empregaron bases navais en Paldiski, Talín e Liepāja para as súas operacións.[151]

A Armada Finlandesa era unha forza de defensa costeira con dous navíos de defensa costeira, cinco submarinos, catro canoneiros, sete torpedeiros de motor, un minador e seis dragaminas. Os dous navíos de defensa costeira, Ilmarinen e Väinämöinen, foron trasladados ao porto de Turku, onde foron empregados para reforzar a defensa aérea. Os seus canóns antiaéreos derrubaron un ou dous avións sobre a cidade, e os barcos permaneceron alí o resto da guerra.[152] Ademais da defensa costeira, a Armada Finlandesa protexeu as illas Åland e os buques mercantes finlandeses no mar Báltico.[153]

Os avións soviéticos bombardearon os barcos e portos finlandeses e botaron minas nas rutas mariñas. Aínda así, só se perderon cinco buques mercantes pola acción soviética. A segunda guerra mundial, que comezara antes que a Guerra de Inverno, resultou máis custosa para os buques mercantes finlandeses, con 26 barcos perdidos debido a accións hostís entre 1939 e 1940.[154]

Artillaría costeira[editar | editar a fonte]

As baterías de artillaría costeira finlandesa defenderon importantes portos e bases navais. A maioría delas quedaran do período imperial ruso, coas armas de 152 mm como as máis numerosas. Finlandia tentou modernizar as súas armas antigas e instalou varias baterías novas, a máis grande das cales contaba cunha batería para armas de 305 mm, orixinalmente destinada a bloquear o golfo de Finlandia aos barcos soviéticos coa axuda de baterías do lado estoniano.[155]

A primeira batalla naval tivo lugar no golfo de Finlandia o 1 de decembro, nas proximidades da illa de Russarö, 5 km ao sur de Hanko. Ese día, o tempo foi favorable e a visibilidade, excelente. Os finlandeses divisaron o cruceiro soviético Kirov e dous destrutores. Cando os barcos estaban a unha distancia de 24 km, os finlandeses abriron fogo con catro canóns costeiros de 234 mm. Logo de cinco minutos de disparos dos canóns costeiros, o cruceiro foi danado e retirouse. Os destrutores mantivéronse sen danos, mais o Kirov sufriu 17 baixas e 30 tripulantes resultaron feridos. Os soviéticos xa coñecían a localización das baterías costeiras finlandesas, mais foron sorprendidos polo seu alcance.[156]

A artillaría costeira tivo un maior efecto na terra reforzando a defensa xunto coa artillaría do exército. Dous xogos de artillaría da fortaleza fixeron importantes achegas ás primeiras batallas no istmo de Carelia e en Ladoga Karelia. Estes situáronse en Kaarnajoki no istmo oriental e en Mantsi na costa nororiental do lago Ladoga. A fortaleza de Koivisto proporcionou un soporte similar dende a costa suroeste do istmo.[157]

Avance soviético en febreiro[editar | editar a fonte]

Cambios no Exército Vermello e preparación da ofensiva[editar | editar a fonte]

Oficiais finlandeses inspeccionando os manuais soviéticos de esquí gañados como botín na batalla de Suomussalmi.

Iosif Stalin non estaba satisfeito cos resultados do mes de decembro da campaña finlandesa. O Exército Vermello fora humillado. Cara á terceira semana da guerra, a propaganda soviética estivera traballando duro para explicar os erros do exército soviético á poboación: culpaban ao mal terreo e ao duro clima, e falsamente afirmaba que a liña Mannerheim era máis forte que a liña Maginot, e que os estadounidenses enviaran 1 000 dos seus mellores pilotos a Finlandia. Ao Xefe do Estado Maior Boris Shaposhnikov déuselle o poder total sobre as operacións no teatro finlandés, e ordenou a suspensión dos ataques frontais no final de decembro. Kliment Voroshilov foi substituído por Semyon Timoshenko como mando das forzas soviéticas na guerra o 7 de xaneiro.[158]

O comandante soviético Semyon Timoshenko en 1940.

O obxectivo principal do ataque soviético cambiouse ao istmo de Carelia. Timoshenko e Zhdanov reorganizaron e reforzaron o control entre as diferentes unidades en servizo no Exército Vermello. Tamén cambiaron as doutrinas tácticas para responder á realidade da situación. Todas as forzas soviéticas do istmo de Carelia dividíronse en dous exércitos: o 7º e o 13º Exército. O primeiro deles, agora baixo o mando de Kirill Meretskov, concentraría o 75% da súa forza contra os 16 km de extensión da liña Mannerheim, entre Taipale e o pantano de Munasuo. As tácticas serían básicas: unha cuña blindada para o ataque inicial, seguida pola principal forza de infantaría e de vehículos de asalto. O Exército Vermello preparouse para localizar as fortificacións finlandesas de primeira liña. A 123ª división de asalto ensaiou o ataque con maquetas a tamaño natural. Os soviéticos enviaron un gran número de novos tanques e pezas de artillaría á zona. As tropas incrementáronse de 10 a 25-26 divisións con seis ou sete brigadas de tanques e varios pelotóns blindados independentes, totalizando 600 000 soldados.[159] O 1 de febreiro o Exército Vermello comezou unha ofensiva masiva, disparando 300 000 proxectís de artillaría sobre as liñas finesas nas 24 primeiras horas de bombardeo.[160]

Ofensiva total soviética no istmo de Carelia[editar | editar a fonte]

Aínda que a fronte do istmo de Carelia estivo menos activa en xaneiro que en decembro, os soviéticos incrementaron os bombardeos, desgastando os defensores e minguando as súas fortificacións. Durante as horas de luz, os fineses refuxiábanse dos bombardeos dentro das fortificacións e reparábanas durante a noite. A situación rapidamente levou á extenuación dos defensores, que perderon uns 3 000 homes na guerra de trincheiras. Os soviéticos tamén fixeron algúns pequenos ataques de infantaría ocasionalmente cunha ou dúas compañías.[161] Debido á escaseza de munición, as localizacións artilleiras finesas recibiron a orde de disparar só contra ameazas terrestres directas. O 1 de febreiro os soviéticos intensificaron aínda máis os ataques de artillaría e os bombardeos aéreos.[160]

Aínda que os soviéticos refinaron as súas tácticas e a súa moral mellorou, os xenerais aínda estaban dispostos a aceptar perdas masivas para conseguir os seus obxectivos. Os ataques cubríanse con cortinas de fume, artillaría pesada e apoio blindado, pero a infantaría cargaba en campo aberto e en formacións densas.[160] A diferenza das tácticas de decembro, os tanques soviéticos avanzaban en menor número. Os fineses non podían eliminar doadamente os tanques se a infantaría os protexía.[162] Despois de 10 días de descargas constantes de artillaría, os soviéticos lograron un grande avance no lado oeste do istmo de Carelia na segunda batalla de Summa.[163]

O 11 de febreiro os soviéticos tiñan ao redor de 460 000 soldados, 3 350 pezas de artillaría, 3 000 tanques e 1 300 avións despregados no istmo de Carelia. O Exército Vermello estivo constantemente recibindo novos recrutas dende a ruptura.[164] No lado contrario, os fineses dispuñan de oito divisións, cun total de 150 000 soldados. Un por un, os bastións dos defensores foron caendo baixo os ataques soviéticos e os fineses víronse forzados a retroceder. O 15 de febreiro Mannerheim autorizou unha retirada xeral do Segundo Corpo á anterior liña defensiva.[165] No lado leste do istmo, os finlandeses continuaron resistindo os asaltos soviéticos, rexeitándoos na batalla de Taipale.[166]

Negociacións de paz[editar | editar a fonte]

Aínda que os finlandeses intentaron reabrir as negociacións con Moscova de todos os xeitos posibles durante a guerra, os soviéticos non responderon. A principios de xaneiro, a dramaturga comunista e feminista finlandesa Hella Wuolijoki contactou co goberno finlandés. Ofreceuse a contactar con Moscova a través da embaixadora da Unión Soviética en Suecia, Alexandra Kollontai. Wuolijoki partiu cara a Estocolmo e reuniuse con Kollontai nun hotel en segredo. Ao pouco tempo Molotov decidiu recoñecer o goberno de Ryti-Tanner como o goberno legal de Finlandia e poñer fin ao goberno monicreque de Terijoki que os soviéticos instalaran.[167]

Nos mediados de febreiro quedou claro que as forzas finlandesas se achegaban rapidamente á extenuación. Para os soviéticos, as baixas eran altas, a situación era unha fonte de vergoña para o réxime soviético, e había risco dunha intervención franco-británica. Ademais, co desxeo de primavera aproximándose, as forzas soviéticas arriscábanse a perderse nos bosques. O ministro de exteriores finlandés, Väinö Tanner, chegou a Estocolmo o 12 de febreiro e negociou os termos de paz cos soviéticos a través dos suecos. Representantes alemáns, non conscientes de que as negociacións se estaban levando a cabo, suxeriron o 17 de febreiro que Finlandia negociase coa Unión Soviética.[168]

Tanto os alemáns como os suecos desexaban que a guerra rematara. Alemaña temía perder o ferro do norte de Suecia e ameazou con atacar se os suecos permitían pasar ás forzas aliadas. Os alemáns tiñan un plan teórico de invasión chamado Studie Nord contra os países escandinavos, que posteriormente se converteu na Operación Weserübung.[169] Cando o Consello de Ministros de Finlandia vacilou ante as duras condicións soviéticas, o rei sueco Gustavo V fixo unha declaración pública o 19 de febreiro, na cal confirmaba que rexeitara as peticións dos finlandeses para que se enviasen tropas suecas. O 25 de febreiro describíronse en detalle os termos de paz soviéticos, e o 25 de febreiro o goberno finlandés aceptounos e amosouse disposto a iniciar as negociacións.[170]

Últimos días da guerra[editar | editar a fonte]

Situación do istmo de Carelia o 13 de marzo de 1940, o derradeiro día da guerra:[171]     Corpo finlandés (XXX) ou grupo costeiro de Oesch.     Corpo soviético (XXX) ou exército (XXXX).

O 5 de marzo o Exército Vermello avanzou entre 10 e 15 km tras a liña Mannerheim e entrou nos suburbios de Viipuri. O mesmo día os soviéticos estableceron unha cabeza de praia no oeste do golfo de Viipuri. Os finlandeses propuxeron un armisticio o día 6 de marzo, pero os soviéticos, agardando manter a presión sobre o goberno finlandés, rexeitaron a oferta. A delegación de paz finlandesa viaxou a Moscova, a través de Estocolmo, chegando o día 7 de marzo. Os soviéticos fixeron máis demandas, xa que a súa situación militar era forte e estaba mellorando. O 9 de marzo a situación militar finlandesa no istmo de Carelia era grave, xa que as tropas estaban experimentando serias perdas. Ademais, non quedaba munición de artillaría e as armas estaban esgotándose. O goberno finlandés, decatándose de que a agardada expedición franco-británica non chegaría a tempo, xa que Noruega e Suecia non concederan permiso de paso ás tropas aliadas, tiña poucas opcións e aceptou os termos soviéticos.[172]

Tratado de paz de Moscova[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tratado de paz de Moscova.
Día 13 de marzo de 1940 ás 11:45 a.m.. Soldados finlandeses retíranse en Viipuri cara á liña de demarcación.

O Tratado de paz de Moscova foi asinado en Moscova o 12 de marzo de 1940. O alto o fogo fíxose efectivo no día seguinte ao mediodía pola hora de Leningrado (11:00 a.m. en Helsinqui).[173] Por el, Finlandia cedía unha parte de Carelia, todo o istmo de Carelia e o territorio ao norte do lago Ladoga. A área incluía a segunda cidade maior de Finlandia, Viipuri, moito do territorio industrializado de Finlandia, e terras significativas que aínda conservaba o exército de Finlandia, o 11% do territorio e o 30% dos activos económicos de Finlandia antes da guerra.[40] O 12% da poboación finlandesa, 422 000 carelios, foron evacuados e perderon as súas casas.[174][175] Finlandia cedeu unha parte da rexión de Salla, a península de Rybachy no mar de Barents, e catro illas do golfo de Finlandia. A península de Hanko foi arrendada á Unión Soviética como base militar durante trinta anos. A rexión de Petsamo, capturada polo Exército Vermello durante a guerra, foi devolta a Finlandia de acordo co tratado.[176]

Concesións territoriais de Finlandia á Unión Soviética sinaladas en vermello.

As concesións e perdas territoriais de Finlandia excederon as demandas soviéticas anteriores á guerra. Antes da guerra a Unión Soviética demandaba que a fronteira entre a Unión Soviética e Finlandia no istmo de Carelia se trasladase a un punto a 30 km ao leste de Viipuri á liña entre Koivisto e Lipola, que as fortificacións existentes no istmo de Carelia fosen demolidas, e que as illas de Suursaari, Tytärsaari, e Koivisto no golfo de Finlandia e a península de Rybachy fosen cedidas. A cambio, a Unión Soviética propuxo ceder Repola e Porajärvi de Carelia Oriental, unha área o dobre de grande que os territorios demandados orixinalmente a Finlandia.[177][56][178]

Apoio estranxeiro[editar | editar a fonte]

Voluntarios estranxeiros[editar | editar a fonte]

A opinión mundial apoiou amplamente a causa finlandesa, e a agresión soviética foi xeralmente considerada inxustificada. A segunda guerra mundial aínda non afectaba directamente a Francia, ao Reino Unido ou aos Estados Unidos; a Guerra de Inverno era practicamente o único conflito en Europa no momento e polo tanto tiña un grande interese mundial. Varias organizacións estranxeiras enviaron axuda material, e moitos países concedéronlle créditos e material militar a Finlandia. A Alemaña nazi permitiu o paso de armas por Suecia cara a Finlandia, mais logo de que un xornal sueco o publicase, Adolf Hitler iniciou unha política de silencio cara a Finlandia, como parte da mellora das relacións xermano-soviéticas que seguiron á sinatura do Pacto Molotov–Ribbentrop.[179]

O maior continxente estranxeiro chegou do seu veciño Suecia, que achegou preto de 8 760 voluntarios durante a guerra. O Corpo de Voluntarios Suecos, formado por suecos, noruegueses (727 soldados) e dinamarqueses (1 010 soldados), loitou na fronte norte de Salla durante as derradeiras semanas da guerra. Unha unidade sueca de cazas Gloster Gladiator, chamado "o Rexemento Aéreo 19" tamén participou. As baterías antiaéreas suecas con canóns Bofors 40 mm foron as responsables da defensa aérea no norte de Finlandia e da cidade de Turku.[180] Chegaron voluntarios de Hungría, Italia e Estonia. 350 estadounidenses de ascendencia finlandesa ofrecéronse como voluntarios, e 210 voluntarios doutras nacionalidades chegaron a Finlandia antes do final da guerra.[180] Max Manus, un noruegués, loitou na Guerra de Inverno antes de regresar a Noruega, onde posteriormente gañaría fama como soldado da resistencia durante a ocupación alemá de Noruega. En total, Finlandia recibiu 12 000 voluntarios, 50 dos cales morreron durante a guerra[181] O actor británico Christopher Lee ofreceuse como voluntario na guerra durante dúas semanas, mais non chegou a entrar en combate.[182]

Plans de intervención franco-británica[editar | editar a fonte]

O apoio franco-británico foi ofrecido coa condición de que as súas forzas puidesen pasar libremente dende Narvik a través das neutrais Noruega e Suecia, en lugar do difícil paso a través de Petsamo, ocupado pola Unión Soviética.

Francia fora un dos primeiros en apoiar a Finlandia durante a Guerra de Inverno. Viu unha oportunidade para debilitar o principal aliado de Alemaña a través dun ataque finlandés contra a Unión Soviética. Francia tiña outro motivo, preferindo ter unha guerra importante nunha parte remota de Europa en lugar de en territorio francés. Francia planeou rearmar as unidades exiliadas polonesas e transportalas ao porto ártico finlandés de Pesamo. Outra proposta foi un ataque aéreo masivo coa cooperación turca contra os campos petrolíferos do Cáucaso.[183]

Os británicos, pola súa parte, querían bloquear o fluxo de ferro dende as minas suecas a Alemaña, xa que Suecia achegaba ata o 40% da demanda alemá de ferro.[183] O asunto foi exposto polo almirante británico Reginald Plunkett o 18 de setembro de 1939, e ao día seguinte Winston Churchill levouno ao gabinete de guerra de Chamberlain.[184] O 11 de decembro, Churchill opinou que os británicos deberían afianzarse en Escandinavia co obxectivo de axudar os finlandeses, mais sen unha guerra contra a Unión Soviética.[185] Debido á forte dependencia alemá do ferro do norte de Suecia, Hitler deixara claro ao goberno sueco en decembro que calquera tropa aliada en territorio sueco provocaría inmediatamente unha invasión de Alemaña.[186]

O 19 de decembro, o primeiro ministro francés Édouard Daladier presentou o seu plan ao Estado Maior e ao Gabinete de Guerra. No seu plan, Daladier estableceu unha ligazón entre a guerra en Finlandia e o mineral de ferro en Suecia.[185] Existía o perigo da caída de Finlandia baixo a hexemonía soviética. Ao mesmo tempo, a Alemaña nazi podía ocupar Noruega e Suecia. Estas dúas ditaduras poderían dividirse Escandinavia entre elas, como xa fixeran con Polonia. A principal motivación de franceses e británicos foi reducir a capacidade bélica de Alemaña.[187]

O Comité de Coordinación Militar reuniuse o 20 de decembro en Londres, e dous días despois presentouse o plan francés.[187] O Consello Supremo de Guerra Anglo-Francés decidiu enviar notas a Noruega e Suecia o 27 de decembro, instando a noruegueses e suecos a axudar a Finlandia e ofrecer o seu apoio aos aliados. Noruega e Suecia rexeitaron a oferta o 5 de xaneiro de 1940.[186] Os aliados trazaron un novo plan, no cal esixirían que Noruega e Suecia lles outorgasen dereito de paso citando unha resolución da Liga de Nacións como xustificación. As tropas da expedición desembarcarían no porto noruegués de Narvik e proseguindo por ferrocarril ata Finlandia, pasando polos campos de mineral suecos durante o traxecto. Esta demanda enviouse a Noruega e Suecia o 6 de xaneiro, mais tamén foi rexeitada seis días despois.[188]

Bloqueados mais aínda non disuadidos da posibilidade de acción, os aliados formularon un plan final o 29 de xaneiro. Primeiro, os finlandeses farían unha solicitude formal de asistencia. Logo, os aliados solicitarían a Noruega e Suecia permiso para trasladar os "voluntarios" a través do seu territorio. Finalmente, para protexer a liña de subministración das accións alemás, os aliados enviarían unidades terrestres a Namsos, Bergen, e Trondheim. A operación requiría 100 000 soldados británicos e 35 000 franceses con apoio naval e aéreo. Os convois de subministración navegarían o 12 de marzo e os desembarcos comezarían o 20 de marzo.[189] O final da guerra, o 13 de marzo, cancelou os plans franco-británicos de enviar tropas a Finlandia a través do norte de Escandinavia.[190]

Consecuencias e perdas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Cruz da dor.

Finlandia[editar | editar a fonte]

A catedral de Viipuri foi gravemente danada durante a Guerra de Inverno e nunca foi reparada. A propia Viipuri foi cedida á Unión Soviética
Un monumento á Guerra de Inverno en Suomussalmi, Finlandia, que contén unha rocha por cada soldado que morreu na batalla de Suomussalmi: 750 finlandeses e 24 000 soviéticos segundo as estimacións.

A guerra de 105 días tivo un efecto profundo e deprimente en Finlandia. O apoio internacional significativo foi mínimo e chegou tarde, e o bloqueo alemán impedira a maioría dos envíos de armamento.[191] O período de 15 meses transcorrido entre a Guerra de Inverno e a Guerra de Continuación conectada á Operación Barbarossa foi posteriormente chamado Paz Interina.[176] Logo do final da guerra, a situación do exército finlandés no istmo de Carelia converteuse nun tema de debate en Finlandia. Xa se deran ordes para preparar a retirada á seguinte liña de defensa no sector de Taipale. As estimacións sobre canto tempo se puido ter atrasado o Exército Vermello polas operacións de retirada varía duns poucos días ata unhas poucas semanas,[192][193] ou ata un par de meses como máximo.[194] As persoas evacuadas de Carelia formaron un grupo de interese, o Karjalan Liitto (en galego Asociación Carelia), logo da guerra para defender os dereitos e intereses de Carelia, e para buscar un camiño para devolver as rexións cedidas de Carelia a Finlandia.[175][195] En 1940, Finlandia e Suecia levaron a cabo negociacións para unha alianza militar, mais as negociacións finalizaron unha vez quedou claro que tanto Alemaña como a Unión Soviética se opuñan a tal alianza.[196] Durante a Paz Interina, Finlandia estableceu estreitos vínculos con Alemaña coa esperanza de reclamar áreas cedidas á Unión Soviética.[197]

Inmediatamente despois da guerra, Helsinqui anunciou oficialmente 19 576 mortes.[198] Segundo as estimacións revisadas en 2005 por historiadores finlandeses, 25 904 persoas morreron ou desapareceron, e 43 557 foron feridas no bando finlandés durante a guerra.[j] Investigadores finlandeses e rusos estimaron que había entre 800 e 1 000 prisioneiros de guerra finlandeses, dos cales entre o 10 e o 20 por cento morreron. A Unión Soviética repatriou 847 finlandeses logo da guerra.[17] Os ataques aéreos mataron 957 civís.[15] Entre 20 e 30 tanques foron destruídos e perderon 62 avións.[19]

Unión Soviética[editar | editar a fonte]

O Mando Supremo do Estado Maior Soviético (Stavka) reuniuse en abril de 1940, revisou as leccións da campaña finlandesa, e recomendou reformas. O papel dos comisarios políticos da fronte reduciuse e reintroducíronse vellos rangos e formas de disciplina. As roupas, equipamento e tácticas para operacións invernais melloraron. Non todas as reformas se completaran cando Alemaña iniciou a Operación Barbarossa 15 meses despois.[199]

Un monumento adicado ás vítimas da guerra soviético-finlandesa de 1939-1940 en San Petersburgo.

Durante o período entre a Guerra de Inverno e a perestroika no final da década de 1980, a historiografía soviética baseouse unicamente nos discursos de Viacheslav Molotov sobre a Guerra de Inverno. No seu discurso radiofónico do 29 de novembro de 1939, Molotov argumentou que a Unión Soviética tratara de negociar garantías de seguridade para Leningrado durante dous meses. Os finlandeses adoptaran unha postura hostil para "compracer os imperialistas estranxeiros". Finlandia emprendera unha provocación militar, e a Unión Soviética xa non podía cumprir os pactos de non-agresión. Segundo Molotov, a Unión Soviética non quería ocupar ou anexionar Finlandia; o obxectivo era puramente asegurar Leningrado.[200]

A cifra oficial soviética en 1940 para as súas mortes foi de 48 000. Estimacións rusas máis recentes varían: en 1990, Mikhail Semiryaga reclamou 53 522 mortos e N. I. Baryshnikov, 53 500 mortos. En 1997, Grigoriy Krivosheyev apuntou 126 875 mortos e desaparecidos, e unhas baixas totais de 391 783 con 188 671 feridos.[20] En 1991, Yuri Kilin apuntou 63 990 mortos e unhas perdas totais de 271 528. En 2007, revisou a estimación de mortos a 134 000[21] e en 2012, actualizou a estimación a 138 533 baixas irreparables.[201] En 2013, Pavel Petrov declarou que o Arquivo Militar Estatal de Rusia ten unha base de datos que confirma a morte ou desaparición de 167 976 persoas, xunto co nome dos soldados, as datas de nacemento, e rangos.[22] Houbo 5 572 prisioneiros de guerra soviéticos en Finlandia.[24] O destino dos prisioneiros logo da repatriación non está claro: as fontes occidentais sospeitan que foron asasinados nos campos da NKVD.[202][203]

Entre 1 200 e 3 543 tanques soviéticos foron destruídos. A cifra oficial foi de 611 tanques, mais Yuri Kilin encontrou unha nota recibida polo xefe do Estado Maior soviético, Boris Shaposhnikov, que informa de 3 543 baixas de tanques e 316 tanques destruídos. Segundo o historiador finlandés Ohto Manninen, o Sétimo Exército Soviético perdeu 1 244 tanques durante as batallas da liña Mannerheim a mediados do inverno. Inmediatamente despois da guerra, os finlandeses estimaron o número de tanques perdidos polos soviéticos en 1 000-1 200.[25][26][27] A Forza Aérea Soviética perdeu arredor de 1 000 avións, porén menos da metade deles foron derrubados en combate.[27][25]

Alemaña[editar | editar a fonte]

A Guerra de Inverno foi un éxito político para Alemaña. Tanto o Exército Vermello como a Liga de Nacións foron humillados, e revelouse que o Consello Supremo de Guerra Anglo-Francés era caótico e carecía de poder. A política de neutralidade alemá non foi popular no país, e as relacións con Italia resentíronse. Logo da Paz de Moscova, Alemaña mellorou os seus lazos con Finlandia, e en dúas semanas as relacións fino-xermanas pasaron a ocupar o primeiro lugar na axenda.[204][77] Máis importante, a pobre actuación do Exército Vermello convenceu a Hitler de que un ataque á Unión Soviética podería ter éxito. En xuño de 1941, Hitler declarou 'só temos que patear a porta e toda a estrutura podre derrubarase'.[205]

Aliados[editar | editar a fonte]

A Guerra de Inverno puxo ao descuberto a desorganización e a ineficacia do Exército Vermello, así como a dos Aliados. O Consello de Guerra Supremo Anglo-Francés non puido formular un plan eficaz de guerra en Gran Bretaña ou Francia. Este fracaso levou ao colapso do goberno de Daladier en Francia.[206]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O comandante do Distrito Militar de Leningrado Kirill Meretskov inicialmente dirixiu a operación xeral contra os finlandeses.[1] O comando foi transferido o 9 de decembro de 1939 ao Comando Supremo do Estado Maior Xeral (máis tarde coñecido como Stavka), directamente baixo o control de Kliment Voroshilov (presidente), Nikolai Kuznetsov, Iosif Stalin e Boris Shaposhnikov.[2][3] En xaneiro de 1940, o Distrito Militar de Leningrado reformouse e renomeouse "Fronte Noroeste". Semyon Timoshenko foi escollido como comandante do exército para romper a liña Mannerheim.[4]
  2. Ao principio da guerra, Finlandia contaba con 300 000 soldados. O exército finlandés tiña só 250 028 rifles (un total de 281 594 armas de fogo), mais a Garda Branca levou os seus propios rifles (máis de 114 000 rifles, un total de 116 800 armas de fogo) á guerra. O exército finlandés acadou a súa forza máxima a principios de marzo de 1940 con 346 000 soldados uniformados.[5][6]
  3. A partir de 1919, Finlandia posuía 32 tanques Renault FT franceses e uns poucos tanques lixeiros. Estes non eran válidos para a guerra e posteriormente empregáronse fortíns fixos. Finlandia mercou 32 tanques Vickers 6-Ton británicos no período de 1936–39, mais sen armas. As armas estaban destinadas a ser fabricadas en Finlandia. So 10 tanques eran aptos para o combate ao principio do conflito.[7]
  4. O 1 de decembro de 1939 Finlandia tiña 114 aeronaves de combate aptos para o servizo e sete avións para comunicación e observación. Empregáronse case 100 avións para adestramento, non axeitados para o combate, ou en reparación. En total, os finlandeses tiñan 173 avións e 43 avións de reserva.[8]
  5. 550 757 soldados o 1 de xaneiro de 1940[9] e 760 578 soldados a principios de marzo.[10] No Distrito Militar de Leningrado, 1 000 000 soldados[11] e 20 divisións un mes antes da guerra, e 58 divisións dúas semanas antes do ser final.[12]
  6. Ao principio da guerra a Unión Soviética tiña 2 514 tanques e 718 vehículos blindados. O principal campo de batalla foi o itsmo de Carelia, onde os soviéticos despregaron 1 450 tanqus. Ao final da guerra os soviéticos tiñan 6 541 tanques e 1 691 vehículos blindados. O modelo de tanque máis común era o T-26, mais os tipo BT eran moi comúns.[13]
  7. Este nome é tradución dos seguintes: finés: talvisota, en sueco: vinterkriget, en ruso: Зимняя война, (Zimnjaja vojna). Os nomes Guerra Soviético–Finlandesa 1939–1940 (ruso: Сове́тско-финская война́ 1939–1940) e Guerra Unión Soviética-Finlandia 1939–1940 (ruso: Сове́тско-финляндская война́ 1939–1940) son frecuentemente empregados na historiografía rusa;[28][29][30] Guerra Ruso-Finlsndesa 1939–1940 ou Guerra Fino-Rusa 1939–1940 é empregado no catálogo da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos (véxase control de autoridades).
  8. O papel soviético confírmase nas memorias de Khrushchev, onde afirma que o Mariscal de Artillaría Grigorii Kulik supervisara persoalmente o bombardeo da aldea soviética.[64][65]
  9. Véxanse as seguintes fontes:[70][71][72][73][74]
  10. Unha clasificación detallada de persoas falecidas e desaparecidas é a seguinte:[15][16]
    • Mortas, enterradas 16 766;
    • Feridas, mortas das feridas 3 089;
    • Mortas, non enterradas, logo declaradas mortas 3 503;
    • Desaparecidas, declaradas mortas 1 712;
    • Mortas como prisioneiras de guerra 20;
    • Outros motivos (enfermidades, accidentes, suicidios) 677;
    • Descoñecidas 137;
    • Mortas durante o adestramento de repaso adicional (enfermidades, accidentes, suicidios) 34.
Referencias
  1. Edwards 2006, p. 93.
  2. Edwards 2006, p. 125.
  3. Manninen 2008, p. 14.
  4. Trotter 2002, p. 204.
  5. Palokangas 1999, pp. 299–300.
  6. Juutilainen & Koskimaa 2005, p. 83.
  7. Palokangas 1999, p. 318.
  8. Peltonen (1999)
  9. Meltiukhov 2000, p. ch. 4, Table 10.
  10. Krivosheyev 1997, p. 63.
  11. Kilin 1999, p. 383.
  12. Manninen 1994, p. 43.
  13. Kantakoski 199, p. 260.
  14. 14,0 14,1 Trotter 2002, p. 187.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 Kurenmaa & Lentilä 2005, p. 1152.
  16. 16,0 16,1 Lentilä & Juutilainen 1999, p. 821.
  17. 17,0 17,1 Malmi 1999, p. 792.
  18. Kurenmaa & Lentilä 2005.
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 Tillotson 1993, p. 160.
  20. 20,0 20,1 20,2 Krivosheyev 1997, pp. 77–78.
  21. 21,0 21,1 21,2 Kilin 2007b, p. 91.
  22. 22,0 22,1 Petrov (2013)
  23. 23,0 23,1 Krivosheyev, Table 100
  24. 24,0 24,1 Manninen 1999b, p. 815.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Kilin 1999, p. 381.
  26. 26,0 26,1 Kantakoski 1998, p. 286.
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 Manninen 1999b, pp. 810–811.
  28. Baryshnikov (2005)
  29. Kovalyov (2006)
  30. Shirokorad (2001)
  31. Ries 1988, pp. 79–80.
  32. VanDyke 1997, p. 44.
  33. Kilin & Raunio 2007, p. 10.
  34. Trotter 2002, pp. 3–5.
  35. 35,0 35,1 Trotter 2002, pp. 4–6.
  36. Jowett & Snodgrass 2006, p. 3.
  37. Turtola 1999a, pp. 21–24.
  38. Turtola 1999a, pp. 33–34.
  39. Edwards 2006, pp. 26–27.
  40. 40,0 40,1 Edwards 2006, p. 18.
  41. Polvinen 1987, pp. 156–161, 237–238, 323, 454.
  42. Engman 2007, pp. 452–454.
  43. 43,0 43,1 43,2 Turtola 1999a, pp. 30–33.
  44. Edwards 2006, p. 31.
  45. Edwards 2006, pp. 43–46.
  46. Van Dyke 1997, p. 13.
  47. Edwards 2006, pp. 32–33.
  48. Lightbody 2004, p. 52.
  49. Trotter 2002, p. 15.
  50. Edwards 2006, pp. 28–29.
  51. Hallberg 2006, p. 226.
  52. Trotter 2002, pp. 12–13.
  53. Turtola 1999a, pp. 32–33.
  54. Turtola 1999a, pp. 34–35.
  55. Engle & Paananen 1985, p. 6.
  56. 56,0 56,1 56,2 56,3 Turtola 1999a, pp. 38–41.
  57. Ries 1988, pp. 55–56.
  58. Manninen 1999a, pp. 141–148.
  59. Trotter et al.
  60. Jowett et al.
  61. Turtola 1999a, pp. 41–43.
  62. Tanner (1950)
  63. Ries 1988, pp. 77–78.
  64. Edwards 2006, p. 105.
  65. 65,0 65,1 Turtola 1999a, pp. 44–45.
  66. Tanner 1950, pp. 85–86.
  67. Kilin 2007a, pp. 99–100.
  68. Aptekar (2009)
  69. Yle News (2013)
  70. Manninen 2008, pp. 37, 42, 43, 46, 49.
  71. Rentola 2003, pp. 188–217.
  72. 72,0 72,1 Ravasz 2003, p. 3.
  73. , Clemmesen & Faulkner 2013, p. 76.
  74. Zeiler & DuBois 2012, p. 210.
  75. Reiter 2009, p. 124.
  76. Trotter 2002, p. 17.
  77. 77,0 77,1 Lightbody 2004, p. 55.
  78. Chubaryan 2002, p. xvi.
  79. Trotter 2002, p. 34.
  80. Conquest 2007, p. 450.
  81. Bullock 1993, p. 489.
  82. Glanz 1998, p. 58.
  83. Ries 1988, p. 56.
  84. Edwards 2006, p. 189.
  85. Coox 1985, p. 996.
  86. Coox 1985, pp. 994–995.
  87. 87,0 87,1 Coox 1985, p. 997.
  88. Goldman 2012, p. 167.
  89. Langdon-Davies 1941, p. 7.
  90. 90,0 90,1 Trotter 2002, pp. 35–36.
  91. Trotter 2002, pp. 38–39.
  92. 92,0 92,1 92,2 92,3 92,4 Kilin & Raunio 2007, p. 13.
  93. Trotter 2002.
  94. Leskinen & Juutilainen 1999.
  95. 95,0 95,1 Trotter 2002, pp. 42–44.
  96. Laemlein 2013, pp. 95–99.
  97. Trotter 2002, p. 47.
  98. Jowett & Snodgrass 2006, p. 6.
  99. Paskhover (2015)
  100. Russian State Military Archive F.34980 Op.14 D.108
  101. Trotter 2002, pp. 48–51.
  102. League of Nations 1939, pp. 506, 540.
  103. Trotter 2002, p. 58.
  104. Trotter 2002, p. 61.
  105. Soikkanen 1999, p. 235.
  106. Geust & Uitto 2006, p. 54.
  107. Trotter 2002, p. 69.
  108. Trotter 2002, pp. 72–73.
  109. Trotter 2002, pp. 76–78.
  110. Trotter 2002, pp. 51–55.
  111. Trotter 2002, p. 121.
  112. Trotter 2002, pp. 53–54.
  113. Paulaharju 1999, p. 292.
  114. Paulaharju 1999, pp. 289–290.
  115. 115,0 115,1 Trotter 2002, pp. 145–146.
  116. 116,0 116,1 Paulaharju 1999, pp. 297–298.
  117. Trotter 2002, pp. 131–132.
  118. Trotter 2002, pp. 148–149.
  119. 119,0 119,1 Trotter 2002, pp. 62–63.
  120. Vuorenmaa 1999, pp. 494–495.
  121. Laaksonen 1999, p. 407.
  122. Laaksonen 1999, pp. 411–41.
  123. Trotter 2002, pp. 87–89.
  124. Leskinen & Juutilainen 1999, p. 502.
  125. Kilin & Raunio 2007, p. 113.
  126. Juutilainen 1999a, pp. 504–505.
  127. Juutilainen 1999a, p. 506.
  128. Juutilainen 1999a, p. 520.
  129. Trotter 2002, p. 110.
  130. Juutilainen 1999a, pp. 510–511.
  131. Juutilainen 1999a, p. 514.
  132. Jowett & Snodgrass 2006, p. 44.
  133. Juutilainen 1999a, pp. 516–517.
  134. Vuorenmaa 1999, pp. 559–561.
  135. Vuorenmaa 1999, p. 550.
  136. Trotter 2002, p. 150.
  137. Kulju 2007, p. 230.
  138. Kulju, 2007 & p. 229.
  139. Kantakoski 1998, p. 283.
  140. Kulju 2007, pp. 217–218.
  141. 141,0 141,1 Trotter 2002, pp. 171–174.
  142. Leskinen & Juutilainen 1999, p. 164.
  143. Trotter 2002, pp. 178–180.
  144. Vuorenmaa 1999, pp. 545–549.
  145. 145,0 145,1 Trotter 2002, p. 193.
  146. Trotter 2002, pp. 187–188.
  147. Tillotson 1993, p. 157.
  148. Peltonen 1999, pp. 607–608.
  149. Trotter 2002, p. 189.
  150. Trotter 2002, pp. 191–192.
  151. Elfvegren 1999, p. 681.
  152. Trotter 2002, pp. 48-51.
  153. Elfvegren 1999, p. 678.
  154. Elfvegren 1999, p. 692.
  155. Leskinen 1999, p. 130.
  156. Silvast 1999, pp. 694–696.
  157. Tillotson 1993, pp. 152–153.
  158. Trotter 2002, pp. 203–204.
  159. Laaksonen 1999, pp. 424–425.
  160. 160,0 160,1 160,2 Trotter 2002, pp. 214–215.
  161. Laaksonen 1999, pp. 426–427.
  162. Laaksonen 1999, p. 430.
  163. Trotter 2002, p. 218.
  164. Geust & Uitto 2006, p. 77.
  165. Trotter 2002, p. 233.
  166. Laaksonen 1999, p. 452.
  167. Trotter 2002, pp. 234–235.
  168. Trotter 2002, pp. 246–247.
  169. Edwards 2006, p. 261.
  170. Trotter 2002, pp. 247–248.
  171. Kilin & Raunio 2007, pp. 260–295.
  172. Trotter 2002, pp. 249–251.
  173. Trotter 2002, p. 254.
  174. Engle & Paananen 1985, pp. 142–143.
  175. 175,0 175,1 Ahtiainen (2000)
  176. 176,0 176,1 Jowett & Snodgrass 2006, p. 10.
  177. Van Dyke 1997, pp. 189–190.
  178. Trotter 2002, pp. 14–16.
  179. Trotter 2002, pp. 194–202.
  180. 180,0 180,1 Jowett & Snodgrass 2006, pp. 21–22.
  181. Juutilainen 1999b, p. 776.
  182. Rigby 2003, pp. 59–60.
  183. 183,0 183,1 Trotter 2002, pp. 235-236.
  184. Edwards 2006, p. 141.
  185. 185,0 185,1 Edwards 2006, p. 145.
  186. 186,0 186,1 Trotter 2002, p. 237.
  187. 187,0 187,1 Edwards 2006, p. 146.
  188. Trotter 2002, pp. 237–238.
  189. Trotter 2002, pp. 238–239.
  190. Trotter 2002, p. 239.
  191. Edwards 2006, pp. 272–273.
  192. Laaksonen 2005, p. 365.
  193. Paasikivi 1958, p. 177.
  194. Halsti 1955, p. 412.
  195. Finnish Karelian League
  196. Turtola 1999b, p. 863.
  197. Jowett & Snodgrass 2006, pp. 10–11.
  198. Dallin 1942, p. 191.
  199. Trotter 2002, p. 264.
  200. Vihavainen 1999, pp. 893–896.
  201. Soviet-Finnish War 1939–1940 and Red Army's Losses, in Proceedings of Petrozavodsk State University. Social Sciences & Humanities, Issue 5 (126)/2012.
  202. Van Dyke 1997, p. 191.
  203. Trotter 2002, p. 263.
  204. Edwards 2006, pp. 277–279.
  205. Sedlar 2007, p. 8.
  206. Edwards 2006, pp. 13–14.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Bibliografía consultada
Bibliografía adicional

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]