Fornelos de Montes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fornelos de Montes
Bandeira de Fornelos de Montes
Escudo de Fornelos de Montes
Casa do Concello.
Situación
Xentilicio[1]Fornelense ou fornalán
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca de Vigo
Poboación1.647 hab. (2023)[2][3]
Área83,1 km²[3]
Densidade19,82 hab./km²
Entidades de poboación26[4]
Capital do concelloFornelos de Montes
Política (2023 [5])
AlcaldeEmiliano Lage Rodríguez (PSdeG[6])
ConcelleirosBNG: 1
PPdeG: 3
PSdeG-PSOE: 5
Eleccións municipais en Fornelos de Montes
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes63,74%
Na rede
fornelos.com
editar datos en Wikidata ]

Fornelos de Montes é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Vigo. Segundo o IGE, no ano 2021 tiña 1594 habitantes. O seu xentilicio é "fornelán/fornelá" ou "fornelense".[8]

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello sitúase no centro-leste da provincia de Pontevedra. Está formado por sete parroquias con 24 núcleos de poboación. Limita ao norte coa Lama e Ponte Caldelas, ao oeste con Soutomaior e Pazos de Borbén, ao sur con Mondariz e Covelo e ao leste con Covelo e Avión (provincia de Ourense).

A zona montañosa da franxa leste pertence á serra do Suído. Nela están os cumios de Couto Minuto (1059 m) e Outeiro Vello (1.007 m). Cara ao oeste as altitudes van diminuíndo, pasando a un territorio caracterizado polos vales fluviais.

Os río máis importante é o río Oitavén, no que se sitúa o encoro de Eiras, que abastece a Vigo e parte da súa comarca. O río Parada, que nace na serra do Suído, aflúe na marxe esquerda do Oitavén. O río Barragán, tamén afluente do Oitavén pola marxe esquerda, ten no tramo final, antes do encoro de Eirás, un estreito val cun bosque de ribeira ben conservado.

Climaticamente caracterízase polas fortes choivas, sendo xunto con Cuntis e Lousame un dos concellos galegos con maiores precipitacións[9]. Isto causa frecuentes correntes de auga, que co paso do tempo conformaron pequenas fervenzas de curso inestable. As temperaturas adoitan ser suaves nos meses de maior calor (17 °C en xullo) e frías en inverno (5 °C en febreiro).

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo total 2021 1.594 habitantes
Menores de 15 anos 137 (8.59 %)
Entre 15 e 64 anos 920 (57.72 %)
Maiores de 64 anos 537 (33.69 %)
Evolución da poboación de Fornelos de Montes   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
2.795 2.817 2.691 2.377 2.092 1.976 2.002 1.906 1.864 1.784 1.794 1.748 1.694 1.640 1.616 1.598 1.594
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia[editar | editar a fonte]

Prehistoria e Idade Antiga[editar | editar a fonte]

O concello de Fornelos conta con restos megalíticos (mámoa de Borraxeiros), neolítico (un túmulo), da Idade de Bronce (petróglifos de Cerdeiras, tapados na actualidade por un recheo) e castrexos (monte da Cidade en Calvos, castro de Castrove en Laxe e monte Castelo en Calvos).

Hai tamén restos da dominación romana (ponte de Bustelo, reconstruída na Idade Media). O historiador José Montero Aróstegui[10] tivo ocasión de ver aquí unha torre arruinada:

(...) cuyos techos, paredes, puertas y ventanas parecen de arquitectura roma y en una de las ventanas léese la siguiente inscripción: "Casa da len y pairte facida por os reyes godos, era Cesaris"; y en otra: "Chistus Rex venit in pace".

As ruínas desta torre situábanse en Vilán, igual que un sartego aberto nunha pena e unha sepultura antropoide.

Idade Media[editar | editar a fonte]

O territorio estivo en boa parte ligado á casa dos Soutomaior, mesmo no século XVIII dispuñan do Señorío Xurisdicional nas freguesías de Calvos, Fornelos, e parte da de Traspielas (o lugar de Freaza, aínda que en Traspielas, pertencía á xurisdición de Sobroso). Dado que daquela a freguesía de Verducido (A Lama) era moito máis grande que hoxe en día, incluíndo as freguesías das Estacas e A Laxe, o Catastro de Ensenada menciona que o lindeiro oriental de Verducido era Abelenda (Avión) e o meridional Barcia de Mera.

Fornelos de Montes pagaba 240 reais por dereitos de señorío -que nesta parroquia recibían no nome de "caballerato"-. Verducido pagaba 1.200 reais, facéndoo as antigas familias que repoboaron o seu territorio. A luctuosa era pagada en tódalas freguesías, agás a de Calvos.

Idade contemporánea[editar | editar a fonte]

Coa abolición dos señoríos e a chegada da reforma política das Cortes de Cádiz de 1812 constituíuse unha unidade administrativa que abranguía os concellos de Soutomaior e Fornelos, separados en 1869-70. Porén, xa nos períodos de 1812-14 e 1820-23 o concello de Fornelos de Montes estivo separado do de Soutomaior. A unidade consagrouse na reforma efectuada polo Real Decreto de novembro de 1833, debida a Javier de Burgos. Segundo ese decreto, a Xurisdición de Soutomaior abranguía as parroquias de Anceu, Calvos, Barbudo, Estacas, Fornelos, Forzáns, "Insua", "Laxe", Pazos, Traspielas, Soutomaior, Xesta e "Berducido".

En 1835 a poboación das parroquias de Fornelos era de 670 veciños e 2.305 habitantes (Calvos, 158 veciños e 441 habitantes; Traspielas, 59 veciños e 171 habitantes; Estacas, 65 veciños e 300 habitantes; Fornelos, 340 veciños e 1.176 habitantes; Laxe, 48 veciños e 217 habitantes).

Segundo o dicionario de Madoz de 1845 había 542 casas, con 636 veciños e 2.722 almas (Calvos, 100, 168 e 441 respectivamente; Estacas, 70, 50 e 320; Fornelos, 200, 256 e 1.280; Laxe, 113, 103 e 500; Traspielas, 59, 59 e 171).

A época de maior demografía foi cara a 1910, con 3.047 habitantes, pero co desenvolvemento da industria en Vigo e o aumento da demanda de man de obra, e debido tamén á perda de importancia da agricultura, a poboación foi reducíndose e avellentándose.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

A fortaleza de Alemparte foi asolada polos irmandiños na Gran Guerra Irmandiña (1467). En 1482 foi cercada polo bispo de Tui e os seus cabaleiros, apoderándose dela posteriormente Pedro Madruga. Os restos que quedaban da fortaleza foron desfeitos definitivamente en 1893.

O poboado castrexo da Cidadela do monte da Cidade conserva restos das pequenas edificacións, feitas en granito. A maioría delas conservan erguida parte da súa estrutura externa, consistente nunha parede de pedra de granito, podendo adiviñarse algúns elementos como as portas de entrada ou detalles do interior das vivendas. As edificacións atópanse, en liñas xerais, agrupadas nun único núcleo agás no comezo da Cidadela onde as primeiras casas aparecen diseminadas respecto ás do resto. Bordeando a Cidadela hai un camiño cuberto con pedras de formas irregulares e que unha vez deixadas atrás as vivendas nos conduce cara a un acueduto do último terzo do século XVIII, en perfecto estado de conservación malia estar cuberto por vexetación autóctona. A edificación está realizada en pedra e na súa parte central presenta un arco de tipo oxival, a través do que cruza o sendeiro, que ben puido servir antigamente como entrada á cidade.

Debido á grande presenza de cursos fluviais, hai numerosos muíños de auga por todo o territorio, destacando a parroquia de Fornelos de Montes con nove e a de Traspielas con seis. As parroquias de Laxe e Ventín son as que presentan un menor número de muíños con dous e un respectivamente. Así mesmo, co fin de salvar o paso dos ríos existentes, destaca tamén a presenza de pontes de pedra, destacando as pontes de Laxe, de Verducido, a Ponte Grande, a de Portorrío ou a do Barbado. Non todas elas están ben conservadas debido ao abandono. Existen máis de 30 fontes de auga e 15 lavadoiros repartidos por todo o concello.

Hai dúas casas grandes: a de Marrán, en Vilán, e a dos Alemparte. A primeira, ben conservada, ten planta con forma de L, destacando a balconada corrida no interior e unha notable cheminea. A casa dos Alemparte, do século XV, presenta un estado bastante malo de conservación, destacando no seu conxunto a gran balconada sobre pilastras rústicas orientada cara a solaina, que é o que se atopa mellor conservado de toda a edificación, así como a robusta escaleira e un arco nunha porta con forma semicircular e que contén un escudo de armas.

Panorámica.

Ademais das igrexas parroquiais hai tres capelas, a de San Caetano en Estacas, a de San Amaro en Traspielas e a de Santa Cruz en Fornelos de Montes. Tamén conta con diversos cruceiros, destacando o de San Xosé de Laxe, e 5 petos de ánimas: dous en Ventín e un en Fornelos, Estacas e Laxe.

Outro tipo de patrimonio etnográfico son as construcións vinculadas ao uso do monte, como os chozos (construción menor de pedra que daba acubillo aos pastores da serra ao longo do ano), parideiras (construcións en pedra en forma de cercado e para gardar o gando), e foxos de lobos (recintos moi elementais e primitivos destinados á caza do lobo. Todas elas están na parroquia de Laxe, ao pé da serra do Suído).

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Fornelos de Montes

Calvos (Santo Adrián) | As Estacas (Santa María) | Fornelos de Montes (San Lourenzo) | A Laxe (San Xosé) | Oitavén (San Vicente) | Traspielas (Santa María) | Ventín (San Miguel)

Lugares de Fornelos de Montes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Lugares de Fornelos de Montes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Fornelos de Montes".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  6. "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. Costas Monteagudo, Xosé-Henrique. Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua e cultura galegas. Universidade de Vigo. 2016. Páxina 48. En liña Arquivado 04 de novembro de 2018 en Wayback Machine..
  9. O primeiro en 2016 con 3078 l/m², o segundo en 2010-11, 2015, 2017-2019 e 2022; o terceiro en 2012-2014, 2020-2021: Informes climatolóxicos en MeteoGalicia
  10. Álvarez Gallego, G.: Geografía de Galicia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]