Dolmen de Dombate

Este é un artigo bo da Galipedia
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dolmen de Dombate
Ben de Interese Cultural
Vista da entrada ao dolmen custodiada por ídolos de pedra
Localización
PaísGaliza Galiza
ConcelloCabana de Bergantiños
LocalidadeDombate
Borneiro
Coordenadas43°11′24″N 8°58′10″O / 43.19013333, -8.96948333Coordenadas: 43°11′24″N 8°58′10″O / 43.19013333, -8.96948333
Datos xerais
Data11-03-1978
CategoríaMonumento[1]
CódigoRI-51-0004271
ConstruciónPrehistoria -
EstiloMegalitismo
Mapa de localización
Dolmen de Dombate en Galicia
Dolmen de Dombate
Dolmen de Dombate

O dolmen de Dombate (catálogo da Xunta GA15014004)[2] é un monumento megalítico situado no lugar de Dombate na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños), na comarca de Bergantiños. Construíuse na primeira metade do IV milenio a. C. e a cámara a finais dese mesmo milenio. Foi usado en diferentes épocas e evidenciouse un uso que vai dende o ano 3.800 a.C. ata o 2.700 a.C., momento no que se clausura o monumento. Este dolmen catalógase como unha tumba de corredor e é un dos conxuntos máis importantes de Galicia.[3]

Preto del atópanse outros monumentos coñecidos pola existencia de arte parietal: o dolmen de Pedra Cuberta e a Pedra da Arca.[4]

Segundo o experto Xosé María Bello Diéguez, a concentración de dolmens deste tipo na Costa da Morte puido deberse a que estaban relacionados coa riqueza cultural da zona, como na Idade Media estábano as catedrais.[5]

No século XIX o historiador Manuel Murguía xa escribe sobre o dolmen, e no ano 1885 o poeta Eduardo Pondal inmortalizouno nun poema en Queixumes dos pinos: [6]

Este dolmen é lugar de paso da ruta de sendeirismo da Costa da Morte na súa terceira etapa do camiño dos Faros.[7]

Descrición[editar | editar a fonte]

Lateral do dolmen en 2013.

Foi escavado polo arqueólogo Xosé María Bello entre 1987 e 1989.

O túmulo, ou mámoa, ten uns 24 m de diámetro e 1,80 m de altura. Consta dunha camada de terra escura recuberta parcialmente por unha coiraza pétrea, formada por pedras planas depositadas horizontalmente que marcan o perímetro, e pedras ben trabadas no interior. Sospéitase que orixinalmente o túmulo recubría até á altura do corredor e que a anta ficaba á vista.

A anta consiste nunha cámara poligonal ancha formada por sete ortóstatos, un dos cales mide 4,64 x 3 m, e un corredor de tres tramos, ben diferenciado en planta e en sección. A entrada estaba pechada cunha lousa vertical recuberta de pedras. Entre algúns ortóstatos colocáronse lousas alongadas polo exterior para contribuír a fechar o oco. As gabias de sustentación atinxen profundidades de 140 cm na cámara e 70 cm no corredor.

Vista do interior da cámara. Obsérvanse os gravados na parte inferior do ortóstato.

Baixo o túmulo coñecido existiu un megálito anterior no tempo, de menor tamaño e complexidade, consistente nunha cámara simple, alongada e aberta, composta por nove ortóstatos e dimensións de 240 x 190 cm. O seu túmulo tiña 10,5 m de diámetro e estaba cuberto por unha coiraza dunha soa camada de pedras.

Os ortóstatos da cámara conteñen gravados. Todas as lousas, tanto na cámara como no corredor, contan con pintura. Esta distribúese en dous rexistros horizontais separados por unha banda vermella de puntos vermellos e negros, sendo o conxunto unha composición na que prima a xeometricidade (zigzag, bandas verticais e oblicuas, ondulados, retículas etc.). A cor vermella obtíñase a partir de óxido de ferro e a negra a partir de carbón vexetal, posiblemente aplicados sobre unha imprimación branca a partir dalgún tipo de graxa mesturada con caolín.[8]

Tamén se atoparon unha fileira de ídolos, vinte en total,[3] colocados fronte ao corredor e no límite do túmulo e un notable enxoval lítico e cerámico.

Nas escavacións de 2009 atopouse ao seu lado restos dun foxo que se interpreta como as defensas dun poboado da Idade de Bronce (momento no cal se pechou o túmulo).

No ano 2009 tamén se descubriu que a cámara dispoñía dunha drenaxe que fai sospeitar que desde o comezo sufría de inundacións de auga.[9]

Ocupación[editar | editar a fonte]

Os estudos sobre o dolmen de Dombate fan pensar que foi ocupado en catro momentos diferentes:

  • Momento 1, que corresponde co da súa creación, e que se produciu entre o 3800 e o 3600 a.C. Durante a segunda metade do IV milenio a. C. e os dous primeiros terzos do III só se ergueron dolmens de corredor.
  • Momento 2, arredor do 3000 a.C., durante o que se preparou e utilizou por vez primeira a área de acceso.
  • Momento 3, arredor do 2700 a.C., cando se fechou finalmente o corredor e rematou o seu uso ritual.
  • Momento 4, posibelmente coincidente co momento de apoxeo do fenómeno do vaso campaniforme, durante o que se violou por vez primeira.

Posteriormente construíuse un poboado, xa na Idade de Bronce, xunto ó dolmen en desuso.[9]

Conservación e musealización[editar | editar a fonte]

O dolmen de Dombate, trala escavación realizada polo arqueólogo Xosé María Bello nos anos 1987, 1988 e 1989, no 1990 cubriuse provisionalmente cunha carpa de lona para protexer as pinturas rupestres ata que se aprobase o proxecto de conservación. Despois destas escavacións as pinturas e o monumento en xeral sufriron unha gran degradación.[3]

Vista do dolmen de Dombate no ano 2006.

Para coñecer o estado no que se atopaba o monumento, en 2001 constituíuse un comité para que informase do mesmo,[10] e que xa na súa primeira visita descubriu que os danos eran irreparábeis e que se perdera parte dos restos arqueolóxicos, principalmente o antigo dolmen sobre o que xacía o actual, así como a testemuña de terra da escavación.[11] Uns meses despois a Deputación da Coruña decidiu substituír a cuberta plástica, moi deteriorada, e valar os 8.000  da parcela na que se sitúa o monumento.[12] A principios de 2002 xa estaba listo o novo peche, que sería o que perduraría ata o valado definitivo de 2011.[13][14] A Deputación da Coruña encargouse deste investimento comprando os terreos adxacentes coa intención de sacar a concurso a restauración e conservación do dolmen, así como a creación dun centro de interpretación arqueolóxico.

No 2004 preparouse un plan de 600.000 euros para a posta en valor do monumento que meses despois foi ampliado a un millón e que prevía expoñelo e recuperalo nuns dous anos, chegando incluso a crearse unha web para iso desde o momento do anuncio, co que querían «facelo único».[15][16][17][18] porén non se chegou a executar.[19] O proxecto que fora seleccionado, proposto por Playmedia Motion Graphics S.L., produciu distorsións durante o desenvolvemento do proxecto de execución coa proposta do concurso por parte da Deputación, o que dificultaba a súa materialización, e polo que se acabou rexeitando e convocando un segundo concurso en 2008[20].

Vista da parte posterior onde se aprecia a altura das pedras. Imaxe do ano 2013.

Este segundo concurso foi gañado polo arquitecto coruñés Francisco Vidal Pérez que levou a cabo o proxecto de recuperación do dolmen de Dombate cun proxecto co que o dolmen megalítico gozaría do "máximo respecto", reducindo ao mínimo os elementos expositivos, que se trasladaron ao centro de recepción de visitantes. Así, o arquitecto coruñés propuxo intervencións que axudaban a "soster e conservar" o monumento, con criterios de integración na paisaxe e territorio.[21]

Nese ano do 2008 deuse por perdido o dolmen antigo, o cal era considerado por expertos, como Bello Diéguez, como a característica principal deste dolmen e o que o facía especial e diferente a outros moitos do mundo.[22]

En 2009 realizáronse escavacións arqueolóxicas no dolmen e no terreo circundante,[23] e tamén nese ano adxudicáronse as obras a unha empresa para que realizara a musealización definitiva do dolmen e o seu contorno nun prazo de dez meses e cun presuposto superior ó millón e medio de euros.[24]

No 2011 completouse a cuberta que protexe ó dolmen da intemperie, se ben seguían os traballos de restauración e estudo.[25] Esta presentación ó visitante xunto a que a intervención implicaba alterar a situación encontrada recibiu críticas por restar criterio histórico ó conxunto.[3] O Centro Arqueolóxico foi inaugurado en marzo do 2011.[26]

No ano 2012 instalouse unha réplica da cámara no Centro de Recepción de Visitantes, xa que o acceso á orixinal está prohibido para evitar unha maior deterioración do monumento, e contén tódolos detalles do mesmo. Esta réplica supuxo un desembolso de 83.000 euros por parte da Deputación da Coruña.[27]

O dolmen atópase dentro dun proxecto de recuperación e musealización que ten como obxectivo convertelo nun centro de interpretación do megalitismo, o Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, e que é un dos catro centros de interpretación que constitúen a Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. "Consulta a la base de datos de bienes inmuebles". Consultado o 11 de setembro de 2016. 
  2. PXOM de Cabana de Bergantiños 1999
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Xurxo Salgado (15 de outubro de 2011). "El Dolmen de Dombate recupera su esplendor" (HTML). El Mundo (en castelán) (Santiago de Compostela). Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  4. Asociación Amigos do Arqueolóxico. "Dólmenes:A Coruña". El Megalitismo en Galicia. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  5. M. V. (15 de abril de 2010). "Xosé María Bello Diéguez: "É moito mellor ter un Parque do Megalitismo imperfecto que non ter nada"" (HTML). La Voz de Galicia (en castelán e galego). Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  6. Pasado Vilaseco, lugar batido polo aire
    no alto da costa de Uces de montesía canle;
    pasado Vilaseco, indo pola Gandra adiante,
    xa vía desde lonxe o dolmen de Dombate.
    —Eduardo Pondal (1885)
  7. Camiño dos Faros. "DOLMEN DE DOMBATE". Consultado o 4 xuño do 2021. 
  8. Asociación Amigos do Arqueolóxico. "Pintura". El Megalitismo en Galicia. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  9. 9,0 9,1 Cristina Viu (2 de agosto de 2009). "Os arqueólogos descobren que na Idade de Bronce levantouse un poboado xunto a Dombate" (HTML). La Voz de Galicia. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  10. Redacción (20 de outubro do 2001). "A Deputación encargará estudos para coñecer a situación actual de Dombate". La Voz de Galicia (Carballo). Arquivado dende o orixinal (HTML) o 03 de febreiro de 2016. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  11. Redacción (27 de outubro do 2001). "O mal estado de Dombate obriga a adaptar o plan de restauración e atrasará a obra". La Voz de Galicia (Carballo). Arquivado dende o orixinal (HTML) o 03 de febreiro de 2016. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  12. Cristina Viu (8 de maio do 2001). "A Deputación dá os primeiros pasos para a recuperación do dolmen de Dombate". La Voz de Galicia (en castelán e galego) (Carballo). Arquivado dende o orixinal (HTML) o 05/09/2014. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  13. Redacción (7 de marzo del 2002). "O dolmen de Dombate estrea o novo peche". La Voz de Galicia (en es.gl) (Carballo). Arquivado dende o orixinal (HTML) o 03/02/2016. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  14. Cristina Viu (19 de xuño do 2004). "Quince anos baixo unha lona". La Voz de Galicia (en castelán e galego) (Carballo). Arquivado dende o orixinal (HTML) o 03 de febreiro de 2016. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  15. Cristina Viu (14 de febreiro do 2004). "A Deputación destina 600.000 euros do seu orzamento ao plan de Dombate". La Voz de Galicia (en castelán e galego) (Carballo). Arquivado dende o orixinal (HTML) o 20 de febreiro de 2016. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  16. "Un millón de euros para Dombate". La Voz de Galicia (en castelán e galego) (Cabana de Bergantiños). 24 de novembro do 2004. Arquivado dende o orixinal (HTML) o 10 de setembro de 2014. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  17. d.v. (1 de decembro do 2004). "O avance na rehabilitación de Dombate permitirá abrilo en dous anos". La Voz de Galicia (en castelán e galego) (A Coruña). Arquivado dende o orixinal (HTML) o 11/09/2014. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  18. d.v. (9 de setembro do 2004). "Josep María Herms: "Con este proxecto nós fomos a por todas"". La Voz de Galicia (en castelán e galego). Arquivado dende o orixinal (HTML) o 20/02/2016. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  19. Cristina Viu (25 de xaneiro do 2007). "A disparidade de criterios mantén parada a recuperación de Dombate". La Voz de Galicia (en castelán e galego) (Carballo). Arquivado dende o orixinal (HTML) o 20 de febreiro de 2016. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  20. Fernando Cebrián del Moral, José Yáñez Rodríguez, Manuel Lestón Gómez, Francisco Vidal Pérez e Fernando Carrera Ramírez. Deputación da Coruña, ed. "El dolmen de Dombate arqueología, restauración, arquitectura" (PDF) (en castelán). Consultado o 10 de setembro de 2014. , páxina 101
  21. Fernando Cebrián del Moral, José Yáñez Rodríguez, Manuel Lestón Gómez, Francisco Vidal Pérez e Fernando Carrera Ramírez. Deputación da Coruña, ed. "El dolmen de Dombate arqueología, restauración, arquitectura" (PDF) (en castelán). Consultado o 10 de setembro de 2014. , páxina 110
  22. Cristina Viu (1 de febreiro do 2008). "El abandono destruye las huellas del dolmen antiguo de Dombate" (HTML). La Voz de Galicia. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  23. Antón Bruquetas (26 de febreiro do 2009). "O equipo que escavará o dolmen de Dombate empezou os traballos" (HTML). La Voz de Galicia (en castelán e galego). Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  24. "Adxudicadas as obras do edificio que protexerá o dolmen de Dombate" (HTML). La Voz de Galicia (en castelán e galego). 16 de decembro do 2009. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  25. "A limpeza de todas as pinturas comezará dentro de dúas semanas" (HTML). La Voz de Galicia (en castelán e galego). 15 de outubro do 2011. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  26. "O Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate (A Coruña) abre as súas portas tras case 20 anos de traballos" (HTML). Europa Press (A Coruña). 22 de marzo de 2011. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  27. Ángel Palmou (6 de xullo de 2012). "Os segredos do dolmen de Dombate xa están ao alcance dos visitantes" (HTML). La Voz de Galicia (en castelán e galego) (Carballo). Consultado o 10 de setembro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]