Cthulhu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Debuxo de Cthulhu por H.P. Lovecraft, 1934.

Cthulhu é un deus primordial do mundo mariño ideado por H.P. Lovecraft. A súa mitoloxía trata sobre estraños seres extraterrestres que habitaron a Terra moito antes de que os homes aparecesen, e sobre os seus intentos presentes por recuperala. Apareceu por vez primeira no relato A chamada de Cthulhu, publicado na revista pulp Weird Tales no ano 1928.

Características[editar | editar a fonte]

Cthulhu descríbese precisamente no relato de A chamada de Cthulhu como un enorme monstro con cabeza de polbo ou lura, con numerosos tentáculos e corpo de dragón, coas súas respectivas ás. Ten a capacidade de alterar a súa forma, aínda que case sempre é a mesma. O seu corpo escamoso está composto dunha substancia distinta ás que se atopan no noso planeta, como unha especie de masa xelatinosa que o fai practicamente indestructible. De todos os xeito, se algún día fose destruído por completo (cousa bastante improbable), a súa esencia fecundaría á súa propia filla, volvendo a nacer. Foi un dos conquistadores da Terra e dominouna dende as profundidades do océano.

Cthulhu é un primixenio, parte dun grupo de seres que, aínda que poderosos e inmortais, non acadan o poder dos deuses exteriores. Os seus principais seguidores son a Semente Estelar de Cthulhu. Tamén o adora a maior parte dos Profundos, seres metade humano, metade batracio, que habitan os océanos.

Segundo a mitoloxía, Cthulhu repousa soñando baixo un selo na cidade somerxida de R´lyeh (nalgún lugar do océano Pacífico). Agarda escapar algún día (o día no que "as estrelas estean de novo en posición") coa axuda de ocultistas e seitarios para volver estender o seu poder sobre a Terra. A el dedican o salmo "Ph´nglui mglw´nafh Cthulhu R´lyeh wgah-nagl fhtagn" que aproximadamente significa "na súa morada de R'lyeh Cthulhu morto agarda soñando".

Pronunciación[editar | editar a fonte]

Non existe acordo respecto á pronunciación do nome. Acéptanse K'zulju, K'tulú, K'zulú, C'tulú, Cethulhu (con "h" aspirada), Chulu, Tulu, Zulu ou Katulu, como pronunciacións válidas, pero convense en que a forma máis axeitada de facelo non pode ser pronunciada polo aparato fonolóxico humano.

Que a pronunciación de Cthulhu non sexa precisa é algo típico do estilo lovecraftiano: estilo da ambigüedade, do impreciso, do magmático (ata suxerir o caos -algo que provoca fobia no inconsciente-) nas súas descricións.

Cthulhu na cultura popular[editar | editar a fonte]

En cine e televisión[editar | editar a fonte]

  • Cthulhu aparece no capítulo "The Collect Call of Cathulhu" de The Real Ghostbusters.
  • Aparece como un demo que provoca a tolemia en The Grim Adventures of Billy & Mandy, aínda que tamén aparece en dito episodio como un xogador de golf no seu tempo libre.
  • Cthulhu aparece tamén nun capítulo da serie Freakazoid.
  • Os alieníxenas do Terceiro Espazo que atacan a estación espacial Babylon 5 en Babylon 5: Thirdspace están baseados nos engendros estelares de Cthulhu. De feito na novelización desta película para televisión, as persoas posuídas por estes alieníxenas recitan o famoso mantra de Cthulhu. Ademais os Pak'ma'ra, unha das razas extraterrestres da serie, aseméllanse a Cthulhu nas súas facianas.
  • En Digimon Adventure 02 faise referencia a Cthulhu por medio do digimon maligno llamado Dagomon.
  • Na serie Ben 10 o principal inimigo é Vilgax, o cal ten un gran parecido a Cthulhu.