Continente

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Animación na que se aprecian os diferentes criterios de clasificación dos continentes. Segundo o criterio, Eurasia pódese dividir en Europa e Asia, mentres que América pódese separar en América do Norte e América do Sur.
Mapa físico da Terra

Un continente é unha grande extensión de terra que presenta algunha diferenza salientable respecto das veciñas. En xeografía pódese considerar un tipo de MUG (macro unidade xeográfica), que está establecida por criterios físico-históricos. Por isto, atopamos continentes como Europa e Asia que forman unha única extensión de terra (Eurasia) pero habitualmente son considerados de xeito separado.

O feito de que a definición de continente sexa pouco clara deu lugar á existencia de diferentes modelos, con diferente número de continentes que varía de catro a sete. Así mesmo, estes modelos foron cambiando ao longo da historia coa descuberta de novos territorios.

Na súa acepción máis estendida, a zona continental tamén inclúe as illas situadas a pouca distancias das costas continentais. Dende un punto de visto científico, os continentes inclúen as illas que se atopan nas placas tectónicas, como por exemplo a illa de Madagascar pertence a África.

Definición de continente[editar | editar a fonte]

A palabra continente provén do latín continere, que significa «manter xuntos» e deriva do continens terra, «as terras continuas». Literalmente, o termo refírese a unha gran extensión de terra firme na superficie do globo terrestre. Así, hai algúns modelos de continentes que consideran Europa e Asia como dous continentes, mentres que Eurasia considérase unha rexión xeopolítica, e outros o fan á inversa.

En realidade, a noción de continente é unha convención creada en Europa a partir do século XVI. Anteriormente o concepto continente era moi vago e impreciso; a diferenza entre unha illa, unha península e un continente era só o tamaño, e moitas veces non concordaba a mesma definición continental entre diversos autores. En xeral, sostíñase a idea da unidade de toda as terras emerxidas rodeada por un mar primordial.[1] A pesar de que na actualidade, a partición en continentes tómase como unha partición natural, e de aí tamén a identificación cunha unidade etnográfica en cada continente, en realidade trátase dunha invención dos xeógrafos, exploradores, científicos, etc. Son os europeos, quen foron dividindo as terras emerxidas. Está clasificación pasou a ser a "división natural" para o resto do mundo.[2]

Modelos continentais[editar | editar a fonte]

Localización de continentes
Mapa amosando o modelo de sete continentes.
4 continentes[3]
          Eurafrasia
       América
    Antártida
    Oceanía
5 continentes
[4]
    África
       Eurasia
       América
    Antártida
    Oceanía
6 continentes
    África
    Europa
    Asia
       América
    Antártida
    Oceanía
6 continentes
    África
       Eurasia
    América do Norte
    América do Sur
    Antártida
    Oceanía
7 continentes
[5][6][7][8][9]
    África
    Europa
    Asia
    América do Norte
    América do Sur
    Antártida
    Oceanía
*
          Vello Mundo
       Novo Mundo

En realidade non existe unha única forma de fixar o número de continentes e depende de cada área cultural determinar se dúas grandes masas de terra unidas forman un ou dous continentes, e en concreto, decidir os límites entre Europa e Asia (Eurasia) por unha banda e América do Norte e América do Sur (América) por outra. Os principais modelos son os seguintes:

  • 4 continentes:[10][11][4] algúns suxiren que Europa, África e Asia deberían conformar un único continente chamado Eurafrasia ou Afroeurasia. Este modelo baséase nunha definición estrita de continente como unha área de terra continua, onde fronteiras artificiais como as canles de Suez e Panamá non serían verdadeiras barreiras intercontinentais.
  • 5 continentes:[12][13] modelo que inclúe só os continentes habitados (excluíndo a Antártida),[11][4] que son os representados nos 5 aneis do logotipo olímpico.[13] Este é o modelo que usa a ONU.[14]

Na Península Ibérica emprégase o seguinte modelo de seis continentes:

Superficie e poboación[editar | editar a fonte]

Comparación da superficie dos continentes (por decenas de millóns de quilómetros cadrados) e a poboación (por billóns de persoas)

A seguinte táboa recolle os datos de superficie e poboación de cada continente empregando o modelo de setes continentes, ordenados de maior a menor por superficie.[17]

Continente Superficie (km²) Porcentaxe da
superficie terreste
Poboación (2013) Porcentaxe da
poboación total
Densidade
Persoas por
km²
Cidades máis
poboadas (lista completa)
Asia 43 820 000 29,5% 4 298 723.000 60% 98,09 Shanghai, China
África 30 370 000 20.4% 1 110 635.000 15% 36,57 Lagos, Nixeria
América do Norte 24 490 000 16.5% 565 265 000 8% 23,08 Cidade de México, México
América do Sur 17 840 000 12.0% 406 740 000 6% 22,79 São Paulo, Brasil
Antártida 13 720 000 9.2% (Non permanente) 4.490[18] 0% 0.0003 Estación McMurdo, Estados Unidos
Europa 10 180 000 6.8% 742 452 000 11% 72,93 Moscova, Rusia
Oceanía 9 008 500 5.9% 38 304 000 0.4% 4,25 Sydney, Australia

O total da superficie de tódolos continentes é de 148 647 000 km², que supón o 29.1% de toda a superficie terrestre (510 067 420 km²). No 2013 estimouse que a poboación total de tódolos continentes era de 7 162 119.000.

Historia do concepto[editar | editar a fonte]

As primeiras definicións[editar | editar a fonte]

O xeógrafo grego Estrabón, sostendo un globo no que pode lerse Europa e Asia

A primeira distinción semellante ao concepto de continente foi feita polos antigos navegantes gregos, que deron o nome de Europa e Asia ás terras localizadas a ambos os dous lados da extensión de auga que formaban o mar Exeo, o estreito dos Dardanelos, o mar de Mármara, o Bósforo e o mar Negro.[19] Eses nomes empregáronse en principio para designar ás terras próximas á costa, e só despois estendeuse o seu uso ao interior do país.[20]:69 Os pensadores da Grecia antiga debateron a continuación se África (entón chamada Libia) debería ser considerada como unha parte de Asia ou como unha terceira parte independente do mundo e finalmente impúxose a división da Terra en tres partes.[20]:67 Desde a perspectiva grega, o mar Exeo era o centro do mundo, con Asia ao leste, Europa ao oeste e ao norte, e África ao sur.[21]:21-22

Os límites entre os continentes non quedaron fixados. Desde o principio, a fronteira de Europa con Asia foi tomada partindo do mar Negro ao longo do río Rioni (coñecido entón como Phasis) en Xeorxia. Máis tarde, considerouse que a fronteira ía desde o mar Negro polo estreito de Kerch, o mar de Azov e o río Don (chamado entón Tanais), en Rusia.[20]: 68

O río Nilo considerouse xeralmente desde a antigüidade como a fronteira entre Asia e África. Heródoto,[22] no século V antes de Cristo, con todo, xa se opoñía a esta situación, que emprazaba Exipto dacabalo entre dous continentes, e facía coincidir o límite entre Asia e África coa fronteira occidental de Exipto, deixando Exipto en Asia. Tamén cuestionou a división en tres do que era en realidade unha soa terra continua,[23] un debate que continúa case dous milenios e medio máis tarde.

O exemplo máis antigo coñecido de mapa de T en O, mostrando os 3 continentes como os dominios dos fillos de Noé: Sem, Iafet e Cam (o gravado acompaña unha edición de 1472 da obra Etymologiae de Isidoro de Sevilla)

Eratóstenes, no século III antes de Cristo, sinalou que algúns xeógrafos dividían os continentes seguindo os ríos (o Nilo e o Don), considerándoos polo tanto como «illas», mentres que outros os dividían por istmos, sendo así que entón serían «penínsulas». Estes xeógrafos fixaban a fronteira entre Europa e Asia no istmo entre o mar Negro e o mar Caspio e a fronteira entre Asia e África, no istmo entre o mar Vermello e a desembocadura do lago Bardawil no mar Mediterráneo.[24]

Na época romana e na Idade Media, algúns escritores tomaron o istmo de Suez como o límite entre Asia e África, pero a maioría dos autores seguiron considerando que o río Nilo, ou a fronteira occidental de Exipto, eran o límite entre continentes. Na Idade Media, o mundo representábase nun mapa de T en O, coa T aludindo ás augas da división dos tres continentes.

As expedicións europeas na era dos descubrimentos[editar | editar a fonte]

Cristovo Colón atravesou o océano Atlántico ata chegar ás Antillas o 12 de outubro do 1492, achandando o camiño para a exploración e colonización europea de América. A pesar dos seus catro viaxes cara ao oeste, Colón nunca chegou a saber que arribara a un continente novo e pensaba que alcanzara as costas de Asia. En 1501 Américo Vespucio viaxou a América como piloto dunha expedición que navegou ao longo da costa do Brasil. Os membros da expedición percorreron un longo camiño en dirección sur ao longo da costa de América do Sur, o que confirmou que a terra que bordeaban tiña proporcións continentais.[25][26] De regreso a Europa, Vespucio publicou un relato da súa viaxe titulada Mundus Novus en 1502 ou 1503,[27]:xx-xxi pero parece que houbo adicións ou modificacións por outro escritor.[28] Calquera que sexa o autor desas palabras que se poden ler en Mundus Novus, «Descubrín un continente naquelas rexións meridionais que está habitado por máis numerosos pobos e animais que nas nosa Europa, ou Asia ou África»[27]:45 sendo esta a primeira identificación explícita de América, como un continente distinto dos outros tres.

O planisferio de Waldseemüller de 1507, publicado por Martin Waldseemüller, foi o primeiro mapa mundial que incluíu a anotación América.

Desde que Vespucio anunciase o achado do novo continente, este recibira varios nomes, cuxa aplicación e aceptación era xeralmente rexional. Así, os casteláns chamábano «Indias» ou «La gran Tierra del Sur»; os portugueses, «Beira Cruz» ou «Terra de Santa Cruz». Algúns cartógrafos empregaban «Terra do Brasil» (que con todo aludía a unha illa imaxinaria), «Terra de Papagaios», «Nova India», ou simplemente «Novo Mundo».[29] Despois duns anos, o nome de Novo Mundo comeza a aparecer como un nome para América do Sur nos mapas e cartas, como na Oliveriana (Pesaro) que data de pouco despois de 1503. Os mapas da época, como os planisferios de Cantino e Caverio, mostran claramente América do Norte conectada con Asia e América do Sur como unha terra inexplorada, da que só se debuxa a costa norte e leste do Brasil, ou ben, como no Planisferio de Sylvanus en forma dunha grande illa independente.[28][30]

En 1507, Martin Waldseemüller publicou un mapa do mundo, Cosmographia Universalis, que foi o primeiro en mostrar que América do Norte e América do Sur estaban separadas de Asia e rodeadas de auga. Unha pequena nota sobre a carta principal, di, por primeira vez, que América atópase ao leste de Asia e están separadas por un océano, nota colocada para evitar confusión xa que América atópase no extremo esquerdo do mapa e Asia no extremo dereito. No libro de acompañamento, Cosmographiae Introductio, Waldseemüller anotou que a terra se dividía en catro partes, Europa, Asia, África e a cuarta parte que formou a partir do nome de Américo Vespucio.[31] No mapa, a palabra «América» colocouse nunha parte de América do Sur.

A voz tiña tal eufonía e gardaba tanta consonancia coas palabras «Asia» e «África» que inmediatamente se fincou nas linguas noreuropeas.[32] Con todo tardou en ser adoptado na Península Ibérica e as súas colonias, onde o nome maioritariamente usado seguiu sendo por bastante tempo o de «Indias occidentais».[33]

Máis aló dos catro continentes[editar | editar a fonte]

Desde finais do século XVIII algúns xeógrafos comezaron a considerar que América do Norte e América do Sur eran dúas partes do mundo, o que facía un total de cinco partes. Con todo, a división en catro foi en xeral a prevalecente no século XIX.[21]:30 Os europeos descubriron Australia en 1606, pero durante algún tempo, foi visto como unha parte de Asia. A finais do século XVIII algúns xeógrafos considerárono un continente en si mesmo, polo que pasou a ser o quinto (ou sexto para aqueles que cren que América son dous continentes).[21]:30 En 1813, Samuel Butler (1774-1839) escribiu en relación con Australia que «New Holland, an immense island, which some geographers dignify with the appellation of another continent» [Nova Holanda, unha illa inmensa, que algúns xeógrafos dignifican coa apelación doutro continente] e o Oxford English Dictionary foi igualmente dudoso algunhas décadas máis tarde.[34]

A Antártida foi oficialmente descuberta cara a 1820 (aínda que agora sábese que xa era coñecida desde 1599 ou 1603) e descrita xa en 1838 como un continente por Charles Wilkes (1798-1877) da United States Exploring Expedition (expedición Wilkes) (1838-42). Foi o último continente en ser identificado, aínda que a existencia dun gran territorio Antártico fora considerada desde facía milenios. Na Antigüidade os pensadores gregos deduciron que se a Terra era esférica, por simetría, debía ter unha contrapartida á masa continental do hemisferio norte no hemisferio sur nas latitudes polares, deste xeito o cosmógrafo Claudius Ptolomaeus confeccionou un soado planisferio no cal aparecía un inmenso territorio que en latín foi chamado Terra Australis Incognita [Terra Austral Descoñecida], aínda que a extensión do suposto continente incluía zonas que corresponden non só á Antártida propiamente dita senón tamén a Australia, Nova Zelandia e grandes extensións oceánicas. En 1520 Magallanes, ao descubrir o estreito que leva hoxe o seu nome, Estreito de Magalláns, creu que a illa de Terra do Fogo era un sector desa Terra Australis Incognita. A exploración de Francisco de Hoces descubriu a gran pasaxe marítima que separa América da Antártida e posteriormente o nome de Terra Australis Incognita quedou reservado para Australia. En 1849 un atlas informou xa que a Antártida era un continente, pero poucos máis o fixeron ata despois da segunda guerra mundial.[21]:32

No século XIX, o maianista Augustus Le Plongeon (1825-1908) propuxo a hipótese dun novo continente, chamado Mu, que existiría e desaparecería no océano Pacífico. Baseábase na tradución —máis tarde contestada— do Códice Tro-Cortesiano realizada por Brasseur de Bourbourg.[35] Nun momento en que a xeoloxía estaba menos avanzada que agora, propúxose a existencia de moitos continentes hipotéticos. Este foi o caso de Lemuria, un continente considerado para explicar a desaparición dalgunhas especies de mamíferos,[36] e tamén a Atlántida, mencionada por primeira vez no século IV antes de Cristo, aínda que este hipotético continente afundido segue sendo aínda hoxe froito de especulacións.[37]

Desde mediados do século XIX os atlas dos Estados Unidos tratan a miúdo América do Norte e América do Sur como dous continentes, o que é coherente co entendemento da xeoloxía e a tectónica de placas. Pero non é raro que os atlas americanos os traten como un único continente, polo menos ata a segunda guerra mundial.[21]:32 É esta última visión a que aínda prevalece hoxe en día nalgúns países de Europa.

A bandeira olímpica cos cinco aneis que representan os continentes habitados

Puntos culminantes e máis baixos[editar | editar a fonte]

Na seguinte táboa amósanse os puntos máis altos e máis baixos para o modelo de sete continentes, ordenados de maior a menor segundo os puntos culminantes.

Continente Punto máis elevado Altitude (m) País ou territorio Punto máis baixo Altitude (m) País ou territorio
Asia Monte Everest 8 848 China e Nepal Mar Morto -427 Israel, Xordania e Palestina
América do Sur Aconcagua 6 960 Arxentina Laguna del Carbón -105 Arxentina
América do Norte Monte McKinley 6 198 Estados Unidos Death Valley -86 Estados Unidos
África Monte Kilimanjaro 5 895 Tanzania Lago Assal -155 Djibouti
Europa Monte Elbrus 5 642 Rusia Mar Caspio -28 Rusia
Antártida Macizo Vinson 4 892 Territorio Antártico Británico Montes Vestfold -50 Territorio Antártico Australiano
Oceanía Puncak Jaya 4 884 Indonesia Lago Eyre -15 Australia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lois, Carla (maio de 2013). "Isla vs. continente. Un ensayo de historia conceptual". Consultado o 27 de marzo do 2023. 
  2. Gauthier, Lionel. "Christian Grataloup, L’invention des continents" (en francés). Consultado o 27 de marzo do 2023. 
  3. ='continents' - Encyclopedia of World Geography, Volume 1. R. W. McColl. 2005. p. 125. ISBN 9780816072293. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Los Cinco Continentes (Os cinco continentes), Planeta-De Agostini Editions, 1997. ISBN 84-395-6054-0
  5. 5,0 5,1 World, National Geographic - Xpeditions Atlas. 2006. Washington, DC: National Geographic Society.
  6. 6,0 6,1 6,2 "Continent". Encyclopædia Britannica. 2006. Chicago: Encyclopædia Britannica, Inc.
  7. 7,0 7,1 The New Oxford Dictionary of English. 2001. New York: Oxford University Press.
  8. 8,0 8,1 "Continent Arquivado 28 de outubro de 2009 en Wayback Machine.". MSN Encarta Online Encyclopedia 2006.. 2009-10-31.
  9. 9,0 9,1 "Continent". McArthur, Tom, ed. 1992. The Oxford Companion to the English Language. New York: Oxford University Press; p. 260.
  10. 10,0 10,1 "Continent". The Columbia Encyclopedia. 2001. New York: Columbia University Press - Bartleby.
  11. 11,0 11,1 11,2 Océano Uno, Diccionario Enciclopédico y Atlas Mundial, "Continente", pp. 392, 1730. ISBN 84-494-0188-7
  12. Van Loon's Geography: The Story of the World We Live In, 1932, Simon and Schuster
  13. 13,0 13,1 The Olympic symbols. International Olympic Committee. 2002. Lausanne: Olympic Museum and Studies Centre. The five rings of the Olympic logo represent the five inhabited, participating continents (Africa, America, Asia, Europe, and Oceania); thus, Antarctica is excluded from the flag. Also see Association of National Olympic Committees: [1] [2] Arquivado 06 de setembro de 2018 en Wayback Machine. [3] [4] [5]
  14. UN. Composition of macro geographical (continental) regions, geographical sub-regions, and selected economic and other groupings
  15. The World - Continents, Atlas of Canada
  16. "Federaciones". FIFA.com. Arquivado dende o orixinal o 7 de novembro de 2018. Consultado o 26 de marzo de 2023. 
  17. ONU (ed.). "World Population Prospects, the 2012 Revision.". Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2015. Consultado o 16 de xaneiro de 2015. 
  18. CIA World Factbook (ed.). "Antártida". Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2018. Consultado o 16 de xaneiro de 2015. 
  19. Toynbee, Arnold J. (1954). A Study of History. London: Oxford University Press, v. 8, pp. 711-12.
  20. 20,0 20,1 20,2 (en inglés) Tozer, H. F. (1897). A History of Ancient Geography. Cambridge: University Press. 
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 (en inglés) Lewis, Martin W.; Kären E. Wigen (1997). The Myth of Continents: a Critique of Metageography. Berkeley: University of California Press. ISBN 0-520-20742-4, ISBN 0-520-20743-2. 
  22. (en inglés) Heródoto. Traducido por George Rawlinson (2000). The Histories of Herodotus of Halicarnassus [6]. Ames, Iowa: Omphaloskepsis, libro 2, p. 18.
  23. (en inglés) Herodoto. Traducido por George Rawlinson (2000). The Histories of Herodotus of Halicarnassus [7]. Ames, Iowa: Omphaloskepsis, livre 4, p. 38. «Non podo concibir por que tres nomees... deberían ser dados a un tratado que é en realidade uno...».
  24. (en inglés) Estrabón. Traducido por Horace Leonard Jones (1917). Geography. [8] Harvard University Press, libro 1, cap. 4.[9]
  25. O'Gorman, Edmundo (1961). The Invention of America. Indiana University Press. pp. 106-112. 
  26. Amerigo Vespucci: Un nom pour le Nouveau Monde
  27. 27,0 27,1 Formisano, Luciano (Ed.) (1992). Letters from a New World: Amerigo Vespucci's Discovery of America. Nova York: Marsilio. ISBN 0-941419-62-2
  28. 28,0 28,1 Zerubavel, Eviatar (2003). Terra Cognita: The Mental Discovery of America. New Brunswick: Transaction Publishers, pp. 77-79. ISBN 0-7658-0987-7
  29. Pohl:168
  30. Acosta Rodríguez y otros, La Casa de la Contratación y la navegación entre España y las Indias, Universidad de Sevilla, Sevilla, 2004, ISBN 84-00-08206-0, pp. 613-614.
  31. Zerubavel, Eviatar (2003). Terra Cognita: The Mental Discovery of America. New Brunswick: Transaction Publishers, pp. 80-82. ISBN 0-7658-0987-7
  32. Pohl, Frederick J. (1966). Amerigo Vespucci Pilot Major. Nueva York: Octagon Books, pág. 383.
  33. Varela Bueno, Consuelo (1988). Américo Vespucio. Madrid: Ediciones Anaya, Biblioteca Iberoamericana, pág. 19.
  34. (en inglés) "continent n. 5. a." (1989) Oxford English Dictionary, 2nd edition. Oxford University Press. «The great island of Australia is sometimes reckoned as another [continent]» [a gran illa de Australia, é ás veces contada como outro [continente]].
  35. Augustus Le Plongeon (Published by The Author). Queen Móo & The Egyptian Sphinx. p. 277. 
  36. Les Mondes Perdus
  37. Charles Berlitz, Le mystère de l'Atlantide, 1977, avant-propos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]