Casa

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

«Uma», casa comunal tradicional do pobo mentawai, Indonesia.

Unha casa (do latín casa) é unha construción destinada a vivenda, construída a fin de ser habitada polos seres humanos,[1] polo xeral por unha unidade familiar e/ou por un grupo de persoas vencelladas por vínculos de convivencia. A casa, formada polo teito e as paredes que pechan un recinto, serve para refuxiarse da choiva, o vento, o frío e a calor ou outras inclemencias meteorolóxicas así como de posibles intrusos humanos ou animais. Unha vivenda unifamiliar, que pode ser illada ou apegada a outras casas similares compartindo as paredes medianeiras ou formando fileiras máis ou menos longas nas rúas da maior parte das cidades e pobos. Pode organizarse nunha ou varias plantas: normalmente non superando as tres alturas. Pode tamén dispoñer dun rocho ou un semirocho, e dunha cuberta superior transitable, denominada azotea. Se dispón de terreo suficiente, pode contar tamén con patio e xardín. Algunhas poden ter terraza.

É o lugar no que historicamente se desenvolveron as actividades e relacións específicas da vida social ou familiar, desde o nacemento á morte de moitos dos seus compoñentes. Ademais é o lugar onde almacenar os aparellos e propiedades dos seus habitantes.

O paradigma máis estendido da casa urbana actual, corresponde á tipoloxía de casas apegadas que proliferan nas novas promocións inmobiliarias. Componse de dous ambientes: o de día, coa sala de estar como espazo ou habitación principal a cal, habitualmente fai as funcións de comedor constituíndo unha peza polifuncional chamada comedor-estar, onde se reúnen e fan varias actividades os diferentes membros da familia. O ámbito nocturno, ou de descanso fórmano as diferentes habitacións, a principal é a dos xefes de familia e as outras son as dos fillos, que poden compartir con outros inquilinos da casa como algún avó ou outros parentes ou amigos. Este paradigma ideal que forma a casa urbana de entre 70 a 100 metros cadrados de superficie co comedor-estar, cociña e dúas, tres ou ata catro dormitorios, un baño e outro baño pequeno (chamado lavabo ou aseo) etc., nunha casa apegada ou, con maior frecuencia, nun piso dentro dun edificio plurifamiliar atopámolo na base do urbanismo actual, como un índice estatístico fundamental para a planificación do crecemento urbano.

A casa ou a vivenda familiar é o principal produto e, xa que logo, a base da industria da construción e de todo o sector económico derivado que vai desde as fábricas de materiais de construción ata as axencias inmobiliarias ou as tendas de utensilios.

Pero por encima de todo, a casa é o lugar da vida familiar, consecuentemente, na súa organización espacial e no seu deseño reflicte as formas de vida e de organización social. A casa aglutina o conxunto de significado e significantes máis amplo da vida privada. É neste sentido que moitos autores (ver bibliografía) ven a casa como o resultado histórico dun proceso cultural, o reflexo dunha sociedade determinada, por exemplo, a Uma que ilustra este artigo, é a casa comunal tradicional do pobo mentawai de Indonesia e reflicte un esquema organizativo local propio dunha cultura moi diferente da nosa, a casa xaponesa, o Yurt dos pobos siberianos, o Tippi dos indios das pradeiras dos Estados Unidos etc., reflicten as correspondentes culturas, con matices e diferenzas ata a nivel rexional.

Tamén se denomina casa a algúns edificios destinados a servizos comunitarios, como a casa consistorial, a casa de beneficencia, a casa de empeños, a casa de maternidade, a casa de socorro; as sedes institucionais principais, como a Casa Branca ou a Casa Rosada, ou ata ás de mala reputación, como as casas de camas, casas de citas etc.

En contraposición á casa, adóitase denominar piso (apartamento ou departamento) á vivenda unifamiliar que forma parte dunha edificación maior, normalmente de varias alturas.

Simboloxía da casa[editar | editar a fonte]

A casa asóciase ao fogar, a un lugar seguro, polo que pode aparecer como logotipo ou emblema de marcas comerciais que busquen transmitir valores como proximidade ou confianza. Dado que é un elemento coñecido polos nenos, úsase a miúdo como un test en psicoloxía: segundo como debuxen unha casa típica (presenza de figuras, tamaño dos elementos, fiestra, cheminea...) pódense deducir determinadas características da súa personalidade e detectar problemas.[2] Neste sentido funciona igual que outro test de debuxo convencional, como o da árbore. Cabe dicir que as casas que se debuxan teñen sempre teito a dúas augas, independentemente de onde viva o neno, por convención.

Historia da casa[editar | editar a fonte]

Pouco se sabe sobre a orixe máis antiga da casa e da súa estrutura interior, con todo, remóntase á forma máis simple de refuxios. As teorías do arquitecto romano Vitruvio reivindicaron a primeira forma de arquitectura como un armazón de ramas de árbores rematadas con barro, tamén coñecido como choza primitiva.[3] A historia e evolución da casa marcha da man da historia das cidades. Non é homoxénea, nin a calidade dos edificios é ascendente para todos os habitantes, pois en todas as épocas coexisten magníficos exemplos de excelentes casas que contrastan coa inxente proliferación de miserables habitáculos.[4]

Precedentes[editar | editar a fonte]

As chozas dos cazadores, precedente das primeiras casas, simples refuxios temporais de ramas e arbustos, foron construídas polos nosos antepasados, polo menos, fai 300.000 anos. Atopáronse restos de tendas de cazadores construídas con peles e ósos de mamut, de c. 35 a 10.000 a. C. Os campamentos de inverno en madeira para grandes grupos familiares de cazadores nómades europeos dátanse c. 12.000 a. C.[4]

Maqueta dunha cabana neolítica. Cultura de Cucuteni .

As primeiras casas: 6000 a.C.[editar | editar a fonte]

Xorden as primeiras poboacións coñecidas c. 6000 a. C., nas fértiles marxes dos grandes ríos de Oriente Medio, vinculadas a actividades agrícolas. Nas rexións mediterráneas c. 5500 a. C. constrúense casas de adobe xunto aos campos de cultivo.

Nun país onde non existía a pedra nin madeira, os únicos materiais de construción que a natureza proporcionaba eran o barro e as canas, e servíanse para realizar as primeiras construcións, da forma seguinte: consistía en atar xuntas formando un feixe, unha boa cantidade de canas e estes feixes plantábanse fortemente no chan formando dúas liñas paralelas... Feixes verticais inclinabanse cara a dentro e atábanse os uns cara aos outros formando unha sucesión de arcos... Recubríase a parte externa cunha grosa capa de barro... A casa de canas ou cabana adoitaba ser un túnel alargado, é dicir un recinto con teito de bóveda. Cando nunha delas acendíase o lume casualmente, podía quedar en pé unha parte do tellado coa súa grosa cuberta de barro endurecida pola calor, e así orixinariase o arco. Para construír verdadeiros arcos bastaba en colocar os ladrillos sobre unha carcasa de canas. O mesmo procedemento podía usarse na construción da bóveda.
Caseta de marfil atopada en Abu Roash, da época do rei Den (Primeira Dinastía de Exipto c. 3000 a.C.). Museo do Louvre

Casas rurais: 3000 a.C.[editar | editar a fonte]

No Antigo Exipto os seus habitantes edifican vivendas, c. 3000 a. C., que gardan xa moita semellanza coas casas rurales de séculos posteriores, con muros de adobe e teitos de madeira de palma. Hai palafitas (casas sobre piares) no medio de lagos, en diversas partes de Centroamérica.[4]

Palacios e casas con patio: 2000 a. C.[editar | editar a fonte]

No val do Indo, cidades como Mohenjo-Daro, Kalibangan e Harappa, posúen grandes casas con patio (c. 1800 a. C.). O palacio do rei Minos data do 1700 a. C.

No Antigo Exipto os cidadáns ricos edificaron palacetes. Na nova cidade de Amarna construíronse casas cun patio central.

Cara ao ano 1300 a. C. xurdiu a cultura olmeca. Os olmecas de Centroamérica construían casas de barro, das cales apenas quedan vestixios.[4]

Casas circulares: 1000 a.C.[editar | editar a fonte]

Artigo principal: casa circular.

Os celtas do norte de Europa constrúen, c. 500 a.C., casas circulares de pedra, co teito de palla. Nas cidades estado gregas edifícanse casas con patio, c. 400 a.C. Estímase que Alexandría no ano 200 a.C. tería uns 300.000 habitantes.[4]

Grecia[editar | editar a fonte]

En Grecia, as casas eran nun principio, de madeira e logo de ladrillos ou pedra, pero sempre moi pequenas e modestas; as casas estaban divididas en dúas partes:

  • unha para os homes que ocupaba o piso baixo: andronitis.
  • outra para as mulleres que ocupaba o piso alto ou ben a parte posterior do baixo: gineceo.[6]

Roma: casas de campo e bloques de pisos[editar | editar a fonte]

No primeiro século da era cristiá, nas grandes cidades romanas construíanse bloques enteiras de edificios de vivendas, denominados ínsulas, e nos arredores "casas de campo", ou "quintas".

En Roma, a fachada dos edificios multifamiliares estaba ocupada por unha tenda ou pola loxa do escravo porteiro. O vestíbulo conducía ao atrio, vasta peza cadrada, cunha abertura no centro pola cal as augas pluviais caían nun pio. Estaba rodeada polas dependencias e servía para recibir aos forasteiros. Un remanente deste atrio é o patio andaluz. Desde alí, por unha galería (tablinum) e por dous corredores (fauces) ingresábase ao perístilo disposto como o atrio e desde o cal tíñase acceso aos cuartos (cubicula) destinados á familia. No piso alto, atopábanse os cuartos para a servidume (cenáculo).[6]

Estímase que Roma no ano 100 a.C., tería uns 450.000 habitantes.[4]

Idade Media: pedra, adobe e madeira[editar | editar a fonte]

Na Idade Media, dependendo dos materiais de construción da rexión, as casas dos campesiños eran de adobe, pedra ou madeira e consistían dunha estancia ou habitación ampla, con cuberta de palla e cun fogar ou fogón como centro da vivenda. Era a vivenda de toda a familia e utilizábase como celeiro, e habitualmente tamén era corte. Ata o século XIII non se creou un espazo separado para os humanos e os animais no interior das casas. A mesa era o obxecto esencial do mobiliario onde toda a familia acomodábase, sentada en bancos, ao seu ao redor. Había estantes para depositar os escasos obxectos que posuían e ganchos de madeira para colgar os vestidos. Non había camas, durmíase no chan, habitualmente sobre palla, ou en xergóns recheos de palla. Con todo, ao redor do ano 700 d C, por diversos motivos, defensivos ou climáticos, moitos habitantes vivían en covas escavadas como nas comunidades do leste de Asia Central (aínda perduran), na China etc.[4]

Mentres que no ano 800 d C, os palacios de pedra, como os maias, con casas de adobe para o pobo, ou de madeira (entre os viquingos) indicaban o status, o clima ou os medios. En Europa, no século XIII, os novos ricos (comerciantes, banqueiros e nobres adiñeirados) construíron magníficas casas de pedra, mentres que o pobo continuou usando as chozas con paredes de madeira revestidas de barro e cubertas de palla.

Unha casa do século XVIII, Theux Bélxica.

Idade Moderna: O ladrillo[editar | editar a fonte]

A partir do século XVI xeneralízase o uso de ladrillos de barro cocido para edificar casas no norte de Europa. Xorden as primeiras mansións señoriais europeas. No século XVIII, en moitas cidades europeas e americanas, erixense edificios de estilos "elegantes" para a nova burguesía.

A Red House en Bexleyheath, Kent

O século XIX: infravivendas e chalés[editar | editar a fonte]

A principios do século XIX as cidades están colmadas de traballadores que emigran do campo para buscar traballo nas fábricas. Habitan nos "barrios baixos", hacinados, en condicións insalubres, a maioría na total miseria. A finais do século XIX xorden os primeiros barrios residenciais, os bloques de vivendas de estilo ecléctico, os chalés e as cidades xardín para a burguesía. Algúns historiadores consideran a Red House de Philip Webb (1859) o primeiro deseño de "casa moderna".

Século XX[editar | editar a fonte]

Durante o século XX a vivenda nas cidades densificase, e o número de casas decrece mentres aumenta o número de pisos ou vivendas en altura (rañaceos). As casas unifamiliares sitúanse nos barrios máis podentes na periferia das cidades. Tamén son frecuentes como segunda vivenda, para vacacións ou fins de semana e os conceptos de decoración externa e interna toman relevancia.

Elementos dunha casa[editar | editar a fonte]

Desde un punto de vista construtivo as casas están constituídas polos seguintes elementos:

Estrutura[editar | editar a fonte]

A estrutura é a armazón resistente que soporta o edificio e o fixa ao terreo. Pode estar feita de adobe, ladrillo, pedra, madeira, aceiro ou formigón armado, aínda que moi excepcionalmente poden empregarse outros materiais. A estrutura consta de "cimentación" e "estrutura portante":

  • Cimentacións: a parte da estrutura sobre a que se apoia toda a casa; está baixo terra e transmite ao terreo o peso da vivenda e as tensións ás que está sometida. Unha casa pode ter diferentes tipos de cimentos: zapatas, zapatas corridas, placas, estacas etcétera. Cando a resistencia do terreo é baixa para soportar as cargas (usualmente menor de 0,1 N/mm²), faise necesario utilizar placas continuas ou estacas. Se a vivenda ten estancias subterráneas, tales como adegas ou garaxes, dispón de muros de contención, que poden considerarse como parte da cimentación ou como parte da estrutura portante.
  • Por encima do terreo elévase a estrutura portante, composta por uns soportes verticais, que poden ser puntuales (alicerces) ou lineais (muros de carga), sobre os que se apoian os elementos horizontais que conforman os chans e os teitos, e que á súa vez poden ser unidireccionais (sistemas de vigas e viguetas), ou bidireccionais (laxes e placas).
Richard Neutra: Kaufman House, Palm Springs, California.

Cerramentos exteriores[editar | editar a fonte]

Superficies que encerran e protexen o volume interior do edificio. Habitualmente constan dun tellado superior, muros de cerramento, e no plano horizontal inferior unha soleira ou un forxado sanitario.

Os cerramentos cumpren varias funcións, sendo as principais a función impermeabilizante (protexer da auga), así como illante, tanto do ruído como dos cambios de temperatura. Para cumprir estas funcións, os cerramentos utilizan sistemas construtivos que permitan conseguir estas características simultaneamente, sendo habitual que estean constituídos por varias capas especializadas (capa impermeabilizante, capa illante etc.). Debido á enorme variedade de necesidades e materiais presentes nos distintos climas e culturas do mundo, os cerramentos poden adoptar multitude de formas, desde os sistemas máis primitivos e simples (peles animais, vexetación ou téxtiles), ata os complexos sistemas multicapa actuais.

Os cerramentos vense interrompidos polas carpinterías, compostas por fiestras e portas, que permiten o acceso ao interior, así como a ventilación e a iluminación natural da casa, aínda que en infravivendas poida suceder que unha casa non teña ningunha fiestra.[7]

Compartimentacións interiores[editar | editar a fonte]

Son os elementos que dividen o espazo interior da casa, compartimentándoo en distintas estancias. A súa función principal é illar visual e acusticamente as distintas zonas da vivenda (aseos, cociña, dormitorios e estar). Xeralmente adoitan ser tabiques de ladrillo, placas de cartón xeso ou madeira.

Revestimentos[editar | editar a fonte]

Son os materiais que recobren chans, paredes e teitos, e forman o acabado e a parte visible da vivenda. Nos chans é habitual o uso de madeiras, cerámica ou materiais pétreos, mentres que nas paredes e teitos adóitase utilizar o xeso e a escaiola, que posteriormente reciben unha man de pintura. Nas zonas húmidas das casas (cociña, aseos) é frecuente o azulexado, para facilitar a limpeza e previr humidades.

A elección dos materiais e a iluminación interior é a disciplina específica do interiorismo, e en casas de luxo non é infrecuente recorrer á figura do decorador.

Casa dotada con paneis de enerxía solar, Alemaña.

Instalacións[editar | editar a fonte]

Son o conxunto de redes e aparellos que abastecen de servizos á vivenda. As instalacións e redes máis comúns son: de auga potable, electricidade, iluminación, calefacción, saneamento, e telecomunicacións, complementadas ás veces con gas natural, enerxía solar, aire acondicionado, domótica, sistemas contra incendios e sistemas de seguridade.

Urbanización[editar | editar a fonte]

Urbanización denomínase ao conxunto de elementos que se instalan ao redor da casa, como a pavimentación exterior, alumado externo, valado, axardinamento, rede de rega, sumidoiro etc.

Construción dunha casa prefabricada modular.

A casa moderna[editar | editar a fonte]

A casa actual, a que se constrúe actualmente nos barrios e polígonos das vilas e cidades occidentais, en forma de pisos ou apartamentos en edificios de vivendas plurifamiliares, constitúe unha tipoloxía relativamente recente, derivada das innovacións achegadas polo movemento da arquitectura moderna, a partir da crítica formulada xa no século XIX, das condicións das vivendas do proletariado urbano nas cidades de Europa, onde se acumulaban na máis absoluta promiscuidade, varias familias que convivían en habitacións insanas, sen cuarto de baño nin ventilación. Estas condicións foron denunciadas, no último terzo do século XIX, por diversos movementos de carácter político e social (socialismo utópico, primeira e segunda Internacional etc.), así como por escritores como Charles Dickens ou institucións como a RIBA e outros.

A casa moderna representa a ruptura con aquel estado de cousas, cando a casa do proletariado industrial non era outra cousa que unha casa burguesa adaptada á función de vivenda para familias obreiras unha vez dividida en cuartos cada vez máis pequenos. Os arquitectos do movemento moderno opuxeron un tipo de vivenda mínima con deseño hixiénico e funcional. A casa moderna debía ser unha por familia a fin de evitar a promiscuidade, debía estar dotada de ventilación en todas as estancias, con cociña, auga corrente e cámara hixiénica, debía orientarse ao sol e abrirse as dúas fachadas opostas para garantir a ventilación cruzada e combater a tuberculose. A casa moderna debe ser construída con materiais illantes, para facilitar as mellores condicións ambientais co mínimo custo enerxético posible. O debate actual sobre a sostibilidade é recorrente respecto ao debate sobre a vivenda hixiénica que tivo lugar no primeiro terzo do século XX. O barrio de Karl Marx Hof de Viena é o fito exemplar máis destacada deste urbanismo que propón un novo tipo de casa para as clases populares.

Nos países máis desenvolvidos hanse ir desenvolvendo criterios e normas propias para a construción de vivendas novas, para dar criterios construtivos que garantan a estabilidade, solidez, seguridade e confort aos usuarios, e normas específicas que regulan a fabricación, compoñentes e montaxe dos materiais de construción .

Na actualidade, cada territorio establece os criterios propios para que unha casa sexa considerada vivenda, consisten nuns mínimos de dimensións e pezas, evitando criterios puramente hixienistas.

Orixe e evolución da casa moderna[editar | editar a fonte]

Bungalow co estilo Craftsman en San Diego (Estados Unidos).

O urbanismo de carácter hixienista primeiro, cos traballos de destacados urbanistas como Frederick Law Olmsted ou Ildefons Cerdà e as achegas do movemento «Arts and Crafts», son os antecedentes das formulacións teóricas sobre a casa moderna que se sintetizaron na segunda exposición do «Werkbund» alemán de 1927 en Stuttgart e nos edificios que se construíron en Holanda durante o período da arquitectura neoplásica, como as casetas en ringleira do barrio mariñeiro de Hoeck van Holland proxectadas en 1924 polo arquitecto JJP Oud. Durante os anos 20, os estudos teóricos da «Bauhaus» ou dos arquitectos do movemento moderno como Walter Gropius, Le Corbusier, o xa citado Oud e outros, culminaron no segundo Congreso Internacional de Arquitectura Moderna (CIAM) celebrado en Frankfurt en 1929, dedicado ao tema da vivenda mínima.

O urbanismo e a arquitectura moderna foron adoptados universalmente logo da segunda guerra mundial, cando as tarefas de reconstrución de Europa esixían novos instrumentos teóricos e novas propostas que o academicismo burgués, dado o fracaso do modelo social dominante entre guerras, xa non estaba en condicións de dar. En Cataluña nos anos 50, o Grupo R reintroducio a arquitectura do movemento moderno en España, e con el, as propostas innovadoras respecto da casa e da cidade. Na orixe do Grupo R houbo un concurso convocado pola «Dirección Xeral de Arquitectura» para buscar solucións ao problema da vivenda, concurso que foi gañado polos arquitectos que logo impulsarían o movemento. Os postulados teóricos do movemento moderno aplicáronse na construción do polígono de Montbau en Barcelona, así como as vivendas da SEAT na Zona Franca entre outros..

Técnicas de construción[editar | editar a fonte]

Unha casa típica da burguesía, en Inglaterra.
Unha casa tradicional de Siberia, en Novosibirsk, Rusia.
Casas colgadas (Século XV), Cuenca, España.

As técnicas construtivas empregadas na súa realización poden ser tan diversas como permita a súa localización xeográfica, e sempre adaptadas ás condicións que lle impón o medio no que se ergue. En Galicia as técnicas máis empregadas son as derivadas do uso dos aglomerados a base de cemento, dos materiais cerámicos ladrillo ou da pedra.

A casa como unidade habitacional diferénciase da vivenda colectiva en que esta adoita desenvolverse en varios andares, en número variable, mentres que raramente se considera casa aquela construción con máis de catro alturas. En Galicia, a tipoloxía da casa é a predominante no medio rural, mentres que no medio urbano predominan os edificios de vivenda colectiva distribuídos en áreas urbanizadas de media ou alta densidade (a lexislación vixente prevé un máximo de 75 vivendas/Ha, con excepcións até as 100 vivendas/Ha). Noutros países hai unha enorme presenza de casas en ámbitos urbanos de baixa densidade (20-25 vivendas/Ha). Este modelo de asentamento da poboación xera un hábitat urbano particular, no que se dan unhas relacións sociais diferentes e un sistema de redes e servizos distinto. O modelo de colonización do territorio que é propio e tradicional de Galicia baséase nunha estrutura densa de pequenos asentamentos rurais formados basicamente por agregación de unidades habitacionais do tipo da casa, unha serie de cabeceiras de bisbarra con algunhas funcións administrativas e de terciario, e uns poucos centros urbanos de mediado tamaño. Este modelo tradicional ven sufrindo dende finais do século XIX ou principios do XX, segundo zonas, unha metamorfose cara a un novo modelo que os estudosos locais do urbanismo deron en chamar Cidade Difusa, e que é común a Galicia (sobre todo no sector atlántico) e o norte de Portugal, abranguendo unha poboación duns seis millóns de persoas.

As casas normalmente considéranse como primeira vivenda se están habitadas continuamente ou segunda vivenda seo están temporalmente (fenómeno crecente no rural galego), e poden estar en propiedade ou en réxime de alugueiro. Existen outros elementos construídos que poden acompañar á casa (vivenda), as construcións adxectivas ou anexas. Poden citarse coma exemplos o pozo, o alpendre ou pendello, o hórreo, ou o garaxe. Algúns destes elementos poden estar integrados ou embutidos na propia casa. A vivenda tradicional galega é habitual que conte con faiado (rocho), despensa, patín, lareira etc. A casa complétase con construcións adxectivas: cortes e cortellos, o palleiro, o alpendre ou cuberto, a adega, o celeiro (hórreo) etc. segundo a tipoloxía predominante na zona ou a extracción social do seu propietario.

Hai moitos tipos de casas, clasificábeis seguindo diferentes criterios, como poden ser segundo a distribución xeográfica. O hábitat e a sociedade inflúe fortemente na configuración da casa tradicional, e coma exemplo pódense comparar as seguintes: o pazo, a palloza, o iglú, a masía, o cortijo, a palafita, o palacio, o castelo, o castro, a barraca ou o casarío.

Casas prefabricadas[editar | editar a fonte]

As casas prefabricadas son un produto industrializado, que permite construír edificios ensamblando elementos modulares previamente fabricados, sen ter en conta o chan no que vai asentarse, polo que hai que construír antes unha lousa de formigón armado ou un sistema de soportes que sirva de cimentación, apoio e ancoraxe do conxunto.

Estes sistemas aplicados ás casas son propios da construción masiva e repetitiva. Na época soviética de Rusia utilizáronse profusamente os elementos prefabricados na edificación.

Casas móbiles[editar | editar a fonte]

Unha alternativa á casa ancorada ao terreo son as vivendas sobre rodas, ou caravanas, con forte arraigo en países anglosaxoes, que polo seu baixo custo e mobilidade empregan como vivenda habitual, chegando a constituír auténticos poboados nas proximidades dalgunhas cidades.

Casas sociais en Seacroft, Leeds, Reino Unido.

Expresións relacionadas[editar | editar a fonte]

Ao longo da historia, o termo casa empregouse para designar diferentes tipos de edificacións:

Polo seu uso
O Pazo de Raxoi é a casa do concello de Santiago de Compostela, capital de Galicia.
  • Casa consistorial ou do concello. Casa da vila ou cidade, onde concorren os capitulares do seu concello a celebrar as xuntas.
  • Casa de apousento. Servizo que a vila de Madrid facía ao rei dando unha parte de todas as casas para o apousento da corte.
  • Casa de beneficencia. Asilo oficial onde se recollía e sustentaba aos desvalidos e menesterosos.
  • Casa de cabo de armería. En Navarra, casa solariega de calquera nobre que é parente maior e cabeza do seu liñaxe.
  • Casa de camas. Mancebía, ou casa de «malas mulleres».
  • Casa de caridade. Asilo onde se educaba e mantiña e a nenos pobres, expósitos ou orfos; ou para atender peregrinos e pobres.
  • Casa de corrección. Establecemento público en que se recluía temporalmente a mulleres de "mala conduta" ou a delincuentes mozos.
  • Casa de Deus. Igrexa ou templo de oración.
  • Casa de devoción. Templo ou santuario onde se venera algunha imaxe á que se ten especial devoción.
  • Casa de durmir. Aquela en que se dá hospedaxe só para pasar a noite.
  • Casa de empeños. Establecemento onde se presta diñeiro mediante o empeño de alfaias ou roupas.
  • Casa de hóspedes. Aquela en que, mediante certo pago, dáse estancia e comida ou só aloxamento a algunhas persoas.
  • Casa de familia. A que os reis ou os grandes destinaban aos seus criados.
  • Casa de garda. A que habitaban os encargados de vixiar un campo, unha vía férrea etc.
  • Casa de historia. Museo de historia. Exemplo: Casa da Historia Europea.
  • Casa de xogo. A destinada clandestinamente a xogos prohibidos.
  • Casa de labor ou de labranza. Aquela en que habitan os labradores e onde teñen os seus gandos e aperos.
  • Casa de tolos. A destinada para recoller e curar aos que padecen tolemia.
  • Casa de maternidade. Hospital destinado á asistencia de parturientas.
  • Casa de postas. Parada onde tomaban cabalos de recambio os correos ou os que viaxan en posta.
  • Casa de socorro. Establecemento benéfico onde se prestan os primeiros auxilios facultativos ou feridos ou atacados de calquera accidente.
  • Casa de tenda. Establecemento onde se ofrece un ben ou un servizo.
  • Casa decimera ou escusada. A do veciño hacendado que se elixía para percibir os décimos de todos os froitos e gandos dela.
  • Casa mortuoria. Casa onde recientemente morreu algunha persoa.
  • Casa pelgar ou das perreras. Aquela en que son maltratados os criados.
  • Casa portazgo. A que nos camiños servía para os encargados de cobrar os dereitos de portazgo.
Polas súas características
  • Casa á malicia. A edificada antigamente na corte, só con planta baixa, para librarse da carga de apousento.
  • Casa de catro augas. Aquela cuxo tellado se compón de catro planos triangulares.
  • Casa de medianería. A que está contigua a outras laterais.
  • Casa de veciñanza. A que contén moitos cuartos reducidos polo común, con acceso a patios e corredores en que viven distintas familias pouco acomodadas.
  • Casa principal. A que é grande respecto das demais do pobo.
  • Casa solariega. A máis antiga e nobre dunha familia.
Outros casos
Casa reitoral ao carón da capela de Santo Antón de Vilariño, en estado de abandono.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de edificios de Galicia por localización

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para casa.
  2. Buck, John N. M. (1964). Western Psychological Services, ed. The house-tree-person (HTP) manual supplement: administration and interpretation of the HTP test (en inglés). 
  3. Hill, Jonathan, “Immaterial Architecture”, Nova York: Routledge, 2006.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Watkin, David (2005 (4a edició)). Western Psychological Services, ed. A history of Western architecture (en inglés). ISBN 1-85669-459-3. 
  5. Deulofeu i Torres, Alexandre Les cultures irano-sumèria-caldea, hitita i egípcia. Figueres, Ed. Amics de l'Albera i Cap de Creus, Centre Excursionista Empordanès, edición pòstuma 2005 (volume IX en catalán de La matemàtica de la història).
  6. 6,0 6,1 Diccionario enciclopédico popular ilustrado Salvat (1906-1914)
  7. O escritor francés Victor Hugo explica na súa novela Os miserables (capítulo 4º da primeira parte do primeiro libro) que para esquivar o "imposto ás portas e fiestras", en Francia había:
    1 320 000 casas de campesiños con apenas tres aberturas;
    1 817 000 con apenas dous aberturas e
    346.000 cabanas cunha soa abertura (a porta)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Rapoport, Amos. Englewood Cliffs«House Form and Culture» (Morfología de Vivienda y Cultura)., N.J.: Prentice-Hall, 1969. Existe unha edición en castelán : «Vivienda y cultura», traduïda por Conchita Diez de Espada. Editorial Gustavo Gili, S.A. Barcelona 1972.
  • Professor Leonardo BenevoloHistoria de la Arquitectura Moderna;. © Casa Editrice, Laterza & Figli, Bari.
Tradución ó castelán por Mariuccia Galfetti e Juan Díaz de Atauri. Con textos do arquitecto Carlos Flores relativos ó Plan Cerdà, o Modernismo catalán e a Arquitectura española entre 1930-1940 e posterior a 1945. Editorial Gustavo Gili. Barcelona 2002.

Outros artigos[editar | editar a fonte]