Sarria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaSarria
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 42°46′40″N 7°24′52″O / 42.77778, -7.41444Coordenadas: 42°46′40″N 7°24′52″O / 42.77778, -7.41444
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia de Lugo Editar o valor em Wikidata
Capital de
CapitalSarria Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación13.221 (2023) Editar o valor em Wikidata (71,46 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie185 km² Editar o valor em Wikidata
Altitude700 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor em WikidataClaudio Garrido Martínez (2019–) Editar o valor em Wikidata
Eleccións municipais en Sarria Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal27600 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Código INE27057 Editar o valor em Wikidata

Páxina websarria.gal… Editar o valor em Wikidata
Facebook: sarria.es Twitter: SarriaConcello Instagram: concello_de_sarria Youtube: UCdi4hzxlp7OROgacQUDN6wg Editar o valor em Wikidata

Sarria é unha vila galega da provincia de Lugo, capital da comarca de Sarria. Cos seus 13.345 habitantes (13.352 no 2006, 13.155 no 2005, 13.132 no 2004, 13.142 no 2003) segundo o INE é o quinto en poboación da provincia. O seu xentilicio é (véxase no Galizionario) sarriao/sarriá.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Está situado na metade sur da provincia. Limita ao norte cos concellos de Láncara e O Páramo, ao sur co Incio, ao leste con Samos e ao oeste con Paradela. No territorio do concello de Sarria pódense distinguir tres zonas xeográficas: unha chaira situada no centro e oeste, entre 500 e 700 de altitude, unha zona montañosa ao oeste, que chega aos 800 metros no Monte Páramo ou no Monte de Santa Icia, e o val ou "Veiga de Sarria", a 400 m. Abundan os terreos de labradío, especialmente lameiros, e os bosques son reducidos e sitúanse á beira dos ríos.

Varios ríos e regatos bañan o concello. O principal río, que dá nome á vila é o Sarria, que nace nas montañas de Triacastela. Nel verten o río Celeiro e o Ferreiros.

Clima[editar | editar a fonte]

Ten un clima oceánico con influencia continental, debido ao afastamento do mar e a situarse nun val.

Os invernos son fríos con xeadas frecuentes e os veráns suaves, sendo os meses con temperaturas máis baixas de novembro a marzo, cunha media duns 6 °C; e os meses con temperaturas máis altas xullo e agosto, cunha media duns 18 °C. A oscilación térmica é de 13 °C.

As precipitacións, abundantes, oscilan entre 933 mm e os 1457 mm; repártense regularmente ao longo de todo o ano, sendo menos frecuentes nos meses de verán.

Historia[editar | editar a fonte]

Prehistoria e historia antiga[editar | editar a fonte]

A zona onde máis tarde estaría localizada Sarria e a súa comarca xa estaba habitada no Neolítico. Daquela época quedan numerosos restos arqueolóxicos como poden ser as mámoas e as posteriores insculturas (ou gravados en pedras ou rochas) nas parroquias de Maside e Barbadelo. Destaca a necrópole de Santa Mariña, declarada Ben de interese cultural.

Da cultura castrexa consérvanse os castros de San Cosme da Pena, Outeiro de Goián, Teilonxe, Santa Icía en terras de Froián, San Miguel de Vilapedre, Tremeado, Padriñán, Betote e Tosal. Algúns estiveron ocupados até a romanización de Galicia.

A presenza romana en Sarria vén ligada a Lucus Augusti e Castro Dactonio (Monforte de Lemos). As escavacións arqueolóxicas revelaron a presenza de dúas vilas romanas localizadas en Vilar de Sarria e en Santo Antolín. Tamén se achou unha estela funeraria en Vilar de Sarria, que agora está exposta no Museo de Pontevedra.

No período suevo localizouse o condado Sarriense na zona que vai desde o río Neira ata o río Sil, abarcando as terras de O Cebreiro, Valcarce e O Courel. O resto da comarca sarriá pertenceu ao condado paramense.

A conquista musulmá foi escasa e non deixou case rastros arquitectónicos ou toponímicos. O único sinalado desta época foi que houbo unha repoboación da comarca de Sarria á que non foi allea o mosteiro de Samos.

Idade Media[editar | editar a fonte]

A Torre conservada do Castelo de Sarria.

A fundación do mosteiro de Santo Estevo de Calvor in villa Astórica está datada no ano 785. No primeiro período medieval hai que destacar que se consolida o Condado de Sarria, no que os seus tenentes levaban xa a partir do século X o nome de “Comes in Sarria” ou “Comes in Elarín”, xa que en Larín (Láncara) estaba a “Vila Real” onde residían os meiriños e xuíces reais que tiñan xurisdición entre o Miño e o Sil, e nalgúns casos “ata a beira do mar”.

Ademais do condado sarriense, normalmente vinculado ao Condado de Lemos e á familia real, houbo outras tenzas en Louseiro e Froián, así como unha “mandatio” en Barbadelo, xunto con posesións ligadas aos reis en Louseiro e en San Cosmede.

Deste tempo queda a referencia a diferentes mosteiros, xeralmente de tipo familiar, que acabaron baixo a tutela do mosteiro de Samos: San Mateu de Vilapedre, Santo Antoniño de Sarria, Santa María de Corvelle, Santo Estevo de Calvor, San Paio de Cesar, San Paio e San Miguel de Piñeira, San Salvador de Rosende, Santiago e San Martiño de Barbadelo, Santiago de Mortoláns en Froián, San Salvador de Barxa, Santo Adriao de Monte Páramo... que deron lugar a unha intensa colonización das terras e á renovación das técnicas de cultivo.

O Camiño de Santiago foi o motor da creación de novos hospitais, ermidas, pontes e mesóns, atraendo a institucións asistenciais (“Os Madalenos” en Sarria, con varias bulas papais, os Templarios en Santo Estevo de Barbadelo,...).

No século XII Gutierre Ruiz de Castro adquiriu o señorío de Lemos e Samos co seu casamento con Elvira Osorio, momento no que probábelmente se fundou a fortaleza de Sarria (destruída polos irmandiños en 1467). A finais deste século fundouse Vilanova de Sarria, da man do rei Afonso IX, asignándolle o foro co que iría rexerse como vila real. O rei morrería na mesma vila o día 24 de setembro de 1230.

No ano 1280 xa estaba completada a estrutura da vila (camiño francés, Rúa de Queiroga e Rúa do Pombal), e xa contaba con dúas igrexas (San Salvador e Santa Mariña), un mosteiro (A Madalena) e dúas ermidas (Santiago do Mercado e Santa María de Barbadelo).

A vila converteuse en feudo cando o rei Pedro I lle concedeu a Fernando de Castro as Pobras de Sarria, San Xulián e Outeiro de Rei en 1360. No ano 1366 vinculouse co condado de Lemos, pasando a ter carácter hereditario.

A influencia do Condado medrou ao ter xurisdición sobre as “Cinco Pobras” (A Pobra de Sarria, San Xulián da Pobra, A Pobra de Adai, Santo Estevo da Pobra de Neira de Susao, e Pobra de Triacastela). Para gobernalas creouse en Sarria un “meiriño maior”, e “meiriños subalternos” en cada unha das ditas pobras.

A fortaleza política de Sarria tiña correspondencia na multitude de fortalezas (Fortaleza de Sarria) e castelos documentados (Castelo de Loureiro de Froián, Castelo de Louseiro, Castelo dos Infantes, Castelo de Meixente e Torre de Domiz) desde as cales gobernaban familias fidalgas, donas de pequenas xurisdicións.

Mosteiro da Madalena.

A revolta irmandiña tivo incidencia nestas terras, tanto polo que se refire ao primeiro momento de triunfo do campesiñado (a fortaleza de Sarria foi derrubada) como na represión que veu despois, coa vitoria dos nobres (reconstrución de castelos e fortalezas).

En 1543 este señorío converteuse en marquesado dos Castro, que o mantiveron até 1777, cando pasou á casa de Alba.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

No ano 1503 Fernando de Castro foi nomeado Marqués de Sarria por Carlos I.

Dinís de Castro fundou a finais do século XVI o Hospital de Santo Antón, para a atención dos peregrinos que volvían de Santiago, e en 1568 o mosteiro da Madalena integrouse na Orde Agostiña, desaparecendo así a Orde dos Benaventurados Mártires de Cristo (“Orde dos Madalenos”), que o gobernaran nos tres séculos anteriores.

O descenso das peregrinacións a Compostela trouxo un longo período de decadencia para a vila. No século XIII contaba só con setenta casas na vila e uns poucos comercios (taberna, obradoiro de candeas de sebo, unha carnizaría e un alabacería). A suma de todas as parroquias non xuntaba máis de 350 persoas.

En 1794 creouse a Escola de Primeiras Letras, con cargo ás rendas do Hospital de Santo Antón. Ampliouse a xurisdición de Sarria, abarcando os Partidos de Andaduría, A Veiga, Ferreiros, Sobre da Riba, Froián e Lobataira.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

Plano de Sarria no 1860.
Antiga casa de D. Jesús Perez-Batallón.

No século XIX durante a invasión francesa produciuse un saqueo de igrexas (aínda que os invasores tamén esixían gran e diñeiro).

A creación do concello constitucional e o partido xudicial de Sarria en 1820 supuxo unha gran modificación do réxime administrativo. En 1840 formouse de modo definitivo o concello, composto por 51 parroquias, que proviñan das antigas xurisdicións do Marquesado de Sarria, Castelo dos Infantes, Vilapedre, Goián, Vilar, Torre de Domiz, A Pinza, e outras procedentes de Samos.

A desamortización trouxo como consecuencia a desaparición da vida comunitaria no mosteiro da Madalena. As rendas e terras dos mosteiros foron adquiridas en poxa, maioritariamente pola burguesía emerxente.

As guerras carlistas tiveron en Sarria certa importancia, xa que esta zona foi unha das que tivo presenza de partidas, en especial a do chamado “Souto de Remesar”, chegando a declararse o estado de guerra en 1839.

A apertura da estrada de Lugo a Valdeorras (cara 1850) e do ferrocarril (1880) supuxeron un grande impulso para o desenvolvemento da comarca, potenciando o comercio e a saída dos produtos naturais. A vila expandiuse pola veiga e naceron novos barrios (San Lázaro, A Estación, As Casetas..), nos que se asentou preferentemente xente foránea que estableceron almacéns e pequenas industrias.

Hotel Villa Aurelia.

En 1885 inaugurouse a nova igrexa de Santa Mariña. En 1896 instaláronse en Sarria os Padres Mercedarios e inauguráronse as Escolas Publicas, doazón do filántropo sarriao Matías López. A súa viúva, Marquesa de Casa López, creou o Hospital Municipal, no Campo de Outeiro, inaugurado en 1909.

A actividade comercial e industrial da vila foi en aumento, e a principios do século XX xa acadaba unha poboación de 1500 habitantes. Abríronse novas rúas e iniciáronse actividades orientadas á exportación (gando, cereais, castañas, patacas, xamóns e chourizos), que fixeron que a riqueza fose en aumento. En 1915 chegou a electricidade, e pouco máis tarde a traída de augas.

Os períodos da Segunda República e a ditadura franquista trouxeron un aumento do número de estradas, escolas, e a urbanización das principais rúas da vila.

A factoría de cementos de Oural sinalou, a partir dos anos 1960, o comezo dun proceso de industrialización apoiado na construción e na industria do moble, que xunto co regreso de emigrados en América e Europa, marcaron a engalaxe económica, cun proceso parello de modernización do sector agrícola-gandeiro.

A posta en funcionamento de novos centros de ensino (colexios públicos en Sarria e Oural, colexio da Asunción, colexio da Mercede, IES Xograr Afonso Gómez, IES Gregorio Fernández e a FP), así como da residencia de anciáns e o centro de diminuídos psíquicos, xunto cos equipamentos deportivo e de lecer, fan que a vila de Sarria se converta nun núcleo que irradia influencia sobre unha ampla e rica comarca, constituíndo un centro de servizos dinámico e con oferta moi diversificada.

Demografía[editar | editar a fonte]

Censo Total 13.345 (2018)
Menores de 15 anos 1.553 (11.64 %)
Entre 15 e 64 anos 8.235 (61.71 %)
Maiores de 65 anos 3.557 (26.65 %)

Sarria, cunha poboación de 13.504 habitantes en 2014, é o quinto concello máis poboado da provincia de Lugo tras Lugo, Monforte de Lemos, Viveiro e Vilalba, e o segundo máis poboado do Camiño de Santiago dentro de Galicia, por detrás de Santiago de Compostela.

Dos 13.504 habitantes, 8.550 viven na vila de Sarria, mentres que o resto están repartidos polos 184,62 km² do concello,[1] nas 49 parroquias rurais restantes.

A súa densidade de poboación é de 73.17 hab./km², sendo unha das máis altas da provincia.

Economía[editar | editar a fonte]

Concello de Sarria.

Sarria é a cabeceira dunha comarca extensa. Débelle gran parte da súa relevancia á chegada do camiño de ferro a finais do século XIX e á súa relación co sector gandeiro. O sector primario ocupa ao 35% da poboación, a industria ao 30 % (un terzo na construción) e ao outro 35% o sector terciario. Industrialmente, prodúcense chourizos e xamóns, así como pensos. Mais de Sarria o que destaca é a fabricación de mobles. Hai unha fábrica de cementos en Oural, a cal perdeu moitos postos de traballo trala última crise. No concello ten a súa sede a empresa de auga mineral embotellada Fontecelta.

Patrimonio histórico e artístico[editar | editar a fonte]

Igrexa de Santa Mariña, ao pé do Camiño de Santiago.

As Pontes do Río Sarria[editar | editar a fonte]

  • Ponte de Pedra. En Triacastela. Era unha ponte de orixe medieval no Camiño Francés, na saída cara A Balsa. Desapareceu cando se acondicionou a pista de Triacastela a San Xil.
  • Ponte Nova de Triacastela. Construída en 1992 para a circunvalación da Vila de Triacastela. É de formigón.
  • Ponte de Triacastela. Substituíu a un antigo pontón, cando se fixo a estrada de Samos a Triacastela. É de pedra.
  • Ponte de Almirón. Substituíu a unha antiga ponte madeirada, cando se abriu a estrada de Samos a Triacastela.
  • Ponte Nova de Almirón. Construída con ocasión do acondicionamento da estrada paralela ao Camiño de Santiago
  • Pontigo de San Cristovo. Paso de comunicación particular entre dúas leiras. E de formigón, cunha cancela de peche que impide o paso dos pescantíns.
  • Ponte de San Cristovo. Serve de paso e comunicación dos dous barretes de San Cristovo. Substitúe a outra anterior de piares de pedra e través de madeira.
  • Ponte de Lusío. Está documentada a existencia no século XVIII dun pontón riba do Río Sarria, que poñía en comunicación dúas leiras dos señores da Casa Forte de Lusío.
  • Ponte de Lastres. Substituíu a un pontón de madeira. Hoxe, feita en formigón, permite o paso de vehículos.
  • Ponte de Freituxe. Houbo un pontón anterior. Acondicionada para o paso de vehículos.
O río Sarria á saída da vila.
  • Pontón da Área da Capela do Ciprés. Para comunicación no paseo fluvial.
  • Ponte do Río. Construída cando se acondicionou a estrada paralela ao Camiño de Santiago.
  • Ponte de Samos. Construída cando se fixo a estrada de Samos a Pedrafita do Cebreiro.
  • Ponte do Mosteiro. En realidade é un resto do antigo acueduto que subministraba auga ao mosteiro.
  • Ponte da Botica. A carón da Casa do Concello e da Botica, estaba no Camiño Francés de Triacastela a Samos.
  • Pontóns de A Veiga. Forman parte do Paseo Fluvial.
  • Ponte da Ferraría. Daba acceso á antiga ferraría. Hoxe permite o paso de autos.
  • Ponte de Teiguín. Serve de acceso ao Refuxio de Pesca.
  • Ponte do Muíño de Teiguín. Acceso para o muíño e para o camiño de Formigueiros por Sancobade.
  • Ponte Nova (II). Construída con ocasión das obras de acondicionamento da estrada paralela ao Camiño de Santiago. Está feita en formigón.
  • Ponte Nova (I). Construída en pedra cando se fixo a estrada de Sarria a Samos (derredor de 1890).
  • Ponte do Vao. No antigo camiño de Sarria a Samos.
  • Ponte de Reiriz. Tamén chamada Ponte da Veiga de Reiriz. Ten un peto cunha capeliña con santo de pedra.
  • Ponte de Riba do Pazo. Comunica leiras.
  • Ponte de Perros. A carón do Muíño de Perros.
  • Ponte da Barxa. Dá acceso a este lugar da parroquia de Calvor.
  • Ponte de Lier. Substitúe a un pontón anterior. Hoxe permite o paso da pista do Camiño a Lier.
  • Ponte de Barxelas. No camiño de Castelo dos Infantes a Lier.
Lavadoiro da Ponte Ribeira.
  • Ponte de Frollais. Na estrada de Sarria a Samos.
  • Ponte de Pedrachantada. Para dar acceso desde a estrada de Pedrafita ao lugar do Carballal ou Pedrachantada.
  • Pontes de Fafián. A carón do Muíño do Conde. Na rota de sendeirismo de As Aceas. O pontón de madeira desapareceu na chea do 2002.
  • Ponte da Acea de Arriba. Serve de acceso ao Muíño da Acea de Riba. A carón do Muíño da Acea de San Fiz de Reimóndez. Servía de acceso ao muíño e para as parroquias de Reimóndez e Fafián.
  • Ponte da Acea de Abaixo. A carón do Muíño da Acea de Farbán. Comunicaba as parroquias de Farbán e Fafián. Era un pontón de madeira, sobre piares pizarrosos, ao que se lle substituíu o entallamento por unha prancha de formigón.
  • Ponte da Ribela. A carón do Campo de Deportes. Comunicaba o lugar da Ribela (Farbán) co resto da súa parroquia. Substituída logo por outra con prancha de formigón, desapareceu na chea de 2002.
  • Ponte do Lago (en proxecto). Permitirá enlazar a estrada de Monforte coa estrada de Samos.
  • Ponte da rúa Castelao. Construída entre a Ribeira dos Cucos e a paraxe do Lago, para dar acceso á Zona Escolar. É unha ponte baixa, en formigón armado, e dun só van.
  • Ponte do Chanto. Dentro do núcleo da vila de Sarria, é unha ponte peonil, de moderna traza, con escaleiras de acceso dunha e outra banda do río. Construída en formigón armado, é dun só tramo, apoiada en dous piares, e con varanda de ferro.
Ponte Ribeira en 1932.
  • Ponte Ribeira. É unha das pontes históricas do Camiño de Santiago. De orixe medieval, sufriu grandes transformacións no século XVIII. Deveu ter cando menos seis arcos. Está feita en pedra de lousa, e conta con tallamares. O arco principal caeu no 1871, e primeiramente foi substituído por vigas de madeira, e logo, na década dos anos 193O, refíxose con colocación de vigas de formigón. Ata o século XIX había que pagar pontaxe para pasar por ela. Cara a 1983 endosóuselle á ponte obra de fábrica en formigón, tamén con tallamares, para ancheala, perdendo así o seu carácter xenuíno.
  • Ponte de Afonso IX. E unha ponte construída en 1992 en formigón armado para darlle acceso peonil a un hotel situado na Agra da Ponte Ribeira.
  • Ponte do Toleiro. Foi primeiramente un pontón para entrada e saída ao Muíño do Toleiro (Vilar de Sarria), e polo tanto tiña carácter privado, aínda que fose utilizado para atallar na saída do camiño de Pintín. Urbanizada a zona, aproveitando os piares, instalouse prancha de formigón, con enbelecementos de ferro e varanda con cables. Riba do rairo do muíño había un pontón de madeira, que se substituíu tamén por nova obra en formigón armado.
  • Ponte de Ferro ou Ponte Nova de Sarria (Ponte do Areal). Construíuse para dar paso á estrada de Sarria a Samos, na década final do século XIX. As vigas orixinarias e a súa reviravolta eran de ferro. Tiña un só van riba do río, e dous pasos laterais, un para o camiño do Campo do Río ou do Areal, e outro para o rairo do Toleiro. Sufriu dous ancheamentos, desaparecendo a estrutura metálica, substituída por vigas e prancha de formigón, amais de dotala dun piar central.
  • (Ponte de Riosol. En proxecto). Para comunicar a zona da Agra do Caneiro coas Ameneirizas.
Ponte Vella.
  • Ponte de Vilar de Sarria ou Ponte Vella. É obra de fábrica do século XVIII, substituíndo a outra medieval. Indebidamente chamada "Ponte Romana", é coloquialmente coñecida como Ponte Vella. A carón da Ponte había unha taberna da parroquia, que perdurou ata o século XIX e estaba, en tempo de baixa nas augas, prohibido que os carros pasasen por ela, xa que tiñan que pasar polo vao. Os usuarios tiñan quen pagar pontaxe.
  • Ponte das Sete Vigas. Queda lembranza de que, augas abaixo do Muíño da Nogueira, houbo unha ponte con esta denominación.
  • Pontes da Insua da Veiguiña. No brazo esquerdo da insua hai un pontigo de madeira, e no brazo dereito unha ponte de piares de pedra e prancha de formigón.
  • Ponte do Muíño de Betote. É un pontón de madeira, sobre piares de pedra.
  • Ponte de Manán. Augas abaixo do muíño. Substituíu a un pontón de madeira peonil que había entre Lezoce e Manán, cando se fixo a estrada de O Montés a Céltigos. Recentemente foi ancheada.
  • Ponte de Santiago da Veiga que une a Veiga con Fonteabuín; foi construída como consecuencia do derrubamento da anterior ponte de madeira e a consecuencia dos traballos de concentración parcelaria anos despois desta.
  • Ponte da Reza. Na estrada que comunica Céltigos con Carracedo (Láncara).
Ponte da Áspera, que cruza o río Celeiro.
  • Ponte de Vilambrán. Na estrada de Céltigos-A Pobra de San Xulián.
  • Piares de Vilambrán. Permitían o paso, en tempo de augas non moi altas, entre a zona de Céltigos e Vilambrán.
  • Ponte de Ronfe. A carón da igrexa e do muíño do pazo dos Camba.
  • Ponte de Supena. Comunica a estrada de Vilapedre co lugar de Supena.
  • Ponte da Veiga de Vilapedre (Sarria).Ponte do ferrocarril.
  • Ponte de Penaboa. Na parroquia de Vilafiz, no Concello de O Páramo.
  • Ponte da Vía. Na Pobra de San Xulián, fronte a Agreimonde. Entre os concellos de O Páramo e Láncara.
  • Pontes de Agreimonde-A Pobra de San Xulián. Hai documentada unha antiga ponte de acceso a A Pobra de San Xulián. Hoxe, con modificacións, consérvase a primeira ponte da estrada de Valdeorras (1850-1855), e a máis recente é a da estrada de Lugo a Monforte.
  • Ponte de Moscán. Comunica A Pobra de San Xulián con Moscán (O Páramo).

Muíños[editar | editar a fonte]

Muíño no río Sarria.

O grande aproveitamento que as augas do río Sarria tiveron ao longo dos séculos para mover muíños e relos, queda patente na relación que se fai a continuación:

  • Pena Partida
  • Renche
  • Samos
  • Teiguín
  • Perros
  • Pedrachantada
  • Regueiro
  • Fafián
  • Acea de Riba
  • Acea de Abaixo
  • Ponte Ribeira
  • O Toleiro
  • A Nogueira
  • Betote de Abaixo
  • Manán
  • Rubín
  • A Reza
  • Ronfe
  • Vilafiz
  • Moscán

Aproveitamentos do río[editar | editar a fonte]

  • Ferrería de Lusío. Situada no rego do Castelo, en Renche, preto do río Sarria. De moita sona ata o século XIX.
  • Ferrería de Samos. Augas abaixo do barrio da Veiga, fronte a Foxos.

Produción de electricidade[editar | editar a fonte]

Muíño da Nogueira, en Vilar de Sarria.

Hai que citar as seguintes centrais de produción hidroeléctrica:

  • TRIACASTELA. "Eléctrica de Triacastela", cun centro de produción hidráulica, e un ambicioso proxecto de maior envergadura que quedou inacabado.
  • VILA DE TRES. Central eléctrica que promoveron os monxes de Samos, e está aínda en produción.
  • MUÍÑO DE BIZARRO, SAMOS. A familia Valdés, ata non hai moitos anos produciu electricidade, facendo a subministración do alumeado público.
  • O TOLEIRO. A "Eléctrica do Toleiro", promovida polos irmáns Martínez, estivo en funcionamento a partir do verán de 1915, subministrando en parte á vila, desaparecendo por virtude de acordo comercial con "Electra Sarriana" de José Antonio Gayoso "Marzán".
  • A REZA. "Eléctrica de la Reza", produciu electricidade desde os anos 1920 para a zona de Oleiros-Céltigos. Hoxe é só distribuidora, por cesar na produción.

Presas[editar | editar a fonte]

Moitas das presas serviron para encorar a auga destinada aos muíños, outras serviron para os caneiros e pesqueiras (suprimidos a primeiros do século XX), e para as regas.

As regas máis destacadas son as de: Renche, Viladetrés, Reiriz-Sivil, Perros-Barxa, Ribela desde a Presa do Peago, Sarria: Presa do Caneiro-Pradeda, Presa da Nogueira-A Ribeira, Presa dos Escallos-A Veiguiña, San Xulián da Veiga.

Outros lugares[editar | editar a fonte]

Áreas recreativas
  • Área da Pena Partida
  • Área da Ponte de Almirón
  • Capela do Ciprés, en Samos
  • Área da Veiga de Samos
  • Teiguín, con refuxio de pescadores
  • Área da Ponte Nova de Pascais
  • Praia Fluvial de O Chanto
  • Dique do río Sarria
Estacións potabilizadoras de augas
  • Teiguín: Para o concello de Samos.
  • Acea de Riba: Para O Oural (factoría de cementos e núcleo, e parroquias de Froián).
  • Acea de Baixo: Para Sarria, Farbán, Vilar de Sarria, Requeixo e San Xulián da Veiga.
Coutos de pesca

Entre a Ponte Castelao e a Ponte de Ferro, ou do Areal, está prohibida a práctica da pesca.

  • Couto de Samos
  • Couto de Ronfe
Valores paisaxísticos

Paraxes de interese:

  • A Boca da Reigosa
  • Pena Partida
  • O núcleo de San Cristovo do Real
  • A Veiga de Renche
  • O núcleo de Samos, co Mosteiro e Capela do Ciprés
  • O núcleo de Teiguín-Monte do Carballal
  • A Veiga de Reiriz
  • O conxunto de Perros (pazo, muíño, capela, souto..)
  • As Aceas (Fafián, Cesar, Reimóndez, Farbán)
  • A insua da Veiguiña
Estacións Medidoras de Caudal
  • Na Ponte de Frollais (Samos)
  • Entre Agreimonde e A Pobra de San Xulián
Criadeiro de troitas
  • No muíño da familia Pumares, en Pedrachantada.
Matadoiro (desaparecido)
  • A partir de 1860, á beira do río, estivo a Casa Matadoiro, macelo da vila de Sarria.
Depuradoras de augas residuais
  • Na Volta do Mosquito-Samos
  • Na Veiguiña, a EDAR de Sarria
  • En San Xulián da Veiga a EDAR do Parque Empresarial

Festas e celebracións[editar | editar a fonte]

Entroido Especialmente o domingo
Feiras 6, 20 e 27 de cada mes
Semana Santa Procesión de Ramos, Vía Crucis e Santo Enterro
San Xoán (patrón) do 23 ao 27 de xuño
Entroido de Verán Agosto
Noite Meiga Último sábado de agosto
Os Remedios 8 de setembro
Romaría campestre do Alto de Cesar

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Sarria.

Lugares de Sarria[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Sarria vexa: Lugares de Sarria.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Sarria

Albán (Santa María) | Barbadelo (Santiago) | Belante (Santa María) | Betote (San Vicenzo) | Biville (San Miguel) | Calvor (Santo Estevo) | O Camiño (San Mamede) | Castelo dos Infantes (Santiago) | Cesar (San Salvador) | A Chanca (San Mamede) | Chorente (San Xulián) | Corvelle (Santa María) | Fafián (San Xoán) | Farbán (Santiago) | Ferreiros (San Sadurniño) | Fontao (San Martiño) | Frades (San Xulián) | Goián (San Miguel) | Lier (Santa María) | Loureiro (San Martiño) | Lousadela (Santo Estevo) | Louseiro (San Martiño) | Maside (San Pedro) | O Mato (San Salvador) | Meixente (San Xulián) | Nespereira (Santiago) | Ortoá (Santa María) | A Pena (Santa María) | Piñeira (San Miguel) | A Pinza (San Salvador) | Requeixo (San Martiño) | Rubín (Santa Mariña) | San Fiz de Reimóndez (San Pedro Fiz) | San Fiz de Vilapedre (San Fiz) | San Miguel de Vilapedre (San Miguel) | San Pedro de Froián (San Pedro) | San Sadurniño de Froián (San Sadurniño) | San Salvador da Pena (San Salvador) | San Vicenzo de Froián (San Vicenzo) | San Xulián da Veiga (San Xulián) | Santalla de Arxemil (Santalla) | Santo André de Paradela (Santo André) | Santo Antolín (Santa Eufemia) | Santo Estevo do Mato (Santo Estevo) | Sarria (San Salvador, Santa Mariña, Nosa Señora do Rosario) | Seteventos (San Pedro) | A Veiga (Santiago) | Vilamaior (Santa María) | Vilar (Santa María) | Vilar de Sarria (San Salvador)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Superficie". IGE. 27-01-2020. Arquivado dende o orixinal o 28-09-2021. Consultado o 26-04-2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]



Localidade anterior:
San Mamede, O Camiño, Sarria
a 3,4 km
  Camiño de Santiago (Camiño Francés)  
Sarria
(454 msnm)
113 km á Catedral de Santiago de Compostela
Aloxamento Restaurantes Bares Farmacia Igrexa(s) Autobuses Tendas

Seguinte localidade:
As Paredes, Barbadelo, Sarria
→ a 2,9 km