Policía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un coche da policía australiana.

A policía é unha forza de seguridade encargada de velar polo mantemento da orde pública e a seguridade dos cidadáns e sometida ás ordes das autoridades políticas. Chámase tamén policía a cada axente pertencente a dita organización.

A palabra "policía" provén da lingua francesa e o seu uso data do século XVIII. A súa orixe está no latín politīa que procede do grego πολιτεία, de πολις, "cidade", que se refire ao goberno ou á administración do Estado.

Desde 1991 o CNP (Corpo Nacional de Policía) ten unha sección adscrita a Galicia co nome de policía autonómica de Galicia, pero que carece das funcións das policías propiamente autonómicas de Euskadi, Navarra e Cataluña.

España[editar | editar a fonte]

En España coexisten como forzas policiais de carácter estatal:

Vehículo do Corpo Nacional de Policía.

Ademais destas dúas forzas estatais, existen policías autonómicas, como

así como policías locais ou municipais. O mapa policial do Estado complétase coas "Unidades Adscritas do Corpo Nacional de Policía" aos gobernos autonómicos de Galiza (Policía Autonómica Galega), Valencia, Andalucía e Asturias, estando prevista a súa implantación noutras comunidades como Aragón e Canarias.

Historia da policía en España[editar | editar a fonte]

As orixes da policía en España remóntase ás milicias municipais. No Antigo Réxime as funcións policiais estaban baixo a responsabilidade do xuíz da xurisdición local que nomeaba un alguacil, que xunto cos chamados "corchetes" patrullaban as cidades.

A primeira policía do estado español é a de Barcelona, creada pola administración napoleónica na cidade para afogar os levantamentos antifranceses dentro da cidade, Fernando VII mandou crear a policía do reino en 1824 en plena Década Ominosa a través dunha real cédula pero o corpo como tal non chegou a callar manténdose só no papel, aínda que si había corpos de seguridade que eran extensións do propio exército e serviron para a vixilancia dos liberais.

Durante a rexencia de María Cristina e o reinado de Sabela II a policía foi organizándose seguindo o modelo francés, aínda que o protagonismo da seguridade en tódolos ámbitos civís estivo a cargo da Garda Civil, excepto en Madrid e Barcelona, onde a seguridade cidadá estaba a cargo da policía urbana. En 1829 creou o Corpo de Carabineiros, encargado da vixilancia das costas e as fronteiras e a cargo do Ministerio de Facenda. En 1833 o estatuto real creou a Milicia urbana mentres o resto do territorio era vixiado pola Micilia nacional, un dos precedentes da policía, formada por voluntarios do lugar e armados polo estado en tarefas de vixilancia (sobre todo contra partidas carlistas e bandoleiros) e mantemento da orde.

A finais da rexencia de Baldomero Espartero fundouse o "Cuerpo de Protección y Seguridad" en 1844, un corpo civil de policía e no mesmo ano creouse a Garda Civil que herdou as responsabilidades da Milicia nacional. En 1887 determinouse que a policía comprendía dous servizos: o de Vixilancia e o de Seguridade, dependentes ambos do Ministerio da Gobernación, o que hoxe é o Ministerio de Interior. Mentres a Garda Civil se deixaba para a vixilancia do campo e das vilas, a policía reservouse para as cidades.

En 1889 déuselle carácter militar aos Carabineros (ao mesmo tempo que á Garda Civil) e a principios do século XX creábase na colonia da Guinea Española a garda colonial, un corpo de seguridade estatal que tiña entre as súas obrigas o mantemento da orde, a protección do territorio e as aduanas.

Un dos piares da ditadura de Miguel Primo de Rivera foi o "somatén" nacional, un corpo parapolicial cos privilexios legais dunha policía sen selo converténdose nunha banda armada de persoas de oficios liberais (empresarios, comerciantes, avogados, médicos, enxeñeiros). En 1928 créase a Policía Foral de Navarra.

Un dos últimos actos da "Dictablanda" foi o Real Decreto do 25 de novembro de 1930, onde se aproba un novo regulamento da policía gobernativa, que se puña baixo o mando directo do Director Xeral de Seguridade (dependente do Ministro de Gobernación), formada por dous corpos: o Corpo de Vixilancia e o Corpo de Seguridade, atribuíndo a ambos carácter civil. Porén, o Corpo de Seguridade rexíase por normas militares, estando os seus compoñentes suxeitos ó Código de Xustiza Militar.

Trala caída do sistema monárquico da Restauración en 1931 e a organización da IIª República española, os seus fundadores decidiron eliminar o somatén nacional e crear un corpo de policía adepto ós ideais republicanos, creando así a Garda de Asalto co persoal do Corpo de Seguridade da policía anterior. Este corpo policial mantívose na súa maioría fiel ante a rebelión de 1936 defendendo a República. Durante a guerra civil española a garda de asalto seguiu existindo no territorio controlado pola República (no territorio franquista foron depurados e os adeptos fusionados coa Garda Civil) mentres o goberno do País Vasco disolveu os corpos de seguridade e creou a Etzaña (o antecedente da actual Ertzaintza). A garda de asalto converteuse na policía republicana por antonomasia, sendo fusionada logo coa Garda civil e dando lugar ao Corpo de Seguridade Interior que foi disolto polo exército franquista e os seus membros depurados e os que aprobaban o expediente pasaron á Policía Armada.

A finais da guerra a seguridade civil quedou a cargo do exército, que coordinaba a Garda Civil e a Falange na seguridade e na represión. A Ertzaña, Mossos d'Esquadra e Garda de Asalto foron abolidas. Nos anos 40 o goberno reorganizou o organigrama quedando os seguintes corpos de seguridade civil do estado baixo a coordinación da DGS (Dirección General de Seguridad) dependente do Ministerio de Interior:

  • Cuerpo General de Policía (CGP): investigaba crimes, asasinatos e represión política. Deste corpo destaca a Brigada Político-Social polas súas torturas aos opositores ao réxime.
  • Policía Armada e de Tráfico: os chamados "grises" que logo nos 80 foron os "maderos". Serviron de mantemento da orde pública e represión cando fixera falla.
  • Somatén Armado: colabora coa Garda Civil e tivo maior peso nos lugares onde había maquis.

Os carabineros foron fusionados coa Garda civil en 1940.

Durante os anos da transición houbo dúas policías que eran descendentes das anteriores pero con outra organización:

  • A "secreta" ou Cuerpo Superior de Policía, dependía do Ministerio de Interior e estaba controlada pola DGS.
  • Os "maderos" ou Cuerpo de Policía Nacional.

Estes dous corpos foron fusionados na actual CNP (Cuerpo Nacional de Policía).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]