Halloween

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Calacú da Noite dos Calacús, en Galicia

Halloween (AFI: /ֽhæləυ'i:n/, do ing. All Hallows' Evening ou Noite de tódolos Santos) é unha festa anual que se celebra principalmente nos Estados Unidos na noite do 31 de outubro pero que desde finais do século XX tamén se observa en moitos outros países. A súa orixe é cristiá pero con raíces nas tradicións pagás celtas[1] (véxase Samaín). Os adultos celébrana con festas de disfraces pero son as mascaradas dos nenos ás que lle dan máis énfase [2]. Os rapaces disfrázanse para a ocasión e paséanse polas rúas pedindo doces de porta en porta. Despois de chamar ás portas os rapaces pronuncian a frase «Truco ou trato» ou «Doce ou trato» (que provén da expresión inglesa «Trick or treat»).

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

A verba «Halloween» [/ˌhæl.əʊˈiːn/] é usada como tal por vez primeira no século XVI, e provén dunha variación escocesa da expresión inglesa «All Hallows' Even» (tamén usada «All Hallows' Eve») que significa «véspera de Todos os Santos».

Orixe celta[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Samaín.
Noite de morder mazás,
polo artista irlandés Daniel Maclise, 1833.
Inspírase nunha festa de Halloween á que asistiu en Blarney, Irlanda, en 1832.

O Halloween ten a súa orixe na festividade céltica coñecida como Samaín (forma galega de Samhain, que deriva do irlandés antigo e significa fin do verán.[3] Os antigos britanos tiñan unha festividade semellante coñecida como Calan Gaeaf. No Samaín celebrábase o final da tempada de colleitas na cultura celta[4] e era considerada como o «Aninovo celta», que comezaba coa estación escura.[5][6]

Os antigos celtas crían que a liña que liga este mundo co Outro Mundo estreitábase coa chegada do Samaín, permitindo aos espíritos (tanto bos como malos) pasar a través. Os antergos familiares eran convidados e homenaxeados mentres que os espíritos daniños eran afastados. Disque o uso de traxes e máscaras débese á necesidade de facer fuxir os malos espíritos. O seu propósito era adoptar a aparencia dun espírito maligno para evitar ser danado. En Escocia os espíritos foron suplantados por homes novos vestidos de branco con máscaras ou a cara pintada de negro.[7][8]

O Samaín era un momento para facer balance das subministracións de alimentos e o gando para prepararse para o inverno. As cacharelas, como na noite meiga de San Xoán, tamén desempeñaron un papel importante nas festividades. Todos os outros lumes apagábanse e en cada fogar acendíase lume na lareira. Nalgúns lugares de Galicia, como en Tui, até hoxe en día perdura a tradición de acender un tizón o Día de Defuntos para que as ánimas dos devanceiros mortos puidesen quentarse, tradición que é máis común do Nadal galego[9]. Os ósos dos animais sacrificados guindábanse á fogueira.[10]

Outra práctica común era a adiviñación, que a miúdo implicaba o consumo de alimentos e bebidas, e incluso en Asturias celebrábanse banquetes nas tumbas dos devanceiros.[11]

A tradición romana[editar | editar a fonte]

Cando tivo lugar a ocupación romana dos dominios celtas (Britania, Galia, Gallaecia...) a festividade foi asimilada por estes. Aínda que xa se celebraban os últimos días de outubro e primeiros de novembro unha festividade coñecida como a «festa da colleita», en honra a Pomona (deusa das árbores froiteiras), mesturáronse, logo, ambas as dúas tradicións. As mazás eran moi populares e logo formaron parte da celebración.

Institucionalización do Samaín pola Igrexa católica[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Día de Todos os Santos.

Nunha época na que predominaban as festividades «pagás»,[6] os papas Gregorio III (731–741) e Gregorio IV (827–844) intentaron suplantala por unha festividade católica (Día de Todos os Santos) que foi trasladada do 13 de maio ao 1º de novembro; celebrándose o culto aos finados o 2º de novembro, Día dos Fieis Defuntos. Con todo as tradicións pagás continuaron trala romanización e o cristianismo nas zonas arredadas da Europa atlántica (Escocia, Irlanda, Galicia, Asturias...)

Expansión a América do Norte[editar | editar a fonte]

Cartel que anuncia a chegada do Halloween en 1904.

En 1840 esta festividade chega aos Estados Unidos e ao Canadá, onde fica fortemente arraigada. Os inmigrantes irlandeses transmitiron versións da tradición durante a Gran Fame irlandesa. Foron eles quen espallaron o costume de tallar os jack-o'-lantern (calacús ocos cunha candea dentro), inspirada na lenda de «Jack o Lambefoula». Xoán Xosé Pérez Labaca tamén defende a persistencia desta tradición en Galicia e outras zonas do norte e centro peninsular, e escribe que «aquí era hai uns anos, nalgúns sitios aínda é, moi habitual polas vésperas do Día de Defuntos coller cabazas ... e facer con elas caras aterradoras cuns ollos e unha nariz abertos e colocando uns pauciños, como dentes, na feroz boca aberta, ás que se lle poñía dentro acendido un cabo dunha candea.» Estas cabazas iluminadas colocábanse sobre os valados ou nas encrucilladas, para asustar os camiñantes. Nalgunhas localidades galegas empregábanse nabos no canto de cabazas, o refrán di:

  • «Polo tempo de tódolos Santos (1° de novembro) mira os nabos; se fosen bos, di que son malos.»[12]

Porén, a festa non comezou a se celebrar masivamente até 1921. Ese ano celebrouse o primeiro desfile de Halloween en Minnesota e despois seguíronlle outros estados. A festa adquiriu unha progresiva popularidade nas décadas a seguir.

A internacionalización do Halloween produciuse a finais dos anos 70 e principios dos 80 grazas ao cinema e ás series de televisión americanas emitidas. En 1978, era a estrea nos Estados Unidos e no mundo enteiro do filme Halloween, de John Carpenter; un filme ambientado na véspera de Todos os Santos que supuxo unha referencia para o cinema de terror de serie B; con innumerábeis secuelas e imitacións.

Actualidade[editar | editar a fonte]

Hoxe en día, o Halloween é unha das datas máis importantes do calendario festivo estadounidense e canadense. Algúns países latinoamericanos, coñeciendo esta festividade, teñen as súas propias tradicións e celebracións ese mesmo día, aínda que coinciden en canto ao seu significado: a unión ou extrema proximidade do mundo dos vivos e o reino dos mortos. En Europa son moitas as vilas nas que os cativos e mozos decidiron importar o xeito de celebrar o Samaín coma nos Estados Unidos, con festas e disfraces. Aínda que nalgúns lugares, como Inglaterra ou Galicia, a festa orixinal está a arraigar de novo.

O feito de que esta festa ancestral teña chegado até os nosos días, o mesmo se teña recuperado, é, en certa medida, grazas ao enorme desenvolvemento comercial e a publicidade enxendrada no cinema estadounidense. A imaxe dos nenos norteamericanos a bulir polas escuras rúas disfrazados de trasnos, pantasmas e demos, na procura de lambetadas e doces cas dos moradores dun escuro e tranquilo lugar, quedou gravada na mente de moitas persoas. Disque nesa noite os espíritos visitaban os lares dos seus familiares, e para que os espíritos non os perturbases, os aldeáns tiñan que pór unha candea na fiestra da súa casa por cada defunto que houbese na familia. Se había unha candea en lembranza de cada defunto os malos espíritos non incomodaban aos seus familiares, se non era así os espíritos amolábanos á noite e facíanlles ter terríbeis pesadelos.

Comida[editar | editar a fonte]

Neno disfrazado pedindo lambetadas polas portas.

Dado que Halloween coincide coa tempada da colleita das mazás, cada ano, as mazás de caramelo, e as mazás doces son comúns nas festas. Estas dábanselles aos cativos. Un costume que persiste hoxe en día en Irlanda é a preparación ou a compra dun pastel de froitas, no que se coloca un anel simple, unha moeda e outros encantos antes de enfornar, coma na Rosca de Reis. Disque os que atopan o anel atoparán o seu verdadeiro amor o ano a seguir. En Galicia, ademais das matanzas, o claro herdeiro das tradicións do Samaín é o magosto, tempo de comer castañas e facer queimadas para afastar os espíritos daniños.

Truco ou trato[editar | editar a fonte]

Orixinalmente o truco ou trato (en inglés «Trick-or-treat») era unha lenda popular de orixe céltico segundo a que non só os espíritos dos finados eran ceibes de vagar pola Terra a noite de Halloween, senón toda clase de entes procedentes de todos os reinos espirituais. Entre eles había un terribelmente malévolo que deambulaba por vilas e aldeas, indo de casa en casa pedindo precisamente «truco ou trato». A lenda asegura que o mellor era facer trato, sen importar o custo que este tivese, pois de non pactar con este espírito (que recibiría o nome de jack-o'-lantern, co que se coñecen aos tradicionais calacús do Halloween) el usaría os seus poderes para facer «truco», que consistiría en botar un meigallo á casa e aos seus moradores, dándolles toda clase de infortunios e males de ollo, coma enfermar a familia, matar o gando con pestes o até queimar a propia vivenda. Como protección xurdiu a idea de crear nas cabazas e nabos formas horrendas, para así evitaren atoparse con dita estadea (e co tempo, por mor da asociación mental entre o espírito e as cabazas, o nome deste sería dado a elas, que é coma se coñecen hoxe en día.

O Halloween en Galiza[editar | editar a fonte]

A celebración máis achegada en Galiza ao Halloween é o Samaín, do que case non se tiña constancia, mais que segundo algúns autores coma o profesor Rafael López Loureiro son os principais defensores da tese da galeguidade do samaín. Para el, o costume sobreviviu en Galiza até épocas relativamente recentes (polo menos ata hai uns 30 anos) en que esmoreceu para converterse, unicamente, nunha celebración do día de Defuntos. Xoán Xosé Pérez Labaca escribe: «aquí era hai uns anos, nalgúns sitios aínda é, moi habitual polas vésperas do Día de Defuntos coller cabazas ... e facer con elas caras aterradoras cuns ollos e un nariz abertos e colocando uns pauciños, como dentes, na feroz boca aberta, ás que se lle puña dentro acendido o cabo dunha candea.» Estas cabazas iluminadas colocábanse sobre os valados ou nas encrucilladas, para asustar os camiñantes. Nalgunhas localidades galegas empregábanse nabos no canto de cabazas. O refrán di:

  • «Polo tempo de tódolos Santos (1° de novembro) mira os nabos; se fosen bos, di que son malos.»

Fausto Gado no seu Abecedario das mantenzas comenta respecto do Halloween:

  • Mágoa que o noso Samaín se perda e ocupe o seu lugar o Halloween foráneo . Son datas de encher a adega para o inverno con viño novo e carnes salgadas, pendurar o xamón, afumar os chourizos e mais as castañas , que os magostos xa están aí. Aquí plantan-se moitas clases de cabazas. A grande, chamada melón dos cochos ou calacú, coa que se fan as caveiras do Samaín. As cucurbitáceas teñen moita utilidade na cociña do país: nas sopas e caldos, nos purés, ou noutros xeitos de facer gornicións, fritas ou gratinadas, limpas e envoltas en fariña triga ou milla; tamén para os chourizos ceboleiros e mais as longaínzas. Cabaza no forno de...[13]

A partir da década de 1990, comezou a se celebrar intensamente en Galiza o Samaín, especialmente nos colexios, mesturando tradicións galegas cos costumes norteamericanos do Halloween.

Con todo é o Magosto probablemente o herdeiro directo, vivo e ben documentado en Galiza destas festividades célticas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rogers, Nicholas (2002). Samhain and the Celtic Origins of Halloween. Halloween: From Pagan Ritual to Party Night, pp. 11–21. Nova York: Oxford Univ. Press. ISBN 0-19-516896-8.
  2. Linda S. Watts (2006) Encyclopedia of American Folklore, p. 187. Nova York: Facts on File
  3. Nicholas Rogers, «Samhain and the Celtic Origins of Halloween», Halloween: From Pagan Ritual to Party Night (Nova York:Oxford University Press, 2002), 11-21.
  4. Samhain significa «Fin do Veráno» e celébrase o 31 de outubro (hemisferio norte) e o 1º de maio (hemisferio sur) é unha das dúas noites de «espíritos» en todo o ano, sendo a outra Beltane. É unha intervención máxica onde as leis mundanas do tempo e o espazo están temporalmente suspendidas e a barreira entre os mundos desaparece. Comunicarse con antergos e amores finados é doado para ese tempo.
  5. Hutton, Ronald (1996), Stations of the Sun: A History of the Ritual Year in Britain. Oxford, Oxford University Press ISBN 0-19-288045-4
  6. 6,0 6,1 Danaher, Kevin (1972), The Year in Ireland: Irish Calendar Customs Dublin, Mercier. ISBN 1-85635-093-2 pp.190–232
  7. Campbell, John Gregorson (1900, 1902, 2005), The Gaelic Otherworld. Edited by Ronald Black. Birlinn Ltd. ISBN 1-84158-207-7 pp.559-62
  8. Arnold, Bettina (31-10-2001). "Halloween Customs in the Celtic World". University of Wisconsin-Milwaukee. Arquivado dende o orixinal o 24-06-2011. Consultado o 16-10-2007. 
  9. LEIRO LOIS:32.
  10. O'Driscoll, Robert (ed.) (1981), The Celtic Consciousness New York, Braziller ISBN 0-8076-1136-0 pp.197-ruyur216: Ross, Anne, «Material Culture, Myth and Folk Memory» (on modern survivals); pp.217-242: Danaher, Kevin, «Irish Folk Tradition and the Celtic Calendar» (on specific customs and rituals)
  11. «Halloween nos devuelve mitos, pero muy adulterados»
  12. «Samaín» Arquivado 31 de outubro de 2014 en Wayback Machine., artigo de Rafael López Loureiro en Vieiros da Escola, novembro de 2006.
  13. Tesouro Informatizado da Lingua Galega

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]